A mexicana Pemex faise co control de Barreras

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

Os acordos entre a Xunta e o goberno mexicano dan os seus primeiros resultados. A petroleira Pemex vense de facer co control do estaleiro Barreras de Vigo. O consello de administración da petroleira estatal do país azteca acordou este pasado luns adquirir o 51% do capital da compañía galega, unha operación que se confirmará nesta mesma semana, segundo aseguran a Praza fontes do consello da firma azteca, e tal e como confirma xa algún medio o país latinoamericano.

O acordo implica a construción de dous floteis nos estaleiros de Vigo

"Falta asinar o acordo, pero esa é a idea de Pemex", asegura un conselleiro de Pemex, que confirma que o director xeral do consello de administración da petroleira informou o luns das intencións da compañía. O acordo contemplaría a compra de dous floteis que tamén serían construídos nos estaleiros vigueses, dentro do pacto ao que chegou o Goberno galego co Executivo azteca xa hai varios meses e que implicaría a futura construción doutras embarcacións, neste caso en colaboración con estaleiros de México. Nada se sabe de se este acordo implica excluír a Navantia da construción dos polémicos floteis.

Segundo engade a prensa mexicana, Pemex queda co control de Hijos de Barreras aproveitándose da difícil situación económica do estaleiro, o que fai posible a entrada de capital externo na compañía. Niso inclúese a construción de dous hoteis flotantes por un importe de máis de 300 millóns de euros e ante a dificultade para conseguir os avais que argumentaba a empresa galega.

A prensa mexicana ve a operación como un órdago de Pemex á Xunta: ou entra no capital de Barreras ou non hai floteis

No marco desta operación, Pemex non debería ter problema ningún á hora de pedir un crédito bancario. "A xogada pode ter sido maestra para os intereses da petroleira estatal", asegúrase na prensa mexicana, que destaca tamén que Pemex "acode ao rescate" dunha firma "moi ben preparada tecnoloxicamente" e que, "curiosamente", celebra o vindeiro 6 de maio unha xunta extraordinaria na que a ampliación de capital é o punto clave da orde do día. Segundo as mesmas informacións, José García Costas manteríase na presidencia de Barreras.

Desde México vese esta operación como un órdago lanzado desde Pemex á Xunta de Galicia: ou entra no capital de Barreras ou non hai floteis. De feito, fálase incluse dunha contraprestación, que non sería outra que o feito de que Pemex se instale no porto exterior de Punta Langosteira cunhas condicións moi favorables.

Feijóo, xunto ao presidente de México, Peña Nieto © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.