Galicia en Común advirte de que un posible colapso nos hospitais será "consecuencia dos recortes de Feijóo"

© GaliciaenComún-Anova-Mareas

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, instou hoxe á Xunta a reforzar os medios do sistema público de saúde para a loita contra a epidemia da Covid-19. Advertiu, ademais, que se os hospitais galegos acaban colapsando pola xestión da epidemia “será tamén a consecuencia de once anos consecutivos de recortes de Feijóo no orzamento de sanidade”.

Gómez-Reino lembrou que dende a chegada do PP á Xunta no 2009, o orzamento sanitario recortouse en máis dun 4% e o número de camas hospitalarias caeu case un 9%. “Se no canto de aplicar recortes ano tras ano se tivese reforzado o sistema sanitario con máis investimentos, os hospitais galegos estarían hoxe nunha situación moito máis óptima para enfrontar esta crise”, dixo. 

Gómez-Reino lémbralle a Feijóo que o orzamento sanitario recortouse en máis dun 4% e o número de camas hospitalarias caeu case un 9% desde 2009

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas indicou que nos once anos de Goberno do PP, os recortes non só supuxeron "un considerable descenso na calidade asistencial, unha notable precarización das condicións laborais do persoal do Sergas e un incremento das listas de agarda", senón tamén "unha rebaixa considerable nos medios técnicos e humanos dispoñibles".

Cuarto do hospital vigués 'Alvaro Cunqueiro' © Sergas

“É incomprensible que a Xunta non bote man das preto de 120 camas que suman os hospitais da Rosaleda e da Esperanza en Santiago", di Noriega

“Pecháronse plantas enteiras de hospitais e centros de saúde, elimináronse prestacións e especialidades e nin sequera se cubriron as prazas de médicos e profesionais de enfermería", dixo, tras alertar tamén dun "paulatino proceso de privatización que supuxo converter nun negocio a saúde dos galegos”. "Antes de enviar doentes da Covid-19 a instalacións deportivas ou feiras de mostras, Feijóo debería reforzar a sanidade pública porque só imos saír desta crise desde unha concepción do público como garantía da nosa estrutura social”, concluíu.

Na mesma liña, Martiño Noriega apuntou que en Santiago cónstalle que non hai saturación nin no Clínico nin no Provincial de Conxo. "Descoñecemos se a Xunta ten previsto utilizar o hospital Gil Casares”, dixo, tras considerar que é un centro "que está preparado para acoller enfermos e enfermas, nunhas condicións moito máis dignas que calquera polideportivo”.

“É incomprensible que o presidente da Xunta non bote man das preto de 120 camas que suman os hospitais da Rosaleda e da Esperanza, xestionados ambos pola empresa HM e que só teñen nove persoas ingresadas con coronavirus, e insista en instalar entre 100 e 150 camas no pavillón de Sar”.

Neste mesmo sentido se pronunciou Eva Solla. "Esiximos a utilización de todos os recursos sanitarios privados e públicos que garanten as medidas de hixiene e salubridade antes de enviar as persoas doentes a hospitais de campaña. No noso país dispoñemos de instalacións que deben estar a disposión para frear esta pandemia", concluíu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.