"O Goberno central practica un exercicio de responsabilidade nun momento no que o sistema sanitario está ao límite e xa saturado en comunidades"
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou este mércores o apoio do seu partido ao Goberno de Pedro Sánchez pola decisión de paralizar toda a actividade empresarial non esencial para frear a expansión do coronavirus. Ademais, censurou que forzas políticas "irresponsables" opten polo "acoso e derruba" contra o Executivo central.
"Non hai economía sen saúde, a saúde é o prioritario e o Goberno practica un exercicio de responsabilidade nun momento no que o sistema sanitario está ao límite e xa saturado en comunidades", dixo quen considera "necesaria" a medida.
Ademais, Caballero amosou a súa "lealdade" tamén coa Xunta coas medidas contra a Covid-19, o que contrapuxo a quen pretende "derrubar o Goberno de España, en lugar de entender que o país vive unha situación de crise sanitaria histórica". "Quen así actúa non está á altura das súas responsabilidades políticas", insistiu.
Preguntado pola posibilidade do traslado de pacientes dunhas comunidades autónomas a outras, Caballero aclarou que, de haber sistemas sanitarios colapsados, será preciso tomar "decisións" que dependerá do Goberno central que, como lembrou, xa dixo "con claridade" que analiza todas as opcións.