A situación da sanidade pública en xeral e da Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde en particular seguen marcando o debate político, máis aínda despois da concorrida mobilización convocada por SOS Sanidade Pública o pasado 12 de febreiro, con milleiros de persoas a reclamar "un cambio urxente" na política sanitaria da Xunta. O alí vivido foi unha "manifestación histórica", evocou este mércores Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, na sesión de control ao presidente da Xunta. Un "clamor social", resaltou o voceiro do PSdeG, Luis Álvarez, que urxe a Xunta a actuar.
Para a líder do Bloque, a manifestación de SOS Sanidade foi tamén mostra de que "o cambio político é imparable" porque a cidadanía está "farta", por exemplo de que haxa "lista de espera para a médica ou médico de cabeceira", da carencia de pediatras ou de "PAC sen persoal médico". Todas estas eivas, defende, teñen unha "razón", e "esa razón chámase 2.339 millóns de euros" de "recorte" acumulado nos orzamentos de Atención Primaria do Sergas, unhas cifras que Alfonso Rueda ve "manipuladas" porque Pontón "as terxiversa, as falsea" para despois imprimir coa "impresora que ten na casa" gráficos como os amosados no debate, nos que "pode poñer o que queira".
Pontón lanzara a súa pregunta detallando a diminución anual no orzamento de Atención Primaria a respecto de 2009, o derradeiro elaborado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Sesenta millóns menos en 2010, 150 en 2011... Ata 297 millóns menos en 2015, ano no que empezou a diminuír a fenda ata chegar a este 2023, con 1.526 millóns de euros de orzamento inicial, o que supón 89,81 millóns máis que en 2009 -sen contar o efecto da inflación-. Un saldo negativo de -2.429,61 millóns durante trece anos e unha diferenza positiva de 89,81 millóns no décimo cuarto, este 2023. En total, os devanditos 2.339,80 millóns de euros.
Pontón (BNG) reprocha a Rueda unha redución acumulada de 2.339 millóns de euros no orzamento de Atención Primaria a respecto de 2009 e o presidente asegura que se deben ao "aforro farmacéutico", se ben 882 millóns desa diminución non son atribuíbles á partida de medicamentos
Para Pontón, estes números son a proba da política de "recortes" que marcou a xestión sanitaria dos gobernos do PP dende 2009. Para Rueda, acreditan que "é imposible ter un debate serio" coa líder do primeiro grupo da actual oposición, porque "no fondo, descoñece" as cifras "ou llas dan mal". "Eses 2.340 millóns de euros é aforro farmacéutico", mantén o presidente para dar por concluída a cuestión.
Unha ollada aos sucesivos orzamentos do Sergas acredita unha notable redución no orzamento inicial destinado a receitas farmacéuticas -estas contas adoitan engordar ao longo de cada ano con sucesivas modificacións orzamentarias-. Sendo isto certo, non o é menos que durante dez exercicios, de 2011 a 2020, a diminución do orzamento do Sergas para Atención Primaria é superior á caída na dotación inicial de cada ano para as receitas de medicamentos nun tempo no que, ademais, os recortes aplicados polo Goberno do PP de Rajoy eliminaran o financiamento público a diversos fármacos.
Concretamente, nese período 2011-2020 a diminución acumulada do orzamento de Atención Primaria a respecto de 2009 foi de 2.276 millóns e o da partida de farmacia, de 1.393 millóns. Daquela, 882,93 millóns de euros de redución dos fondos para Primaria do Sergas non son neses anos atribuíbles á farmacia. Nos dous anos seguintes, 2021 e 2022, a caída do gasto farmacéutico nesta área da sanidade pública con relación a 2009 é superior (-123 millóns e -113 millóns) á diferenza do total dedicado a Atención Primaria no derradeiro ano do Goberno de coalición (-45,50 e -47,71). En 2023, o orzamento inicial de farmacia de Atención Primaria é menor que o de 2009 (-132,81 millóns) e o total desta partida sanitaria, maior, cos devanditos +89,81 millóns de euros.
Máximo de prazas MIR para formar persoal médico, "pancartas" e "bandeiras estreladas"
Álvarez (PSdeG) advirte ao presidente de que "mente" ao culpar a Pedro Sánchez da escaseza de persoal médico tras cinco anos de máximos de prazas MIR. O titular da Xunta acusa o Estado de non "flexibilizar" os criterios de docencia para "desgastar" os gobernos autonómicos
Alén da cuestión orzamentaria, tanto a nacionalista Pontón como o socialista Álvarez tamén puxeron o foco no que nas últimas semanas foi a cerna dos ataques do PP e do propio Rueda a SOS Sanidade Pública: o número de prazas MIR para formar novo persoal médico. Ante os datos que acreditan que estas prazas levan cinco anos marcando sucesivos máximos e compensando as reducións dos anos de Mariano Rajoy, Álvarez reprocha a Rueda que a Atención Primaria estea "a pagar os recortes da última década do PP". "Menten cando falan" de que Pedro Sánchez ten a culpa da escaseza, porque hai máis prazas MIR "que en calquera dos anos do señor Rajoy.
"O PP, cando gobernaba en Madrid, recortou o número de prazas MIR", agregou Pontón, e na Xunta "non convoca todas as que poden convocar. "Póñanse a traballar", reclamou a portavoz nacional do BNG, xa que "mentres veñen facer o seu numerito" ao Parlamento, "miles de persoas non teñen cita para o médico, hai nenas e nenos sen pediatra" e ao Goberno galego semella "que non lles importa".
Tampouco neste extremo Rueda coida que a oposición manexe as cifras con rigor, toda vez que "nos últimos dez anos" o persoal médico que realiza o MIR en Galicia ten "un 86% de permanencia" no Sergas, que se eleva ata o 90% en Atención Primaria, resaltou. O problema, agrega o presidente, é que "inexplicablemente" o Goberno de España non accede a flexibilizar os criterios para que un centro de saúde "poida impartir docencia", polo que "dos 450" centros dos que dispón Galicia, en 350 non vai ser posible formar novo persoal médico, "ergo, vai haber menos".
"Tanta bandeira estrelada, tanta pancarta, tanta consigna", acusa Rueda, é a única achega de BNG e PSdeG mentres o Goberno do PP "fala a través dos orzamentos"
Segundo o tamén líder do PP en Galicia, que desta volta evitou reprochar cifras das anteriores convocatorias MIR, o Goberno de España non permite flexibilizar eses criterios porque "está facendo política con todo isto" co obxectivo de "desgastar" os gobernos autonómicos e exercendo de "tertuliano" sobre a situación do sistema sanitario. Esa, acusa, é a razón pola que o PSdeG se manifesta con SOS Sanidade Pública, mentres que o BNG acudiu para falar de "cambio de ciclo" político en Galicia e "nada máis".
"Tanta bandeira estrelada, tanta pancarta, tanta consigna" censura Rueda, é a única achega de nacionalistas e socialistas mentres o Goberno do PP "fala a través dos orzamentos". Mentres, conclúe, Pontón pode "seguir imprimindo na casa" os gráficos alusivos a uns recortes que, afirma, non existiron.