Xusto o día en que comeza o curso escolar en ESO, Bacharelato e FP, coñecemos que o número de positivos de coronavirus detectados nos centros de ensino galego segue en ascenso. O pasado sábado, cando a Xunta comezou a notificar estes datos, había 96 infeccións en toda Galicia, cun total de 27 aulas pechadas. No parte informativo deste martes (correspondente á situación do luns), os positivos medraran xa ata os 161, con 35 aulas pechadas. Este mércores a Consellaría de Sanidade informou da situación correspondente a este martes, cun aumento no número de diagnósticos de coronavirus entre alumnado e profesorado e un total de 179 positivos. Ademais, a cantidade de aulas pechadas pasou de 35 a 50, case o dobre que o pasado sábado.
Os positivos afectan a un total de 139 centros en toda Galicia, correspondentes a 58 concellos
As escolas infantís suman un total de 20 positivos, con 17 aulas pechadas (o sábado os positivos eran 15, con 5 aulas pechadas). O resto de centros, de Primaria, acumulan 159 positivos e 33 aulas pechadas (eran 81 e 22). Nestes momentos, a Consellaría de Sanidade informa de que non hai ningún centro pechado ao completo.
Os positivos afectan a un total de 139 centros en toda Galicia, fronte aos 126 centros afectados este martes e aos 73 do pasado sábado. En total detectáronse infeccións en colexios de 58 concellos.
Os concellos con máis diagnósticos de coronavirus nos seus centros de ensino son A Coruña (19), Ourense e Vigo (17), Pontevedra (16) e Santiago (11)
O CPR Calasancio de Pontevedra, que a semana pasada chegou a pechar as súas portas por completo, segue a ser o centro con máis casos en Galicia, con 6 positivos e dúas aulas clausuradas temporalmente. O CPR María Auxiliadora de Vigo suma 4 positivos e 1 aula pechada. E o CEEPR Aceesca (O Porriño), o CEIP As Gándaras (Lugo), CEIP Barcelos (Pontevedra), o CEIP Fernández Latorre (A Coruña), o CEIP Irmáns Villar (Ourense), o CEIP Plurilingüe de Pedrouzos (Brión) e o CPR Plurilingüe Padres Franciscanos (Lugo) teñen tres positivos cada un, con aulas pechadas nos colexios coruñés, porriñés e pontevedrés.
Os concellos con máis diagnósticos de coronavirus nos seus centros de ensino son A Coruña (19), Ourense e Vigo (17), Pontevedra (16) e Santiago (11). As localidades con máis aulas pechadas son Vigo (9), Pontevedra e Ourense (6) e A Coruña (4).
"Toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral ten dereito a coñecer mediante un sistema público e transparente estes datos actualizados diariamente”, reclama CIG-Ensino
Nos últimos días docentes e familias de varias comunidades escolares criticaron que, nalgúns casos, a información feita pública polo Goberno galego non recollía todos os positivos detectados nos centros, e tampouco a totalidade de aulas sobre as que se decidira o seu peche. Ademais, CIG-Ensino rexeitou este mércores que a Xunta se limite a informar desta situación a través dos comunicados remitidos aos medios de comunicación, esixindo que esta información detallada estea dispoñible na páxina web da Consellaría de Educación. "Toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral ten dereito a coñecer mediante un sistema público e transparente estes datos actualizados diariamente”, reclamou Suso Bermello, secretario nacional do sindicato.