Os datos seguen apuntando ao perseguido aplanamento da curva da pandemia do coronavirus en Galicia. O balance de datos feito público este 5 de abril polo Servizo Galego de Saúde rexistra un total de 5.342 positivos activos, un crecemento diario do 3,23% que é o menor en vinte e catro horas dende que comezou no país o rexistro dunha pandemia pola que xa faleceron máis de 240 persoas.
Os casos positivos activos chegan a 5.342 e os falecementos, entre hospitais e residencias de maiores, chegan a 241
Nun contexto no que a nota positiva é, un día máis, o descenso da presión nas unidades de coidados intensivos -neste caso, un levísimo 0,59% menos que na xornada previa, cómpre ter xa en conta que o número de falecementos reportado polo Sergas e referido ao conxunto de Galicia en realidade, non é tal, senón que reflicte só as mortes por covid-19 nos hospitais.
Estes son un total de 199 aos que cómpre sumar 42 acontecidos en residencias de maiores, 8 nas últimas vinte e catro horas, e que o parte diario do Sergas non inclúe. Así se reflicte no gráfico baixo estas liñas. Agás información verbal como a fornecida o pasado domingo, os datos divulgados por ambos departamentos non permiten coñecer cantos dos falecementos que suman os hospitais -17 máis que no día anterior, un aumento do 9,34%- se corresponden con persoas procedentes das residencias. [Os datos do Sergas aínda non suman todas as mortes por coronavirus das residencias de maiores]
As altas volven aumentar e chegan a 610
Tamén avanza o número de altas rexistradas por Sanidade, aínda que a menor ritmo de días anteriores. Este 6 de abril chegan a 610, o que supón un incremento do 3,92%.
O número de casos positivos por covid-19 segue a baixar o seu ritmo aínda que, segundo informa Sanidade, continúan a realizarse novas probas PCR para detectar a doenza. Estas son xa 30.002, segundo o último parte -na xornada previa eran 28.191. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións]
Menos presión nas UCI
A tendencia que semella asentarse nos últimos días é a dunha diminución de carga asistencial nas unidades de coidados intensivos por mor desta pandemia. Segundo a información deste 6 de abril, as persoas que precisan desta asistencia son 168, o que supón a segunda diminución consecutiva, neste caso só cun caso menos que no día previo.
Si volven a aumentar os ingresos en unidades hospitalarias ordinarias, que chegan a 939, cun crecemento diario do 5,15%. Este ritmo de crecemento é o mesmo que o das persoas que están illadas a domicilio, que xa son 4.325 e seguen supoñendo case o 80% dos casos positivos activos detectados en Galicia, segundo Sanidade.
Vigo e A Coruña seguen por riba dos 1.000 e Ourense achégase
Por áreas sanitarias, as maiores do país, Vigo e A Coruña, continúan por riba dos mil casos e tamén se aproxima a esa cifra a de Ourense, que unha xornada máis experimenta o maior crecemento en termos absolutos -na área ourensá, a que ten un maior número de casos por cada 100.000 habitantes, está a residencia de maiores considerada un dos principais focos da pandemia na contorna, Nuestra Señora de La Esperanza, da Fundación San Rosendo-
A área de Santiago tamén rexistra un crecemento relevante nesta xornada e chega aos 871 casos activos. Mentres, os incrementos son menores en Lugo, Pontevedra e tamén en Ferrol, onde só aumenta un caso a respecto do día anterior.