Monbus defende o seu "total respecto pola normativa" e presentará alegacións a unha proposta que tamén prohibe contratar durante un ano con calquera administración en Galicia e que aínda debe ser ratificada polo pleno da comisión
En marzo de 2023 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sentenciou que Monbus e Alsa se repartiran ilegalmente o mercado das liñas de bus de transporte regular no concurso público convocado pola Xunta para renovalas en 2020, sentenza que despois foi ratificada polo Tribunal Supremo. A xustiza censurou que a Comisión Galega da Competencia nin investigase o caso malia recibir denuncias ao respecto e obrigouna a abrir un expediente sancionador.
Ese expediente vén de rematar agora a súa fase de investigación e a proposta que fai o investigador do caso, á que vén de acceder Praza.gal en exclusiva, é sancionar a 14 empresas do grupo Monbus e 6 do grupo Alsa con multas que suman 1,7 millóns de euros. Tamén se propón a prohibición de participar en calquera concurso público de transporte de pasaxeiros por estrada de calquera administración en Galicia durante un ano.
A proposta de sanción debe ser agora analizada polo Pleno da Comisión Galega da Competencia, presidido polo popular Ignacio López-Chaves, que vén de ser renovado no cargo polo Goberno galego. Antes as empresas poden formular alegacións, e iso é o que xa avanza Monbus que fará, defendendo o seu "total respecto pola normativa" de contratos públicos e asegurando que actuou buscando presentar "a oferta máis competitiva para a Administración".
En 2023 a sentenza do TSXG que analizou o concurso público da Xunta sinalou que "o feito de que Alsa e Monbus concorresen en UTE [unión temporal de empresas] a 5 lotes (entre eles, os 4 de maior importancia económica) e sen concorrer por separado a ningún dos outros 24 lotes, non pode interpretarse, conforme ás regras da lóxica e as pautas da experiencia, como unha 'casualidade' senón que ha de considerarse como unha 'causalidade' dun acordo, previo”. Unha actuación que “non está xustificada e responde á conduta, prohibida, de repartirse o mercado”, sentenciara o TSXG.
A investigación de Competencia obrigada pola xustiza di que "os acordos subscritos entre as empresas Alsa e Monbus" para participar no concurso da Xunta para o transporte interurbano "son constitutivos dun cártel" e vulneran a libre competencia
A Comisión Galega da Competencia, cuxo traballo foi cualificado como "ineficiente" polo TSXG "ao deixar de investigar as cuestións postas de relevo polas denuncias, sen comprobar as mesmas”, viuse obrigada a abrir un expediente sancionador, que agora vén de rematarse. A proposta que fai o investigador do caso, o subdirector de Investigación da Comisión, considera "que os acordos subscritos entre as empresas Alsa e Monbus para concorrer en UTES [ao concurso] son constitutivos dun cártel e vulneran" a lei de defensa da competencia. E lembra que "estratexias tales como a presentación conxunta de ofertas entre empresas coincidentes sen necesidade obxectiva é unha estratexia habitual que xera un gran prexuízo para o interese xeral, na medida en que implica perdas de benestar para a sociedade en relación coa calidade e prezo dos servizos".
As empresas implicadas formularon alegacións como as supostas prescrición e falta de motivación no procedemento que lles causaría indefensión, vulneración da súa presunción de inocencia ou que o feito de que as empresas concorresen unidas ás licitacións supuña máis "eficiencias" para o servizo. O investigador desestima todas esas alegacións.

O investigador, pola contra, si ten en conta unha alegación. No seu momento o expediente de Competencia abrírase primeiro contra as empresas Grupo Autocares Monbus SL e Alsa Grupo SLU como supostas matrices dos dous grupos, pero despois o procedemento foi ampliado a outras 14 empresas do grupo Monbus e 6 do grupo Alsa. Grupo Autocares Monbus SL e Alsa Grupo SLU alegaron que non formaron parte das unións temporais de empresas (UTE) concretas que concorreron a cada lote do concurso público, e polo tanto non interviron na toma de decisións para presentar ofertas por parte das outras empresas dos respectivos grupos.
Finalmente o investigador de Competencia exime a esas dúas empresas de sanción e sinala que "durante a instrución do procedemento puido comprobarse tras a revisión das escrituras de constitución así como os estatutos de ambas mercantís que, a data de presentación de proposicións, non existen evidencias que permitan probar que as anteriores mercantís ostentaran unha posición de dominio sobre as empresas que conformaron as UTES Alsa e Monbus que lles outorgara influencia decisoria nas condutas presuntamente anticompetitivas despregadas. Así mesmo ambas mercantís non son empresas matrices de ambos grupos empresariais".
O resultado final é que o investigador propón sancións por infraccións moi graves para as 20 empresas consideradas responsables da ilegalidade en función dos seus volumes de negocio que van desde os 476.000 euros para Castromil SA, do grupo Monbus, ata os 325 euros para Cal Pita SA, do grupo Alsa. Tamén se propón que ningunha delas poida participar en ningunha licitación de transporte de pasaxeiros por estrada en Galicia de ningunha administración. Agora será o Pleno da Comisión Galega da Competencia, presidido polo popular Ignacio López-Chaves, quen deba analizar esta proposta e ratificala ou corrixila á alza ou á baixa.
Monbus sinala o seu "respecto absoluto polas resolucións ditadas polas autoridades aínda que discrepe completamente do seu contido e sentido, como é o caso"
Antes as empresas poden aínda formular alegacións á proposta de sanción, e iso é o que xa avanza Monbus que fará. O grupo empresarial sinala o seu "respecto absoluto polas resolucións ditadas polas autoridades sobre calquera expediente administrativo que lle afecte e polo órgano que a dita, aínda que discrepe completamente do seu contido e sentido, como é o caso". "O equipo legal está aínda estudando a fondo a proposta de resolución, que é un acto de trámite que non pon fin ao procedemento e respecto do cal existe un período de alegacións, pero xa pode adiantar que non comparte de ningún xeito o seu contido, polo que presentará o correspondente escrito de alegacións manifestando a súa firme oposición á mesma", engade a empresa.
Monbus di estar "completamente segura de que o pleno da CGC tomará en consideración estas alegacións e as terá en conta á hora de ditar a resolución correspondente, pois toda a súa actividade desenvolveuse e desenvólvese co máis absoluto respecto e rigor á legalidade vixente". A empresa "rexeita tajantemente que concorrese en práctica anticompetitiva algunha. A prioridade para Monbus á hora de postularse como licitadora dun concurso público é ofrecer o mellor servizo de transporte para os cidadáns e ao mesmo tempo presentar a oferta máis competitiva para a Administración". E di que "baixo ese único criterio, e tras unha análise interna de rendibilidades e sinerxias, en ocasións establece Unións Temporais de Empresas (UTEs) que, mediante a colaboración con outras empresas, permiten presentar unha oferta máis competitiva e eficiente á Administración".
A empresa conclúe incidindo no seu "total respecto pola normativa que regula as licitacións públicas e insiste en que sempre concorreu a elas en condicións de libre competencia entre multitude de licitadores".

Ademais desta investigación sobre o transporte regular, Competencia, co popular Ignacio López-Chaves á fronte, iniciou outro expediente por posibles prácticas anticompetitivas no transporte escolar
Esas alegacións que presente Monbus ou o resto de empresas implicadas serán analizadas por un pleno da Comisión Galega da Competencia presidido por un López-Chaves que vén de ser renovado polo Goberno galego para outros cinco anos no cargo e no que, ademais del, tamén son vogais a tamén ex-deputada do PP e profesora da USC María Teresa Cancelo e o igualmente profesor da USC Daniel Neira. Se ese Pleno ratifica a sanción, esta non será firme ata que así o referende a xustiza se algunha das empresas implicadas recorre este procedemento sancionador, como adoitan facer outras firmas implicadas en procedementos similares tanto de ámbito autonómico como estatal.
Ademais desta investigación, a Comisión Galega da Competencia ten tamén aberta outra similar "por posibles condutas relacionadas con prácticas anticompetitivas" noutro concurso público da Xunta, neste caso o convocado en 2021 pola Consellería de Educación para renovar o transporte escolar. Nesa investigación o acordo de incoación sinala 19 empresas, das que 11 son do grupo Monbus.