No inicio do curso escolar, o pasado mes de setembro, familias do colexio María Barbeito da Coruña alertaron de que arredor de 40 pequenos quedaran sen praza de comedor. Entre as excluídas por presentaren a solicitude fóra de prazo e outras que quedaran provisionalmente en lista de espera, había tamén nenos e nenas aos que o Concello concedera a bolsa comedor.
A falta de espazo no comedor escolar do CEIP María Barbeito da Coruña provocou as protestas de familias e a decisión de facer obras para ampliar o espazo
A polémica, que levou á recollida de sinaturas por parte de centos de familias e á implicación e mediación do Concello ante a Xunta, deitaba luz sobre o problema real: a falta de espazo nun pequeno comedor que serve menús para 240 pequenos e que implanta tres quendas para poder acoller todas as solicitudes.
"Temos todos os nenos atendidos, tanto os que teñen praza pola necesidade de conciliación dos pais, como os que teñen bolsa comedor; o que non podemos é dar 360 comidas se só temos praza para 240, facemos tres quendas e non hai máis espazo", explica Óscar Licinio Mourenza, director dun centro situado no Ventorrillo e que acolle cativada dese barrio e da Agra do Orzán, o máis populoso da cidade e dos de maior densidade de poboación de Galicia e do Estado. Un colexio con máis de 600 matrículas neste curso.
A Xunta decidiu cofinanciar a obra para ampliar o comedor e pagar o 50%; a outra metade págao a ANPA: "É impresentable", di a Confapa
O comedor escolar deste centro é un dos máis de 200 que en Galicia xestionan as anpas (asociacións de nais e pais, que reciben axuda económica da Administración para este labor) e que dan servizo a uns 11.300 pequenos. Familias e dirección —e finalmente Educación— coincidiron na necesidade dunha ampliación, usando o espazo da antiga vivenda do conserxe.
A Xunta decidiu, xa que logo, cofinanciar a obra, que xa está en marcha. Pagará o 50% do montante duns traballos cun orzamento que rolda os 22.700 euros, segundo os detalles dun contrato menor xa licitado. Máis de 11.300 euros dos que se fará cargo a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. E quen paga os 11.355,91 restantes? A ANPA do centro, segundo un acordo ao que chegou o Goberno galego coa asociación de nais e pais deste colexio coruñés.
"Esta colaboración é froito dun acordo coa dirección do centro e coa ANPA", confirma a Consellería, que lembra que o Concello da Coruña "tamén podería colaborar se así o estima". Máis de 11.000 euros aos que fai fronte unha asociación de nais e pais.
"Non se pode facer responsables ás familias do abandono dos centros ou das súas necesidades; é responsabilidade da Consellería ter axeitados os espazos", di a confederación de anpas
"É impresentable", resume Rogelio Carballo, presidente de Confapa Galicia, a confederación de anpas no país. "Non se pode facer responsables ás familias do abandono dos centros ou das súas necesidades; é responsabilidade da Consellería ter axeitados os espazos... Só faltaría que as anpas tivesen que encargarse das reformas dos comedores", explica quen non oculta a súa sorpresa. "E se a asociación non tivese cartos, queda sen comedor? E se fixese falta unha caldeira ou un ascensor? Tamén o paga a anpa?", pregúntase.
"Non é o normal pero, por desgraza, é a forma que as anpas atopan ás veces para axilizar obras e resolver os problemas axiña", explica María José Ferreño, presidenta da Federación Provincial de Centros Públicas da Coruña (Fedapas Coruña). Malia os intentos, este medio non deu falado coa anpa do centro, de cuxo posible silencio xa advertiran fontes do movemento asociativo nos colexios.
"Non é o normal pero, por desgraza, é a forma que as anpas atopan para axilizar obras e resolver os problemas axiña", di a federación provincial de anpas
A obra está en marcha e a previsión da Consellería é que rematen xa no vindeiro mes de xaneiro. "Aí o tes —explica Ferreño—, se non se chegase a este acordo, posiblemente aínda non estaría nin licitada. Esta é a realidade", engade. "Hai anpas que asumiron obras para cambiar as fiestras ou outros traballos; non é que sexa o máis habitual, pero en moitos casos faise por evitar a tardanza que provocan as discusións entre administracións sobre quen ten a competencia", conta quen recoñece o impropio destes gastos para as asociacións de nais e pais pero que chega a entender que se asuman.
"As anpas non están para financiar obra ningunha; é gravísimo e o propio conselleiro debería manifestarse", di Carballo, desde a Confapa. "Asumimos responsabilidades que non nos competen, desde a xestión de comedores ata outros moitos labores, pero o mínimo é contar con espazos e recursos axeitados", di indignado.
"As anpas non están para financiar obra ningunha; é gravísimo e o propio conselleiro debería manifestarse", di Confapa
"É un círculo vicioso: a Consellería concede subvencións ás anpas para que xestionen comedores e as anpas acaban utilizando estes cartos mesmo para obras coma esta", explica o director do CEIP María Barbeito. Desde o departamento que dirixe Román Rodríguez advírtese tamén do "financiamento" que a Xunta realiza destas asociacións a través de axudas.
"Este ano incrementáronse as axudas ás anpas que xestionan comedores escolares, ata chegar aos 1,6 millóns de euros, un 33% máis ca no curso 2022/23 e case o triplo do importe que se destinaba a esta liña de axudas antes da pandemia", explica a Consellería. Axudas para anpas que xestionan 203 comedores escolares de centros públicos, modelo diferente aos dos 417 que xestiona directamente a Xunta (con máis de 60.000 usuarios) ou dos 49 de xestión municipal —cuns 4.700 comensais— que a Administración autonómica financia a través de convenios con 14 concellos.
"Non debería ser así, pero case prefiro que sexa a anpa quen xestione e controle o comedor dos meus fillos que depender directamente da Xunta; non me fío", conta unha nai que colabora na asociación do colexio dos seus pequenos.
Nos casos que ela coñece, as anpas tiran das axudas da Xunta para obras menores (mobiliario, pequenos arranxos...), material ou mesmo para subvencionar parte do menú a familias que quedan sen bolsa. Non é habitual que sirvan para financiar a ampliación dun comedor. "Hai quen prescinde de actividades e doutras posibilidades cando asume traballos importantes", engaden outras fontes asociativas.
"As anpas vémonos obrigadas moitas veces a facer máis cousas das que deberiamos: levamos moitos comedores, servizos de madrugadores... Temos que suplir a falta de servizo das administracións", advirte Ferreño, de Fedapas Coruña, que lembra que estas asociacións están compostas por "pais e nais voluntarios". "Facemos de balde un traballo que vale moito máis", remata Rogelio Carballo, da Confapa. Entre as súas funcións, agora tamén e polo menos neste caso, pagar a escote as obras para ampliar un comedor.