A Real Academia Galega (RAG) someterá a votación no seu próximo pleno ordinario a candidatura de Ana Romaní para cubrir a cadeira vacante polo pasamento, o pasado 12 de setembro, da académica de número Xohana Torres. A proposta, a única presentada para ocupar esta cadeira, foi oficializada no Pleno celebrado na tarde deste venres na sede da institución.
A de Romaní é a única proposta presentada para encher o baleiro deixado polo pasamento en setembro de Torres
A Academia salienta que Ana Romaní (Noia, 1962) “dixire desde 1990 o programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos da radiodifusión española no seu eido”. Como escritora, tras publicar poemas en revistas, en 1987 publicou o seu primeiro libro de versos, Palabra de mar. O último ata o momento é Estremas (2010), que recibiu varios premios. O traballo de Ana Romaní abrangue tamén outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003) “e un continuado traballo para visibilizar as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos”, di a Academia.
O de Romaní “é un continuado traballo para visibilizar as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos”, di a Academia
No pleno desta venres tamén se oficializou a candidatura de Carme Pazos Balado para o seu nomeamento como académica correspondente. A profesora, experta no estudo do léxico galego, estivo vinculada durante 25 anos ao Seminario de Lexicografía da Academia.