A oposición pon o foco na importancia dos servizos públicos para facer fronte á crise polo coronavirus e reclama un reforzo dos mesmos. O PSdeG considera que as circunstancias actuais amosan que "o estado do benestar é unha garantía", o BNG pide máis protección para os profesionais que están "na primeira liña" e Galicia en Común-Anova Mareas aposta por "non deixar a ninguén atrás" na saída desta situación.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou un "plan urxente" para a sanidade pública e a política social, "fundamentais" nestes momentos. As prioridades son, dixo, aumentar o persoal, que este conte con contratos "axeitados" e que dispoña de "materiais e infraestructuras suficientes".
Gonzalo Caballero salienta que a "lección" desta crise é a da importancia dos servizos públicos e que o estado do benestar "é unha garantía"
A "lección" que se pode extraer da crise, afirmou, é a da importancia dos servizos públicos, polo que pediu mudar o sistema de contratación de persoal "por días ou por semanas" e ofrecerlle estabilidade. O Goberno galego debe continuar coas compras de material "que lle son propias" e aumentar o número de camas hospitalarias "de xeito inmediato", agregou. Na última década, criticou, "pecharon máis dun millar" e hai partes de hospitais que "non están plenamente operativas".
Os socialistas pedirán a comparecencia do conselleiro de Sanidade e da conselleira de Política Social na Deputación Permanente para que informen sobre a evolución da situación e aporten datos sobre as residencias de maiores. Tamén o BNG reclama as explicacións de Fabiola García ante o Parlamento.
Ana Pontón pide materiais de protección para quen está "na primeira liña" e tests masivos para o persoal dos servizos esenciais
A voceira nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, insistiu na necesidade de facer tests de forma "masiva" ao persoal dos servizos esencias e, en particular aos sanitarios. Tamén se lles debería facer a proba do coronavirus, engadiu, aos colectivos máis vulnerabes, como os maiores, ou ás mulleres embarazadas que o soliciten. Os traballadores que están "na primeira liña de combate" deben contar cos equipos de protección e a Xunta, reclamou, debe preparar as infraestruturas sanitarias "anticipándose a unha posible saturación".
Pontón pediu que se garanta "a implicación da sanidade privada" e que non haxa "infrautilización" do material e as instalacións nin despedimentos. A líder da formación nacionalista reclamou que, como fixo Portugal, haxa un "trato igualitario" para estranxeiros e inmigrantes irregulares durante a crise. No eido económico, propuxo que as autoestradas tanto autonómicas como estatais non cobren peaxes durante o estado de alarma e "reclamar a devolución dos 60.000 millóns de euros do rescate bancario" para facer fronte á covid-19.
Tamén o candidato á Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debe "exercer as súas competencias e poñer todos os medios da sanidade privada ao servizo da loita contra a epidemia", antes de pensar en enviar doentes a "instalacións deportivas para utilizalas como hospitais improvisados".
Gómez-Reino afirma que "a saúde pública" está "por riba de calquera outro interese" e pide non deixar a ninguén atrás na saída da crise
Gómez-Reino defendeu as medidas aprobadas polo Goberno central e o endurecemento das medidas de confinamento. "A saúde pública e a vida dos cidadáns están por riba de calquera outro interese", dixo e indicou que "non se entendería" que Feijóo "se situara no plano no que están mandatarios como Donald Trump, Boris Johnson ou Bolsonaro, que están a poñer problemas para paralizar o ámbito produtivo".
Ademais, destacou que as medidas buscan "a defensa das traballadoras e da saúde", e tamén da sociedade en conxunto. A saída da crise sanitaria "non pode deixar a ninguén atrás". "Non podemos permitir que suceda como en 2008", subliñou.