Delegados de CCOO, UGT e CIG péchanse na fábrica de PSA Peugeot-Citroën para denunciar sobrecarga de traballo

Delegados de CCOO, UGT e CIG pechados nas oficinas de PSA © CCOO

Os sindicatos din que se está a incumprir coa seguridade laboral e que hai operarios con problemas físicos e psíquicos

Responsables dos sindicatos CCOO, UGT e CIG no comité de empresa da fábrica de PSA Peugeot-Citroën de Vigo, na que é maioritario un sindicato independente propio da factoría, iniciaron este luns un peche no edificio de oficinas do complexo para denunciar a sobrecarga de traballo que din que están a sufrir os operarios dunha liña de montaxe.

Segundo os sindicatos, está a producirse unha reiterada sobrecarga de traballo nunha das liñas de montaxe da fábrica, na que non se están a cumprir con requisitos de seguridade laboral, presións que están a provocar problemas físicos e psíquicos aos traballadores. Os encerrados aseguran que non abandonarán a sua protesta ata que as súas reclamacións sexan atendidas.

Delegados de CCOO, UGT e CIG pechados nas oficinas de PSA Delegados de CCOO, UGT e CIG pechados nas oficinas de PSA De © CCOO

Os traballadores pechados están a recibir apoios externos, como o do propio secretario xeral de CCOO a nivel galego, Ramón Sarmiento, quen amosou a súa indignación ante a “lamentable actitude da dirección que nin se digna interesarse polas reivindicacións”. Tamén En Común-Unidas Podemos interesouse polo caso e a súa deputada Yolanda Díaz prevé visitar aos encerrados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.