Moitas das múltiples expectativas que Feijóo trouxo na súa maleta ao regresar da súa última viaxe por México están fiadas ao desenvolvemento do Pacto por México, un plan de reformas e investimentos públicos acordados polo presidente do país centroamericano, Enrique Peña Nieto, coas principais forzas políticas desa república. Segundo Feijóo, ese pacto contempla 40.000 millóns de dólares de investimento anual que son "unha gran oportunidade para a economía galega, máis aínda cando dese total, 25.000 millóns se corresponden a investimentos de Pemex". Apenas unha semana despois do regreso do presidente, ese pacto non pasa polo seu mellor momento.
Segundo detallan diversos medios de comunicación mexicanos o consenso que presidiu o nacemento deste plan está en risco de saltar polos aires despois de que o Partido de Acción Nacional (PAN) dese a coñecer "trece horas de audios e vídeos", segundo reflicte o xornal Proceso, nos que "exhibiu unha rede de funcionarios de la Sedesol [a Secretaría de Desenvolvemento Humano] e do goberno de Veracruz que acordaron accións para usar electoralmente os programas sociais" incluídos no pacto. As denuncias do PAN afirman, recolle o xornal Informador, que o partido o presidente Peña Nieto, o PRI, planeaba "beneficiarse" destas prestacións sociais "nas próximas eleccións en Veracruz" chegando, por exemplo, a "condicionar a entrega de cadeiras de rodas" a persoas necesitadas "coa intención de obter votos".
O escándalo estourou despois de que o principal partido da oposición fixese públicas gravacións que amosaban unha estratexia para usar plans sociais con fins electorais
No medio desta polémica o presidente do PAN, Gustavo Madero, esixiu a dimisión da ministra de Desenvolvemento Social, Rosario Robles, unha das dirixentes que se reuniu con Feijóo durante a súa viaxe e que é situada polo partido opositor como unha das responsables do escándalo. Robles respondeu "co despedimento de sete funcionarios", informa a prensa mexicana, pero non dimitiu.
Este é, a grandes trazos, o panorama previo a decisión do PAN de non participar en ningún acto público do Pacto por México ata que se aclare a situación. Isto implicaba a ausencia dos panistas na presentación da reforma financeira, programada para o pasado martes e que supón o terceiro acordo pechado, despois da reforma educativa e da centrada nas telecomunicacións. Neste contexto, Peña Nieto reaccionou inicialmente limitándose a apoiar á ministra de Desenvolvemento e instándoa a non preocuparse polas "críticas", se ben acto seguido decidiu "suspender temporalmente as actividades públicas relacionadas co Pacto por México, coa fin de abrir un espazo para o diálogo franco que permita superar os desencontros", sinalou nun comunicado remitido á prensa.
Vinte e catro horas máis tarde, este mesmo mércores, o tamén líder do PRI mudou o ton e, nunha aposta por arrefriar a situación, asegurou que "non tolerará o uso electoral dos programas sociais", ademais "refrendar" o "compromiso de vixiar que ninguén se lucre coas carencias e necesidades das persoas". Neste contexto, di, vai "contribuír a que prevalezan as condicións do diálogo e acordo con todas as forzas políticas, das que gabou a "madurez, reponsabilidade e vontade" á hora de asinar o pacto agora en crise. Horas antes, a responsable de Desenvolvemento Social asegurara no Senado do país ter a "conciencia tranquila" mentres a oposición reclama un "xuízo político" contra ela polo escándalo electoral. O pacto e os investimentos que eventualmente puidesen chegar a Galicia están, como mínimo, a expensas da resolución ou non desta crise.