"A grande estafa": sobe o leite nas tendas e os gandeiros cobran o mesmo

Concentración de tractores ante o Lidl © Revista Afriga

O pasado mes de setembro, parte do sector lácteo e o Ministerio de Agricultura asinaron un acordo co que o Goberno central presumía de dar "estabilidade e sustentabilidade" a toda a cadea de valor a través dun pacto que se traduciría "en mellores prezos para cada tramo da devandita cadea" e do que sairían todos "beneficiados" pero, sobre todo, "os gandeiros de leite". Así o aseguraba a ministra Isabel García Tejerina tras asinar un documento con industria, distribución, cooperativas e Asaja, pero non con UPA e COAG, onde se inclúen SLG e UUAA, as dúas principais organizacións agrarias galegas e que ostentan a representación da maioría de produtores do país. Insistían en que non se atendían as súas demandas de concretar o que é o prezo sustentable nin establececer un importe de referencia e advertían da falta dunha cobertura xurídica que permita sancionar a aqueles que non cumpran co acordado. 

Nin o acordo lácteo de setembro nin os compromisos acadados coa distribución en decembro fixeron incrementar o importe pagado ás granxas

Chegou aquel acordo pouco despois das importantes tractoradas, pero tan só uns meses máis tarde, en decembro, os gandeiros volveron saír á rúa para presionar directamente ás cadeas de distribución mediante bloqueos e boicots tras comprobar que as subas nos importes pagadas ás granxas non chegaban. Carrefour, DIA, Gadisa, Eroski, Lidl, Alcampo ou E. Leclerc accederon a un incremento medio de 2 céntimos no prezo do leite que pagan ás súas industrias subministradoras -especialmente nas súas marcas brancas- para que repercutise finalmente nos gandeiros. Pero nin iso se cumpriu tampouco. 

"O acordo asinado en setembro xa se confirmou que foi un paripé e, aínda que o problema de fondo vai moito máis aló de conseguir unha revalorización mínima do produto co compromiso de trasladárllela ás granxas, está claro que tampouco se está a facer", di Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG e unha das voceiras da Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo, que volve convocar os produtores e a cidadanía a saír á rúa. Será unha mobilización este xoves ás 11.30 horas diante do edificio da Xunta en San Caetano e ante "as ameazas de non recoller leite, os prezos ruinosos, a pasividade da Xunta e o non traslado da suba de prezos ao consumidor aos produtores". 

"Foi unha grande estafa; estafaron e utilizaron os consumidores para subir un prezo nos supermercados que non repercutiu nos gandeiros"

Mentres os clientes ven como os supermercados si incrementaron os prezos do leite nas súas propias marcas, os gandeiros seguen a recibir "prezos irrisorios", as explotacións galegas contan cos importes máis baixos e 7 de cada 10 granxas que pecharon o pasado ano foron no país. "A distribución, froito desa revalorización, si que lles subiu os prezos aos consumidores; non está claro se esa suba lle foi trasladada ás industrias, pero o que si está clarísimo é que a industria non lle subiu nada aos produtores", insiste Vilalba, que cre que o paso dos meses confirmou un gran calote. "Estafaron e utilizaron os consumidores, cuxo compromiso co sector foi empregado para levar a cabo eses incrementos que ao final non repercuten nas explotacións", insiste. 

Ademais, nada queda daqueles compromisos "históricos" dos que Xunta e Estado falaban tras asinarse o acordo lácteo en setembro. Asegurábase un beneficio para toda unha cadea de valor "sustentable". "Onde está a sustentabilidade para quen cobra 20 céntimos por litro cando o propio Ministerio fala cuns custos de produción de 32? Foron os gobernos galegos e español os que avalaron esta estafa", di Vilalba, que lembra que o que SLG e UUAA advertiran -a falta de garantías e medidas sancionadoras- acabouse por cumprir. 

"Hai que buscar dunha vez unha regulación para que non haxa excedentes, que garanta unha cadea de valor sostible que permita manter a actividade de cada unha das partes, así como dotar de transparencia e trazabilidade ao seguimento do produto", reclámase desde a Plataforma, que se pregunta "como non pode haber un control do produto que entra nas industrias, como e cara a onde entra ou sae". 

A entrada de leite e queixo de fóra a prezos por baixo de custos "provoca unha competencia insoportable", segundo a Plataforma

Porque desde o colectivo -que agrupa sindicatos, organizacións de produtores, cooperativas e concellos gandeiros- lembran que en Galicia seguen a entrar leite e queixos por baixo de custos de produción que "provocan unha competencia insoportable" para as queixerías e granxas do país, con "prácticas abusivas e ilegais". E denuncian tamén a venda de leite en po, máis que posiblemente, como leite líquido por parte dalgunhas empresas. "Queda moito por facer", insiste Vilalba, que cre que os últimos agoiros do Goberno central, que calcula o peche de 5.000 granxas lácteas máis no Estado, "é unha mostra da incompetencia total de quen dirixiu a política do sector". "No noso ámbito, parece que levamos catro anos de gobernos en funcións, tanto na Xunta como en Madrid", remata. 

Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.