Ana Romaní evocou este sábado en Noia a Xohana Torres e a Antón Avilés de Taramancos. As dúas figuras regresaron ao Coliseo Noela, onde compartiran palabra poética no Día das Letras Galegas do ano 2003, a través do discurso co que a escritora e xornalista ingresou formalmente este sábado na Real Academia Galega, onde cobre a vacante da autora do Eu tamén navegar, o discurso co que a escritora falecida en 2017 ingresara na institución académica a comezos de século.
Romaní evocou a Xohana Torres e Avilés de Taramancos como base do seu discurso de ingreso
Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas foi o título do discurso pronunciado por Romaní para entrar na RAG. Ante o plenario extraordinario da institución teceu unha intervención na que Xohana Torres foi omnipresente. O mar, Penélope, o "tear do poético", foron base dun discurso de reivindicación da poesía, do feminismo e do xornalismo comprometido.
A nova académica trazou unha cartografía de "complicidades na resistencia", dende as pioneiras da literatura ata as mulleres dos "lavadoiros, nas cadeas de conserva, nas redes dos peiraos"
Dende as pioneiras da literatura, Rosalía e todas as demais, ata as contemporáneas Pura Vázquez, Xela Arias, María do Carme Kruckenberg ou Begoña Caamaño, compañeira de Romaní nas letras e na Radio Galega, Ana Romaní debuxou ante o plenario e as persoas convidadas unha cartografía das "complicidades na resistencia", dos "lazos que engastan complicidades e diálogos" de voces diferentes. Nos libros e nos faladoiros, pero tamén "nos lavadoiros, nas cadeas de conserva, nas redes dos peiraos" onde as mulleres se xuntan e falan.
O seu traballo como xornalista na Radio Galega, a súa traxectoria no Diario Cultural de 1990 ao pasado 2018 e o transo actual dos medios públicos e as mobilizacións de boa parte do seu persoal foron tamén peza clave no ingreso de Ana Romaní na RAG. Grazas ao traballo colectivo singrou durante lustros nun "veleiro radiofónico" do que xurdiron proxectos innovadores, certames participativos e vieiros alén das ondas.
"Pensar en galego vai moito máis alá da lingua de uso. Somos unha perspectiva, unha posición, unha realidade. Somos idioma, non a súa tradución"
Ela, afirma, ten o convencemento de que "entre todas e todos podemos facer unha radio pública que se comprometa, na independencia e no entusiasmo, coa realidade e o futuro do país" e coa cidadanía que "a dota de sentido e de contido". "Hai audiencias que demandan e un idioma que urxe" ese tipo de radio e, en xeral, uns medios públicos que son ou deberan ser máis que "medios de comunicación en galego". "Deberían ser os medios galegos, modelos de información dun país e, polo tanto, deseños propios de parámetros informativos, de liñas de programación" e mesmo de "estruturas organizativas que garantan a súa independencia".
"Como todas e todos vostedes saben -apelou- pensar en galego vai moito máis alá da lingua de uso", xa que "supón unha perspectiva, unha posición, unha realidade. Somos idioma, non a súa tradución"e por iso "na actuar cartografía mediática, desoír esa función" e caer en dinámicas como a "reprodución mecánica" empurra estes medios a un "baleiramento de sentido". A unha "absoluta atonía" na que eses "corpos públicos" simplemente "aboian", advertiu.
Romaní apela para o futuro dos medios públicos ás "praxes de ilusións compartidas" que "promoven esperanzas no medio do deserto"
Pero o discurso de Romaní non foi pesimista. Queda "o activismo colectivo", tamén "as praxes das ilusións compartidas" que "promoven esperanzas no medio do deserto". "Existe un mar", como dixo Xohana Torres, polo que navegar, nas letras e no xornalismo.
Para a Academia a chegada de Ana Romaní é "un día feliz", afirmou no nome da institución o seu presidente, Víctor Freixanes. Margarita Ledo foi a encargada de dar resposta á intervención da nova académica que, segundo Freixanes, foi valorada para se sumar como poeta, pero tamén como "activista cultural que leva moito tempo comprometida co país" e mais como "comunicadora".