Logo dun encontro telemático con representantes da Asociación de autónomos e pequenas empresas e coa Asociación de traballadores autónomos, principais entidades nas que se organizan as 210.000 persoas deste colectivo en Galicia, a voceira do BNG, Ana Pontón, propón unha axuda directa de 2.000 euros para eles, no caso de ver reducidos bruscamente os seus ingresos ou ter que pechar, así como a supresión da cota durante tres meses.
"A ingresos cero, cotizacións cero", di Pontón, que propón tamén a eliminación do pagamentodo alugueiro ou da hipoteca durante o período non traballado
"A ingresos cero, cotizacións cero", di Pontón, que considera insuficientes as medidas do Estado e da Xunta para un colectivo que "representa un piar da economía de Galiza". O paquete de medidas proposto para os autónomos debe ser, advirte, compatible co anunciado polo Goberno central.
Entre elas, engade a eliminación do pagamento do alugueiro ou das cotas da hipoteca durante o período non traballado e aplicar unha quita do 50% nos tres meses seguintes á reapertura da actividade. Ademais, en materia fiscal, o Bloque propón atrasar os pagos de Facenda para non ter que realizar agora nin a declaración trimestral do IVE ni do Imposto de Sociedades.
O Bloque propón que as axudas poidan ser solicitadas por todos os autónomos que sufran unha caída do 50% na súa facturación mensual
“Seguiremos traballando para que Xunta e Goberno central sexan conscientes de que é necesario un maior apoio para manter un piar fundamental na nosa economía”, recalcou Pontón, que asegura que estas axudas deberían poder ser solicitadas por todos os e as autónomas que sufran unha caída do 50% na súa facturación mensual, xa que no Estado "agora é do 75%, cando en países como Dinamarca é do 30%".
Tamén advirte de que a subvención media de 660euros que reciben os autónomos é "insuficiente" en moitos casos mesmo para cubrir gastos básicos de alugueiro, hipotecas ou facturas de servizos, “polo que á maioría non lle quedará nada que levar a súa casa”.
Alén destas medidas, Pontón puxo tamén sobre a mesa outras como "reclamar a devolución dos 60.000 millóns de euros do rescate á banca, que daría para moito; aplicar unha fiscalidade máis xusta e distributiva ás grandes empresas e patrimonios e, desde logo, deixar atrás dogmas liberais para que os Estados e as administracións públicas poidan obter recursos recorrendo ao endebedamento se fose necesario para saír desta crise que vai ter graves consecuencias económicas”.
Na comparecencia, Pontón insistiu tamén na necesidade de tomar "medidas de calado" ante a situación das residencias da terceira idade en Galicia, entre elas a intervención do 100% dos centros privados.