O agro galego acolle con esperanza e cautela a prohibición da venda a perdas e esixe que se cumpra

Vaca frisoa nunha explotación gandeira de Arzúa © Sara Torreiro

Xa pasou media década dende as últimas grandes tractoradas en Galicia. Aquelas protestas contra os baixos prezos do leite derivaran nun acordo avalado pola Xunta e o Ministerio de Agricultura entre receos no campo galego por non incluír sancións para prácticas como a venda a perdas. Poucos meses despois despois, as principais organizacións agrarias galegas advertían: o leite subira un chisco nalgúns supermercados, pero ás granxas seguían chegando os mesmos cartos, en moitas ocasións sen cubrir custos.

Media década despois das últimas grandes tractoradas galegas e do fracasado acordo lácteo, o Goberno central reforma a lei da cadea alimentaria mentres xorden protestas agrogandeiras en varios puntos do Estado

Case cinco anos despois, os primeiros compases do novo Goberno de España da coalición do PSOE e Unidas Podemos están a ser marcados por protestas do sector agrogandeiro en múltiples puntos do Estado, moi especialmente no sur, en sectores como o do aceite. Así e todo, rexistráronse tamén mobilizacións en Galicia, con organizacións como Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego a advertiren das problemáticas específicas do país e a reclamaren ao Estado, pero tamén á Xunta, reformas legais para poñer fin a prácticas como a devandita venda a perdas.

Algunhas desas primeiras modificacións pasaron polo Consello de Ministros desta semana e este mércores chegaban ao Boletín Oficial do Estado como Real Decreto en vigor dende este 27 de febreiro -terá que ser ratificado posteriormente polo Congreso para continuar vixente- e nas organizacións agrarias galegas son acollidas cunha mestura de esperanza e cautela. Pero sobre todo, cunha esixencia: os gobernos galego e central deben garantir o seu cumprimento, deixando claro que non é "un decreto de boas intencións, senón de cumprimento efectivo", en verbas de Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Tractorada en protesta polos baixos prezos do leite, en 2015 en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Prohibida a venda a perdas con sancións de ata 100.000 euros

Entre as modificacións que, a priori, maior impacto poden traer consigo para o campo galego e para sectores como o lácteo destacan as reformas introducidas na lei da cadea alimentaria do ano 2013. De agora en diante, segundo o decreto, nos contratos alimentarios deberá figurar o "custo efectivo de produción do produto" e, sobre todo, a "indicación expresa de que o prezo pactado entre o produtor" e o "primeiro comprador" está a "cubrir o custo efectivo de produción". Con esta medida, o Ministerio de Agricultura di pretender frear as vendas a perdas.

A reforma establece que "cada operador" da cadea alimentaria debe "pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción"; non facelo será considerado unha infracción grave

Así, nun novo artigo específico para "evitar a destrución de valor na cadea", a lei pasa a obrigar a que "cada operador" teña que "pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción". Nesta liña, ao chegar á venda ás persoas consumidoras, tendas e supermercados "en ningún caso poderán repercutir a ningún dos operadores anteriores o risco empresarial derivado da súa política comercial". Segundo a reforma, estas prácticas pasan a ser consideradas infraccións graves da lei, con sancións de 3.001 a 100.000 euros.

Neste sentido, o Real Decreto inclúe tamén medidas contra o uso de produtos agrarios como reclamo. "Os pactos sobre promocións comerciais" deberán "contar co acordo explícito de ambas partes" e quedan vetadas as que "induzan a erro sobre o prezo e imaxe dos produtos" ou que "prexudiquen a percepción na cadea sobre a calidade ou valor dos produtos", indica o Real Decreto.

Primeira proba, os novos contratos do leite

A xuízo do sindicato Unións Agrarias, unha das primeiras probas da efectividade ou non das novas normas serán os novos contratos do leite, nos que o "novo marco" debe plasmarse "de inmediato", indica García. Neste sentido, advirte, unha vez vetado por lei a venda a perdas, "queda claro que os 29 céntimos por litro que algunhas industrias pretendían fixar para o próximo ano son ilegais".

Roberto García (Unións Agrarias) reclama plasmar "de inmediato" o "novo marco" nos contratos do leite: "Aparte do custo de produción, ten que ir a marxe de beneficio lexítima da explotación"

O que cómpre, agrega, é "mellorar substancialmente a oferta de boa parte das industrias" tomando como referencia limiares como un "prezo base de 32,5" euros por cada 100 litros. Non en van, resalta, "é necesario trasladar que o Real Decreto non establece dentro dos custos a marxe empresarial que ten que ter todo gandeiro". "Aparte dos custos de produción ten que ir a marxe de beneficio lexítima da explotación", subliña nun contexto no que o prezo medio do leite en Galicia se mantivo durante practicamente todo 2019 por baixo dos 32 céntimos por litro para as granxas produtoras.

Pola banda do Sindicato Labrego Galego a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, acolle a reforma dende a "desconfianza". Na presentación da campaña O rural galego sobre a mesa, que o SLG desenvolverá ata mediados de marzo, Vilalba detallou a preguntas da prensa que analizarán a "letra pequena" do Real Decreto dende a cautela de "non ser a primeira vez que se regula a cadea de valor". A desconfianza, subliña Vilalba, obedece a que ata agora as regulacións sempre se apoiaron na "boa fe das industrias e da distribución", unha "voluntariedade" que conduciu cada reforma "ao fracaso".

Isabel Vilalba (SLG) acolle a reforma con "desconfianza": "A única medida que pode cambiar as cousas é formar os prezos de abaixo cara a arriba"

"A única medida que pode cambiar as cousas é formar os prezos de abaixo cara a arriba", resalta a secretaria xeral do SLG, "partindo duns índices de referencia sobre custes de produción" que no caso galego "poden establecerse sobre a base de estudos do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo". A partir deses prezos mínimos, sinala, "pódese construír o valor final dos alimentos "sen perdas" para o sector primario. Ademais, agrega o SLG, o Ministerio "di que apoia as demandas labregas" pero, ao tempo "está a asinar tratados comerciais como o de Mercosur, que permitirá a entrada de cantidades inxentes" a sectores como o da carne de vacún, que "padece baixos prezos crónicos".

Roberto García (Unións Agrarias) e Isabel Vilalba (Sindicato Labrego), este 26 de febreiro en cadansúas roldas de prensa CC-BY-SA UUAA | SLG

Petición á Xunta: condicionar as axudas ao cumprimento da lei

Alén de reclamar a aplicación efectiva da prohibición da venda a perdas e as demais reformas incluídas no Real Decreto, como as referidas á fiscalidade, as organizacións agrarias tamén poñen o foco na Xunta. O Goberno galego, resalta Roberto García, ten na súa man "reforzar" o novo modelo "condicionando tamén as súas axudas ás industrias agroalimentarias a non ter ningunha denuncia por incumprimento da lei alimentaria".

"Se ademais da multa de ata 100.000 euros, polo incumprimento tamén quedase excluída de toda convocatoria pública de axudas, que industria se atrevería a incumprir?"

Se en Galicia existe a "seguridade" de que "o incumprimento destas obrigas ten unha sanción de ata 100.000 euros" e ademais desa multa, a empresa que infrinxa a norma "tamén queda excluída de toda convocatoria pública de axudas", "que industria se atrevería a incumprir?", pregúntase o secretario xeral de Unións Agrarias. Ademais, industrias como a láctea deberan ter en conta que a reforma "reforza a súa posición negociadora fronte á distribución".

O Sindicato Labrego apela tamén á Xunta neste contexto porque, advirte, "o rural galego segue fóra de todas as mesas de negociación onde se deciden as políticas que nos afectan", dende o propio Ministerio ata a Unión Europea, que actualmente discute a nova Política Agraria Común. "En plena negociación, a Consellería do Medio Rural non convocou as organizacións agrarias nin en mesas de traballo nin no Consello Agrario Galego para debater e acordar que modificacións se deben facer e defender mellor os intereses do noso agro", lamenta Vilalba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.