A mobilización dos sindicatos leva a PSA Citroën a crear sete novos postos de traballo

Manifestación de persoal de PSA polas rúas de Vigo e fragmento do acordo acadado coa empresa CC-BY-SA CCOO - Praza Pública

Empresa e sindicatos avaliarán dentro dun mes a efectividade das medidas acordadas coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais

Sete novos postos de traballo cuxo funcionamento será avaliado dentro dun mes. Ese vén de ser o logro acadado polos sindicatos da fábrica de PSA Peugeot-Citroën en Vigo un mes despois de iniciar as súas mobilizacións en denuncia da sobrecarga de traballo que estaban a sofrer os traballadores dunha liña de montaxe. 

A comezos do pasado mes de maio UGT, CCOO e CIG comezaron convocar protestas por considerar que a sobrecarga de traballo en determinados postos da fábrica estaba a afectar á seguridade laboral e a poñer en risco a saúde dos traballadores. Primeiro representantes dos tres sindicatos pecháronse en oficinas da factoría e, ante a negativa da dirección a dialogar, convocaron paros e manifestacións para os días 17 e 22 de maio que a propia empresa admitiu que tiveron efecto na súa produción. Dous días despois, a dirección da fábrica aceptaba por primeira vez na súa historia unha mediación externa, a cargo do Consello Galego de Relacións Laborais.

Delegados de CCOO, UGT e CIG pechados nas oficinas de PSA a comezos de maio © CCOO

CCOO, UGT e CIG iniciaron hai un mes mobilizacións pola sobrecarga de traballo que denuncian que está a afectar á saúde laboral do persoal

Esa mediación iniciouse o pasado luns pero non foi ata ben entrada a noite deste xoves que, ante a falta de acordo das partes, a mediadora presentou unha proposta que foi finalmente aceptada tanto pola dirección da fábrica como pola maioría dos sindicatos. Entre estes últimos tamén se incorporou á mediación o sindicato independente maioritario na fábrica, que inicialmente se mantivera alleo ás protestas, mentres que CUT, que se incorporara ás mobilizacións dos outros sindicatos, rexeitou finalmente o acordo. A proposta levará á empresa a crear sete novos postos de traballo, así como outras medidas organizativas, de mellora da empregabilidade, relacionadas coa velocidade da liña de montaxe ou de información e formaócin. Unha comisión de seguimento avaliará dentro dun mes a efectividades das medidas agora acordadas. 

Os tres sindicatos impulsores das protestas din que “non dan por pechado o conflito, pois cómpre agardar a que transcorra o prazo dun mes para verificar a efectiva implantación de todas as medidas propostas” na mediación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.