O número de positivos de coronavirus detectados nos centros de ensino galegos segue a aumentar. Este xoves, segundo a información notificada pola Consellaría de Sanidade, son 199 os casos rexistrados, vinte máis que onte, o que obrigou ao peche de 53 aulas (tres máis que este mércores). Non hai ningún colexio pechado na súa totalidade.
Hai un total de 199 casos de coronavirus e 53 aulas pechadas
16 escolas de Infantil suman un total de 20 positivos, con 7 aulas pechadas (10 menos ca onte). Pola súa banda, o resto de niveis acumulan 179 casos e 46 aulas pechadas, tres máis que este mércores.
Os positivos afectan a un total de 153 centros en toda Galicia, fronte aos 139 centros afectados este mércores e aos 73 do pasado sábado. En total, detectáronse infeccións en colexios de 61 concellos.
Os positivos afectan a un total de 153 centros en toda Galicia, correspondentes a 61 concellos
O CPR Calasancio de Pontevedra, que a semana pasada chegou a pechar as súas portas por completo, segue a ser o centro con máis casos en Galicia, con 6 positivos e dúas aulas clausuradas temporalmente. O CPR María Auxiliadora de Vigo suma 4 positivos e 1 aula pechada. E o CEEPR Aceesca (O Porriño), o CEIP As Gándaras (Lugo), CEIP Barcelos (Pontevedra), o CEIP Fernández Latorre (A Coruña), o CEIP Amor Ruibal (Barro), o CEIP Plurilingüe de Pedrouzos (Brión) e a E.I. Salgueiriño (Santiago) teñen tres positivos cada un, con aulas pechadas nos colexios coruñés, porriñés, compostelán e pontevedrés.
Pontevedra e A Coruña, con 20 casos cada un, son os concellos que rexistran máis positivos. Vigo é a cidade con máis aulas pechadas
Pontevedra e A Coruña, con 20 casos cada un, son os concellos que rexistran máis positivos. Vigo (18), Ourense (15), Lugo (14) e Santiago (13) tamén superan a decena de infeccións. Vigo, con 10 aulas pechadas, é a cidade na que máis se tivo que adoptar esta medida. Ourense (7), Pontevedra (6) e A Coruña (4) son as seguintes.
"Falta de transparencia"
CIG-Ensino denunciou este xoves a "falta de transparencia" na xestión e comunicación de contaxios e peches de aulas, sinalando ademais que "as decisións que se están a tomar desde o ámbito sanitario e da administración educativa están a provocar dúbidas e confusión nalgúns dos centros educativos afectados".
"As decisións que se están a tomar desde o ámbito sanitario e da administración educativa están a provocar dúbidas e confusión nalgúns dos centros educativos afectados", denuncia a CIG
O sindicato reclama que os criterios de Sanidade cando se rexistran positivos sexan "claros e únicos". Como exemplo, explica que nos últimos días "decretouse o peche dun centro educativo polo contaxio de varios docentes cando noutro centro un caso positivo dunha docente non implicou ningunha decisión de corentena para o resto ou parte do claustro e nin tan sequera se lles fixo unha PCR". Ou que se ten decretado "a corentena de toda unha aula e da titora por un alumno contaxiado nun centro cando noutro si se mantén na casa ao alumando, mais non á titora" e mesmo hai casos nos que nin alumnado nin docente da mesma aula teñen que gardar corentena.
CIG-Ensino demanda que os datos de aulas e centros afectados "sexan públicos", dispoñibles na páxina web da Consellaría
Así mesmo, CIG-Ensino demanda que os datos de aulas e centros afectados "sexan públicos", dispoñibles na páxina web da Consellaría, e non se limiten á información que se lle proporciona aos medios de comunicación. Dende o pasado sábado o Sergas remite todos os días aos medios unha relación dos centros de ensino nos que foi detectado algún caso positivo ou onde algunha aula foi pechada. Porén, este xoves a información estatística foi distribuída nun pdf non editable, un formato pechado que dificulta o traballo dos medios de comunicación e moi afastado dos formatos abertos que as administracións públicas deberían manexar á hora de comunicar as informacións que a cidadanía ten o dereito de coñecer.
Este mércores o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sumouse ás voces que instan a Xunta a facer públicos os datos dos que dispón sobre a evolución da pandemia do coronavirus en Galicia. E a divulgalos, ademais, tanto aos medios de comunicación como á cidadanía en xeral, "en formatos de datos abertos e reutilizables, inseridos en series completas". Galicia continúa á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos sobre o coronavirus.