O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este venres que proporá o vindeiro domingo, na Conferencia de Presidentes, que se permita saír a xente "como mínimo unha hora" para facer deporte de maneira individual, así como abrir talleres mecánicos e pequenos establecementos comerciais de forma controlada e mesmo con cita previa, ademais de reiniciar as obras de rehabilitación de edificios e reabrir os mercados municipais ao aire libre.
Feijóo cre "razoables" as demandas pola baixa proporción de positivos nas probas PCR no país: "O virus en Galicia tivo pouca circulación"
Na rolda de prensa telemática posterior ao Consello da Xunta, Feijóo insistiu nestas demandas que, dixo, "só se poden facer se hai seguridade sanitaria" pero que cre que son "razoables" neste momento en Galicia e na altura na que se atopa a pandemia de coronavirus. Segundo dixo, o Goberno galego solicitará estas medidas baseándose na proporción de positivos por probas PCR (que é aproximadamente do 10% malia facerse nos lugares de afectación "aguda"), o número de altas hospitalarias e a actual situación das UCI.
Eses datos demostrarían, segundo Feijóo, que "o virus en Galicia tivo pouca circulación e a maioría de poboación galega non tivo contacto con el". Afirmouno malia que non hai resultados do masivo estudo epidemiolóxico encargado polo Sergas, que empezou aínda este pasado xoves, e que sempre advertiu necesarios para preparar e determinar a "desescalada" que vai propor xa este domingo.
De feito, preguntado por ese estudo en comparanza co que vai levar a cabo o Estado, o presidente da Xunta considera que "o número de persoas que testa o Goberno central non vale para tomar decisións". Para o xefe do Executivo galego, testar algo máis de 4.000 persoas "non dá seguridade plena". "Prefiro testar 50.000 nunha primeira vaga e 50.000 despois", dixo.
Feijóo cre que o estudo epidemiolóxico do Estado "non vale para tomar decisións" tras reclamar unha "desescalada" propia sen ter os resultados do test do Sergas
Así, Feijóo anunciou que solicitará que a cidadanía poida facer durante unha hora deportes individuais como "bicicleta, correr, camiñar, pesca fluvial ou surf", ademais da demanda da reapertura dalgúns sectores económicos, entre os que citou os concesionarios ou os talleres mecánicos como fundamentais, aínda que xa están abertos e atenden, maioritariamente, as avarías de vehículos sanitarios ou das forzas de seguridade.
Ao mesmo tempo, o presidente da Xunta proporá tamén que a "desescalada" en Galicia se poida facer "por zonas e subzonas", tendo en conta a afectación da pandemia en diferentes territorios e limitando a mobilidade entre estes, ademais de reclamar que o Goberno central "faga unha peza separada co rural", que é maioritario no país e "non ten que ver coas cidades", ou mesmo por idades. "Non son o mesmo os menores de 19, os menores de 65 ou os maiores de 65", destacou.
Respecto do sector hosteleiro e da restauración, Feijóo asegurou que a Xunta mantén contacto cos seus representantes, cos que xa está valorando "a adaptación dos locais, que deben ter prevista". Ademais, e de acordo coa evolución da pandemia e cos datos do estudo epidemiolóxico do Sergas, o Goberno galego determinará "en que quincena ou mes sería prudente reactivar paulatinamente, con aforos limitados" os hoteis, bares ou restaurantes, aínda que todo a expensas tamén das indicacións do Goberno central.
O presidente da Xunta pide unha "desescalada por zonas ou subzonas" en Galicia e que se "faga unha peza separada co rural"
O anuncio de todas estas demandas por parte da Xunta chegou unhas horas antes de que os conselleiros de Sanidade das diferentes autonomías mantivesen unha reunión telemática co ministro homólogo, Salvador Illa, que xa advertiu de que tería en conta as demadnas pero que sería o Goberno central quen decidise.
Ademais, Feijóo anunciou tamén que a Xunta anticipaba o pagamento da Risga, que se abonará este venres ás 10.000 persoas que a perciben e que normalmente a reciben nos últimos días do mes, tres ou catro máis tarde do que nesta ocasión.