A epidemia de coronavirus está a afectar a todos os ámbitos da sociedade, tamén ao mundo da cultura, ao ensino ou á edición. E podería provocar cambios na celebración das Letras Galegas, que este ano 2020 se dedican a Ricardo Carvalho Calero.
Nos últimos días son varias as entidades que veñen propoñendo a extensión do Ano Carvalho Calero ao 2021: AELG, Galiza Cultura, A Mesa, AGAL, AEG...
A pasada semana a Real Academia Galega, organizadora da conmemoración, anunciou o traslado ao 31 de outubro do pleno extraordinario e público do Día das Letras (realizado sempre o 17 de maio), aproveitando que un día antes é o 110º aniversario do nacemento do homenaxeado. A RAG tomou esta decisión "ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos".
Porén, nos últimos días son varias as entidades que veñen propoñendo a extensión do Ano Carvalho Calero ao 2021, preocupadas polas dificultades que o confinamento está a provocar para a realización das actividades de todo tipo programadas ao redor do autor homenaxeado, dende publicacións editoriais, accións formativas nos centros de ensino ata a propia convocatoria de actos públicos. Isto estaría a dificultar o labor de difusión, valorización e coñecemento público que sempre acompaña ás Letras Galegas.
A medida estaría "máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", di Galiza Cultura
A federación de asociacións culturais Galiza Cultura fíxoo o sábado, a través dun comunicado no que propuña que a RAG alongue ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero, co obxectivo de manter as actividades previstas nos centros de ensino, sector da edición, medios de comunicación e noutros ámbitos. A medida estaría "máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", sinalaba a entidade.
De igual xeito, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) remitiu unha carta ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na que pide que "se avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021".
A AELG pide que "se avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021"
A AELG subliña que "sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural". Ademais, engade a AELG, "a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural".
"Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos", remata a AELG a súa carta.
"O curso académico non se retomará con normalidade, librarías e bibliotecas permanecen fechadas, a actividade do asociacionismo cultural está paralizada", alerta A Mesa
Fíxoo tamén A Mesa pola Normalización Lingüística, alertando de que a crise provocada pola Covid-19 interrompeu grande parte dos actos previstos para a difusión, valorización e coñecemento público da figura e da obra do autor galego e que as medidas de distanciamento social "fan que sexa imposíbel polo momento propor alternativas". "O curso académico non se retomará con normalidade, librarías e bibliotecas permanecen fechadas, a actividade do asociacionismo cultural está paralizada e isto afecta de igual maneira ao amplo abano de actividades, homenaxes e recoñecementos por todo o país ao autor homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2020", sinala A Mesa.
Finalmente, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) destacou nun comunicado que "non ten sentido celebrar unhas Letras ao 10% podendo facelo ao 100%" polo que propón que a RAG "considere o adiamento da homenaxe a Carvalho Calero para o próximo 17 de maio de 2021". AGAL sinala que "Don Ricardo, un dos autores máis completos do século XX galego non merece ficar sometido a tantas incertezas nin ao risco de ficar descoñecido pola maioría dos nosos escolares".
"No mes de outubro a receptividade dunha celebración deste tipo, emblemática do mes de maio, veríase drasticamente reducida", advirte AGAL, que di que "non ten sentido celebrar unhas letras ao 10% podendo facelo ao 100%"
A entidade engade que a día de hoxe "non podemos garantir que en outubro sexa posible haber concentracións de persoas das características das que se irían producir neste Dia das Letras 2020". E alerta de que "no mes de outubro, con moito traballo de planificación e burocracia en andamento, a receptividade dunha celebración deste tipo, emblemática do mes de maio, veríase drasticamente reducida e é probable que moitos centros educativos renunciasen a unirse a unha celebración prevista para maio". "O proprio profesorado, que viu interrompida a súa formación sobre Carvalho Calero mediante programas de formación, estaría lonxe de poder traballar un autor tan complexo e veríase obrigado a traballar improvisadamente a súa figura", engade AGAL.
A Associaçom de Estudos Galegos (AEG) reclamou tamén a extensión ao ano 2021 da celebración da Letras Galegas en homenaxe a Carvalho Calero
Finalmente, a Associaçom de Estudos Galegos (AEG) reclamou tamén a extensión ao ano 2021 da celebración da Letras Galegas en homenaxe a Carvalho Calero. A entidade subliña que coa medida a RAG "non só contribuiría a reparar unha omisión de homenaxe e recoñecemento públicos inxustificadamente postergados durante longos anos" senón que tamén posibilitarían "a aproximación da cidadanía galega a un legado lingüístico e literario fundamental para hoxe revitalizarmos a lingua autóctona da Galiza, prestixiarmos a súa literatura e internacionalizarmos a súa cultura".