A hospitalización por coronavirus volve baixar en Galicia e o 40% das persoas falecidas vivían en residencias

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os positivos activos chegan este 9 de abril aos 5.551, un aumento do 1,7%, e as persoas falecidas son xa case 300

A tendencia á moderación da curva epidémica do coronavirus en Galicia semella asentarse. Iso é, cando menos, o que reflicten os datos dos casos positivos activos detectados polo Servizo Galego de Saúde, que chegan este xoves, 9 de abril, aos 5.551. O crecemento nas últimas vinte e catro horas de novos casos, un 1,67%, é superior ao da xornada anterior -cando a evolución foi por primeira vez inferior ao 1%-, pero mantense na liña de moderación da última semana, lonxe das taxas das anteriores e mentres a hospitalización volve baixar.

As persoas falecidas pola covid-19 en Galicia son nove máis que no día previo e xa se achegan ás 300. Son, concretamente, 297 atendendo ao segundo parte de Sanidade no que se inclúe información relativa ás residencias de persoas maiores e dependentes. O incremento dos falecementos é do 6,83% mentres que o das altas supera o 13% e chegan ás 910.

A tendencia á moderación no número de novos casos detectados prodúcese mentres continúan a realizarse novas probas de detección. Foron realizadas xa 36.799 probas PCR en Galicia, segundo o Servizo Galego de Saúde, que no día previo reportaba 34.423. Sanidade non especifica, cando menos de momento, o número de test rápidos utilizados ["As PCR e os test rápidos son complementarios e necesarios para erradicar o coronavirus"]

Catro de cada dez falecementos, das residencias

O 21% do total de positivos activos en Galicia proceden de residencias de maiores e dependentes, entre persoas usuarias e persoal

O detalle sobre as residencias de maiores e persoas dependentes na base de datos oficial do Sergas, incluído tras o requirimento do Goberno central, permite constatar como unha parte importante tanto dos positivos activos como dos falecementos proceden destes centros. Concretamente, o 40% dos falecementos constatados no país foron ata o momento de persoas que vivían nestas residencias e 61 delas morreron nos propios centros residenciais. Estes falecementos en residencias aínda non están computadas na estatística do Ministerio, construída a partir da información fornecida polas autonomías, que dende esta semana teñen que informar o Estado sobre os centros residenciais dúas veces por semana.

Tamén é relevante o peso das residencias de maiores e dependentes no total de positivos. Un total de 818 persoas usuarias e 348 integrantes do cadro de persoal das residencias son este 9 de abril positivos activos de coronavirus. Isto supón que o 21% dos positivos do país teñen a súa orixe nestas instalacións.

Segue a descender a presión hospitalaria

A parte máis alentadora do parte diario sobre o impacto do coronavirus en Galicia volve a estar nun dos indicadores que máis preocupan ás autoridades e ao persoal sanitario, a carga asistencial nos hospitais. Por terceiro día consecutivo diminúe o número de persoas hospitalizadas por esta causa e, no caso das unidades de coidados intensivos, a baixada dura xa cinco días.

Concretamente, segundo o Sergas, este 9 de abril había 154 persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos a causa da covid-19, catro menos que na xornada anterior. Nas unidades hospitalarias ordinarias os ingresos son agora 794, case un 5% menos que no día previo.

Con estes datos, máis de oito de cada dez positivos activos en Galicia están en illamento domiciliario, segundo Sanidade. Están nesta situación un total de 4.603 persoas, o que supón que este indicador segue a subir -desta volta, un 3%- pero tamén a un ritmo moi inferior ao de hai unha semana -cando crecía ao 9% diario- e máis aínda en comparación coa semana anterior, cando chegou a avanzar máis dun 20% en vinte e catro horas.

Moderación en todas as áreas sanitarias agás a a ourensá

Por áreas sanitarias, a tendencia á moderación de novos casos positivos activos é relativamente xeneralizada por todo o país agás na ourensá. A área sanitaria da Coruña continúa sendo a que rexistra máis positivos activos, se ben a incidencia -casos por cada 100.000 habitantes- segue sendo maior en Ourense. Neste 9 de abril só unha área, a de Lugo, rexistra menos casos que na xornada anterior, aínda que a redución é de unicamente tres positivos activos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.