A área coruñesa eleva a media de novos casos diarios na última semana en todo o país a cifras de mediados de abril, un mes antes do inicio do desconfinamento
Dúas mortes máis en toda Galicia, unha delas na área sanitaria da Coruña, e un ritmo diario de novos casos rexistrados de coronavirus nesa mesma área de preto dun cento, que fan que en todo o país a media de novos casos diarios da última semana ascenda a 128, unha cifra que non se rexistraba desde mediados de abril, case un mes antes do inicio do desconfinamento o 11 de maio. Son as cifras oficiais sobre a pandemia ofrecidas este luns pola Xunta.
Hai en Galicia un total de 1.400 casos activos de coronavirus, o dobre que os 670 que se rexistraban o pasado luns
Segundo as cifras divulgadas este luns polo Sergas, que segue sen ofrecer unha serie completa dos seus datos, hai en Galicia un total de 1.400 casos activos de coronavirus, o dobre que os 670 que se rexistraban o pasado luns. Só durante a fin de semana se rexistraron en toda Galicia 430 novos casos, fronte a 81 altas.
Salvo na última xornada, cunha cifra de probas PCR realizadas de 1.918, o Sergas leva seis días informando da realización de máis de 2.500 probas diarias en toda Galicia, e máis do 5% delas veñen dando positivo.
Se o venres non había ningunha persoa en UCI e só 42 en hospitalización ordinaria, agora xa son 5 en coidados intensivos e 57 hospitalizados, a gran maioría na Coruña
Canto á gravidade dos casos, durante esta fin de semana faleceron dúas persoas (un home de 69 anos en Pontevedra e unha muller de 86 na Coruña) e se o venres non había ningún paciente en coidados intensivos, o Sergas informa este luns de que xa hai cinco, catro deles na Coruña. Igualmente, fronte ás 42 persoas ingresadas en hospitalización ordinaria das que se informaba o venres, hai este luns un total de 57, 44 delas na Coruña
Ademais da Coruña, durante a fin de semana rexistráronse aumentos significativos de casos en Ourense (de 73 a 114) e Ferrol (de 35 a 53)
Por áreas sanitarias, e máis alá do brote da Coruña (con 97 novos casos comunicados o sábado, 94 o domingo e 84 este luns), durante a fin de semana rexistráronse aumentos significativos de casos en Ourense (ao pasar dos 73 positivos activos comunicados o venres a 114 este luns), Ferrol (con 35 comunicados o venres e 53 este luns) e Santiago (42 na información divulgada polo Sergas o venres e 63 na deste luns).
Nas residencias hai oito persoas afectadas nun centro de Culleredo, onde se rexistrara previamente o caso dun traballador, colectivo entre o que hai un total de catro casos en toda Galicia
No que respecta ás residencias, tras darse o venres por curados tres residentes do centro Domus Vi Matogrande da Coruña, este luns infórmase de oito casos activos na residencia Orpea Coruña de Culleredo, onde durante a fin de semana se rexistrara un caso nun traballador. Entre o persoal, ademais dese caso durante a fin de semana apareceu outro na residencia Domus Vi Barra de Miño de Coles, que se suman aos dous xa detectados previamente en centros de Xove e Paradela.