Ata catro organismos investigan na actualidade a compra de Barreras por parte de Pemex: a propia petroleira estatal, a Fiscalía General de la República, a Unidad de Inteligencia Financiera (UIF) e a Secretaría de la Función Pública (SFP) do Goberno de México. A raíz da detención do ex-director xeral da compañía, Emilio Lozoya, as pescudas estreitan o certo sobre unha operación polémica e sinalada xa pola Auditoría Superior de la Federación (ASF), equivalente ao Tribunal de Contas en España, polas perdas económicas que supuxo, por non ser parte do negocio da empresa pública e pola opacidade e escurantismo dos contratos asinados en Galicia.
A Unidad de Inteligencia Financiera do Goberno de México prevé rematar a primeiros de marzo a investigación sobre Lozoya pola compra de Barreras
Non han tardar moito en saberse as primeiras conclusións das pescudas, segundo anunciou este domingo o xefe da UIF, Santiago Nieto, que aclara que este organismo terá rematadas na primeira quincena do mes de marzo as dúas investigacións a maiores --ademais dos dous casos de corrupción polos que foi detido en España-- sobre os negocios impulsados por Emilio Lozoya.
"Estamos preparando dúas investigacións adicionais, unha sobre o estaleiro en España, que xerou perdas a Pemex por 50 millóns de euros, e o tema relacionado con Fertinal", explicou Nieto, que asegura que con esas dúas investigacións que "faltan" pecharase "o paquete de temas vinculados co señor Lozoya". Nesas dúas primeiras semanas de marzo, segundo engade, a UIF "xa estaría en condicións de poder entregar a información e seguir con ese proceso que é tan relevante".
O Executivo azteca prevé presentar na primeira quincena de marzo ante a Fiscalía a denuncia contra Lozoya pola adquisición do estaleiro vigués
O seguinte paso, tamén nesa primeira quincena de marzo, será presentar as denuncias correspondentes ante a Fiscalía, que tamén investiga a adquisición por parte de Pemex do 51% do estaleiro vigués Barreras.
A UIF foi creada en 2004 polo Executivo mexicano co obxectivo de colaborar na prevención e o combate dos delitos de lavado de diñeiro e de financiamento do terrorismo. O seu labor, segundo a Administración azteca, é a de apañar información e analizar operacións financeiras sospeitosas para, de ser necesario, presentar denuncia ante as autoridades competentes.
Segundo fontes coñecedoras do proceso en México, as probas e testemuños que están a apañar diferentes investigadores sobre a venda de Barreras advirten de que todo empezou cando en 2012 o ex-presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, solicitou ao daquela xefe do Executivo mexicano, Felipe Calderón, que achegase diñeiro ao estaleiro vigués, un compromiso adquirido nos últimos meses do seu mandato e concretado logo con Peña Nieto. Ambos ex-presidentes están no punto de mira, segundo a prensa mexicana.
En abril de 2012, e sen case publicidade, Núñez Feijóo uniuse á viaxe presidencial que Rajoy levaba a cabo en México entre peticións de explicacións da oposición. Un ano máis tarde, e despois de que se anunciase a "alianza estratéxica" entre a Xunta e Pemex, Feijóo regresou a México para reunirse con Peña Nieto, un desprazamento que repetiría máis tarde para verse tamén co agora detido Emilio Lozoya, daquela director xeral da petroleira.
Carrera Panizzo, outro dos investigados, foi o representante de Pemex na sinatura de varios acordos coa Xunta
Segundo conta a prensa mexicana, na investigación sobre a compra de Barreras aparecen vinculados un mínimo de cinco ex-funcionarios de primeiro nivel. Fontes consultadas por Praza.gal advirten de que a investigación recaerá do mesmo xeito sobre José Manuel Carrera Panizzo, representante de Pemex no acto de sinatura do acordo coa Xunta en 2012, na altura delegado de Pemex Internacional, un dos principais protagonistas na maioría de pactos entre a petroleira e o Goberno galego e agora investigado tamén polas actuais autoridades mexicanas por presuntos sobrecustos na compra dunha compañía de fertilizantes, Agro Nitrogenados.
Tamén se investigan, segundo as mesmas fontes, as actuacións de Pedro Joaquín Coldwell, que fora secretario de Enerxía de México na mesma época e que desbloqueou, en conversas co daquela ministro de Industria, José Manuel Soria, a licitación dos dous buques floteis que Pemex acabou construíndo en Galicia.