Galicia suma cinco novos falecementos polo coronavirus, pero mantén estable o seu número de contaxios e hospitalizacións

©

A media nos últimos sete días ascende lixeiramente, ata os 236 novos casos diarios. Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha incidencia menor, superada unicamente por Asturias

A situación da segunda onda da pandemia mantense estabilizada en Galicia. Nos datos correspondentes a este venres, que vén de comunicar a Consellaría de Sanidade, hai que engadir novos 281 diagnósticos de Covid-19. Trátase da cifra máis elevada dende o mércores da pasada semana, pero segue por debaixo dos 300. A media nos últimos sete días ascende lixeiramente, ata os 236 novos casos diarios. Ademais, o número de hospitalizacións e de persoas ingresadas nas UCI tamén se mantén estable, un bo indicador no que atinxe aos casos de máis gravidade.

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada do coronavirus en Galicia é de 111,58 casos por cada 100.000 habitantes detectados nos últimos 14 días, moi por debaixo da media do Estado español (267,82 casos), que seguen a encabezar Madrid (682,57) e Navarra (558,69). Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha incidencia menor, superada unicamente por Asturias.  

Dende o inicio de setembro o número de defuncións relacionadas coa enfermidade foi de 67

Desafortunadamente, este sábado hai que sumar cinco novos falecementos de persoas que foran infectadas polo coronavirus. A cifra total dende o inicio da pandemia en Galicia ascende a 710. Son xa 31 mortes na última semana e 54 nas últimas dúas semanas. Dende o inicio de setembro o número de defuncións relacionadas coa enfermidade foi de 67.

As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron varón de 93 años que faleceu no hospital privado POLUSA de Lugo, unha muller de 85 años que faleceu no Hospital Lucus Augusti e un varón de 89 anos que faleceu no CHUAC. 

A taxa de positividade en Galicia foi do 6,9% na última semana, a segunda máis baixa en todo o Estado

O número de probas PCR realizadas mantense en niveis moi elevados. Este venres comunicáronse 5.365 tests, a terceira cifra máis elevada dende o inicio da pandemia. A media nos últimos sete días ascende a 4.595 probas e a taxa de positividade (porcentaxe de PCR cun resultado positivo) medra ata o 6,9%, segundo os datos oficiais do Ministerio de Sanidade correspondente aos sete días anteriores.

A media española está no 13,2% e en Madrid chega ao 22,5%. Tan só Asturias presenta unha taxa de positividade inferior á de Galicia.

O número de casos activos comunicado polo Sergas medra este sábado ata os 4.365 (eran 4.317 onte). Trátase da cifra máis alta dende o pasado 28 de abril. Faino a pesar de que o número de 'altas' ou 'curacións' tamén medra notablemente, de 16.297 a 16.525.

O número de casos activos comunicado polo Sergas medra este sábado ata os 4.365 (eran 4.317 onte). Trátase da cifra máis alta dende o pasado 28 de abril

Dos 4.365 casos activos, a maioría (4.136) atópase en corentena nos seus domicilios, con síntomas leves. O número de persoas infectadas polo coronavirus que se atopan hospitalizadas mantense estable nas últimas semanas, baixando este sábado de 241 a 229. 29 delas están nas UCI (eran 32 onte) e 200 (209 onte) noutras unidades de hospitalización. 

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, o 3% das camas dos hospitais galegos están ocupadas con pacientes de Covid-19. Trátase da segunda porcentaxe máis reducida en todo o Estado, lonxe do 8,7% da media española e máis aínda dos datos da Comunidade de Madrid (22%).

O 3% das camas hospitalarias galegas están ocupadas con persoas con Covid-19

A situación das residencias de maiores e centros de atención á discapacidade tampouco experimenta grandes variacións este sabado: 261 persoas usuarias e 103 traballadoras e traballadores están infectadas (eran 263 e 102 este venres). Nas últimas 24 horas só se engadiron tres novos casos de infeccións entre residentes e persoasl. 

As áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo son as que máis aumentan o seu número de contaxios. E Pontevedra supera xa a incidencia acumulada da área da Coruña

Por áreas sanitarias, dos 4.365 casos activos, 1.223 son da área da Coruña (14 menos ca onte), 744 da de Lugo (1 menos), 509 da de Ourense (2 menos), 651 da de Pontevedra (40 máis), 431 da área de Vigo (25 máis), 626 da de Santiago (5 menos), e 181 da de Ferrol (5 máis).

As áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo son as que máis aumentan o seu número de contaxios, mantendo a súa tendencia ascendente dos últimos días, especialmente acentuada na área de Pontevedra e O Salnés, que pasou de 308 a 651 casos nas últimas dúas semanas.

Isto fai que a incidencia acumulada da enfermidade nesta área (222,25 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días) supere xa a existente na área da Coruña (221,98 casos) e se achegue aos datos de Lugo, que segue a rexistrar a situación máis desfavorable (233,49 casos). A pesar dos aumentos rexistrados nos últimos días, a área sanitaria de Vigo segue a ser a zona de Galicia con menos casos por habitante (74,90).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.