Carvalho Calero recibe a súa homenaxe nun atípico pleno do Día das Letras Galegas celebrado en decembro

Ricardo Carvalho Calero, na Praza da Quintana © RAG / Moncho Rama

Do 17 de maio ao 12 de decembro, da primavera ás portas do Nadal. O Ano das Letras máis atípico, marcado dende o seu comezo pola pandemia da Covid-19, trasladou o tradicional pleno da Real Academia Galega dedicado a Ricardo Carvalho Calero a este sábado, no que será un dos actos centrais das homenaxes tributadas ao intelectual ferrolán.

A sesión, que comeza ás 12 do mediodía, pode seguirse en directo a través de Internet

O pleno, que comezará ás 12 horas, terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia, no mesmo edificio en que Carvalho Calero impartiu clases como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega en Galicia. O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado, a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. A sesión poderá seguirse en directo a través desta ligazón.

Imaxe do simposio das Letras dedicado a Carvalho Calero © RAG

Este pleno extraordinario da RAG ía celebrarse como é tradición o 17 de maio no Teatro Jofre de Ferrol. Porén, a pandemia de Covid-19 obrigou a adialo primeiro ao 31 de outubro e posteriormente de novo ata a cita deste sábado en Compostela

A Academia abriu a programación de actos dedicada a Carvalho coa presentación en Ferrol do proxecto web para o público infantil Primavera das Letras. O acto central, este pleno extraordinario da Real Academia Galega, ía celebrarse como é tradición o 17 de maio no Teatro Jofre de Ferrol. Porén, a pandemia de Covid-19 obrigou a adialo primeiro ao 31 de outubro, coincidindo co 110 aniversario do seu nacemento, e posteriormente de novo ata a cita deste sábado en Compostela. Con todo, houbo espazo para algunhas pequenas homenaxes o propio 17 de maio. Por mor das restricións sanitarias, boa parte da programación e actos tiveron como escenario as redes, con múltiples contidos impulsados tanto pola RAG como por AGAL ou outras entidades.

A programación presencial retomouse en outono coa celebración do Simposio Ricardo Carvalho, que inaugurou unha nova etapa en que os principais eventos da RAG están a ser emitidos en directo a través da web academia.gal. As catro xornadas do programa, que poden verse na mesma web, permitiron afondar na vida e na obra de Carvalho Calero da man de Carmen Blanco, Justo Beramendi, José-Martinho Montero Santalha, Dolores Vilavedra, Pilar García Negro, Alberte Valverde, Pilar Pallarés, Henrique Rabuñal, Laura Tato, Rosario Álvarez, Henrique Monteagudo, Eduardo Maragoto e Serafín Alonso Pintos.

Non só a Academia realizou actos de homenaxe a Carvalho Calero nesta semana de Nadal que se convertiu nunha das máis ateigadas de iniciativas ao redor da súa figura. Así, Ferrol acolleu este mércores a primeira presentación en Galicia da Fotobiografía Sonora ‘Carvalho Calero sen fronteiras’, unha publicación multimedia de Arraianos Producións, dirixida por Aser Álvarez e coa banda sonora orixinal de Moisés Quintas.

Ferrol acolleu este mércores a primeira presentación en Galicia da Fotobiografía Sonora ‘Carvalho Calero sen fronteiras'

De igual xeito, este venres o IES Rosalía de Castro de Santiago foi escenario da entrega de premios do II Certame de Podcast en Galego Xosé Mosquera Pérez, unha iniciativa deste instituto compostelán e de Arraianos Producións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio do colectivo Ponte nas Ondas, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a Radio Galega, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.

A finalidade desta iniciativa é divulgar as figuras de Xosé Mosquera Pérez (a primeira estrela mediática de Galicia, aló polos anos 30 ao darlle vida ao personaxe radiofónico “O vello dos contos”, que se fixo famoso na primeira emisora de radio no país, cando comezou a emitir regularmente en 1933) e de Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado en 2020 no Día das Letras Galegas.

O alcalde de Ferrol, na presentación de “Carvalho Calero sem fronteiras” © Concello de Ferrol

Así mesmo, o pasado 2 de decembro inaugurouse en Compostela, no Auditorio de Galicia, a mostra 'Carvalho Calero. A voz presente', comisariada polos profesores Carlos Quiroga e José Luís Rodríguez e organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.