"Temos que traballar. Comedor xa!", "Comedor=Conciliación", "Nenos ou traballo: ti elixes", "Educación impide a conciliación", "O Concello pon os cartos e a Xunta di que non", "Comedor en dúas quendas, xa!" ou "Román, recóllesme ti? Meus pais traballan" foron algunhas das mensaxes que se puideron ler este luns na concentración convocada polas nais e pais do CEIP de Pedrouzos (Brión) para protestar pola situación do comedor do centro.
As familias esíxenlle ao Goberno Galego unha solución que permita habilitar unha segunda quenda que posibilite dar este servizo con seguridade aos 190 nenos e nenas que ficaron excluídas
As familias esíxenlle ao Goberno Galego unha solución que permita habilitar unha segunda quenda que posibilite dar este servizo con seguridade aos 190 nenos e nenas que ficaron excluídas, cun grave prexuízo para as súas familias, que ven así moi dificultado o obxectivo de conciliar a vida laboral co coidado dos seus fillos e fillas.
As medidas impostas para previr contaxios de coronavirus obrigaron a reducir á medtade a capacidade do comedor, deixando fóra a case 200 rapaces e rapazas, especialmente a aqueles e aquelas que necesitaban deste servizo por razós de conciliación das súas familias.
Varios dos carteis que se puideron ver na concentración aludían a ese bloqueo por parte da Consellaría de Educación á solución ofrecida polo Concello: "O Concello pon os cartos e a Xunta os obstáculos"
A solución pasa, xaquelogo, por incluír unha segunda quenda no comedor, para o que é necesaria a presenza dun grupo adicional de monitores e monitoras. O Concello de Brión comprometeuse a contratar os traballadores e traballadoras necesarias para vixiar as crianzas, pero dende a Xunta, que xestiona de forma directa o comedor, só se admite que esta función sexa realizada por persoas voluntarias, que deben saír dos pais e nais do alumnado afectado. Porén, a realidade é que estes pais e nais non poden facelo por estaren traballando nese momento (o que, precisamente, é a razón pola que necesitan do servizo de comedor.
De aí que varios dos carteis que se puideron ver na concentración aludían a ese bloqueo por parte da Consellaría de Educación á solución ofrecida polo Concello: "O Concello pon os cartos e a Xunta os obstáculos". En opinión da ANPA, a solución proposta pola Xunta é "un pau nas rodas que dificulta o necesario desdobramento do comedor". En realidade, o único que se lle pide ao Goberno galego é que permita que o Concello desbloquee a situación. O Concello de Brión ratificou este luns o seu ofrecemento de axuda para contratar persoal: "aínda que a competencia é exclusivamente da Consellería, entendemos que o primeiro é apoiar e dar servizo ás familias", afirmou.
A ANPA Andaravia reclama que o servizo de comedor é "fundamental para a conciliación familiar e laboral"
A ANPA Andaravia reclama que o servizo de comedor é "fundamental para a conciliación familiar e laboral". A propia Orde da Consellaría de Educación do pasado 27 de marzo de 2020 que regulaba as axudas ás familias afectadas pola suspensión do servizo de comedor escolar por mor da pandemia lembraba que aínda que "a implantación do comedor escolar obedeceu nos seus inicios á necesidade de dar resposta á situación de desvantaxe social e económica de moitas familias", no momento actual o comedor escolar "está acadando novas virtualidades, derivadas da súa condición de medio básico na conciliación da vida laboral e familiar".
En moitos comedores xestionados directamente pola Xunta de Galicia reprodúcense os mesmos problemas
O caso do CEIP de Pedrouzos non é o único en Galicia. En moitos comedores xestionados directamente pola Xunta de Galicia reprodúcense os mesmos problemas á hora que tentar habilitar unha segunda quenda, imprescindible para que todos os nenos e nenas que o solicitaron poidan ter acceso ao servizo de comedor, mantendo deste xeito as distancias mínimas esixidas e a capacidade máxima permitida dos espazos.
Cando as anpas e os centros piden á Consellaría de Educación desdobrar o servizo, incorporando unha segunda quenda, a resposta do Goberno galego é que unicamente as nais e pais poden exercer esta función de monitoraxe, algo que para a maioría non é posible facer, pola incompatibilidade de horarios cos seus traballos.