Xela Arias foi, en moitos sentidos, modelo ou precursora de novos escritores e escritoras. Anticipou o discurso dos 90 sobre a necesidade de sacar a poesía da “torre de marfil”. Desafiou as visións simplificadoras sobre a “xeración” dos 80 coa súa linguaxe, orientada á distorsión sintáctica e o neoloxismo. Adiantouse, coas súas reescrituras do corpo ou o seu tratamento do tema da maternidade, ás autoras feministas actuais.
“O volume xorde dun vello proxecto, o de reeditar a poesía de Xela Arias, que se comezou a xestar hai anos”
Indagou nas contradicións do ser humano e da “orde social”, explorando a dimensión social da poesía desde unha perspectiva máis achegada á dos 90 -e se callar á dos 2000 para adiante- que á das xeracións anteriores. Estas son algunhas das ideas que poden tirarse da análise que a crítica Chus Nogueira achega sobre a obra de Xela Arias en Poesía reunida (Xerais), o volume que xunta, por fin, Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome. Falamos con Nogueira.
Como xorde o volume?
O volume xorde dun vello proxecto, o de reeditar a poesía de Xela Arias, que se comezou a xestar hai anos e que finalmente acabou asumindo Xerais. O seu obxectivo era reunir e facer accesíbel a poesía da autora, que se atopaba fóra dos catálogos desde había tempo.
O estudo introdutorio viuse enriquecido polas reflexións levadas a cabo no marco dun proxecto de investigación, financiado polo MINECO e dirixido pola profesora Manuela Palacios González, que analiza a poesía das mulleres galegas e irlandesas en canto discursos emerxentes.
Tras salientar a dimensión "pública e comprometida" do traballo de Xela Arias como poeta, escribes que "algunhas das súas palabras a respecto da necesidade de procurar novos espazos para a poesía lembran consignas repetidas polas escritoras e escritores que comezaron a publicar a comezos dos 90". Por que dis isto?
“Xela Arias constituíu, ao meu entender, un modelo para novas escritoras e escritores”
Estas prácticas desenvolvidas no espazo público, que coñeceron manifestacións diversas como o recital, a exposición de fotografía e poemas ou o espectáculo poético musical (estaba a preparar un, con Fernando Abreu, sobre Intempériome) anticipan e converxen con actitudes moi estendidas nos anos 90 que se resumían ben naquela consigna de “sacar a poesía da súa torre de marfil” para levala a outros espazos menos “sacralizados”. Neste sentido Xela Arias constituíu, ao meu entender, un modelo para novas escritoras e escritores.
A autora desbotou a publicación de Lilí sen pistolas ou Maldito lindo, e na vosa edición optastes por respectar as súas decisións. Polo demais, como foi o proceso de busca de todos os materiais que precisabades para facer unha edición completa? (No limiar do propio libro hai algúns agradecementos que teñen relación, supoño, con isto)
O feito de deixar fóra aqueles libros que a autora non quixo publicar no seu momento obedece, como dis, ao desexo de respectar a súa vontade. Tal determinación vese meu entender avalada polo feito de ser Xela Arias boa coñecedora do mundo editorial e unha escritora moi consciente en todo momento das súas decisións.
“É de xustiza recordar a de Valentín Arias, pai da escritora e custodio dunha importante parte do seu material disperso e tamén da súa memoria”
O proceso de procura dos materiais dispersos é debedor da axuda de moitas mans, algunhas delas recoñecidas nos agradecementos. De todas elas é de xustiza recordar a de Valentín Arias, pai da escritora e custodio dunha importante parte do seu material disperso e tamén da súa memoria. A el dedico, por telo soñado, o libro, concibido antes como unha obra reunida que completa.
A “Poesía dispersa”, sobre todo aquela publicada con anterioridade a aparición de ‘Denuncia do equilibrio’ (1986), achéganos unha produción iniciática apenas coñecida na que é posíbel identificar xa trazos como a vontade de elaborar un imaxinario singular, a querenza polos escenarios urbanos ou a tensión da linguaxe.
"A distancia existente entre o primeiro libro de Xela Arias" (Denuncia do equilibrio) "e a estética dominante -e canonizada- nos anos 80 suscitou unha certa incomodidade á hora de situar a escritora nas coordenadas poéticas da década", escribes. Por que?
A incomodidade ten moito que ver coa tendencia a articular a poesía galega máis recente en décadas, así como coa identificación reducionista da “poesía dos oitenta” coa súa liña dominante na que Xela Arias, que comezou a publicar a comezos en 1982 e deu ao prelo Denuncia do equilibrio en 1986, tiña difícil encaixe. Un dos trazos máis característicos desa estética como é o culturalismo ten un peso moi escaso na obra da escritora.
“É na elaboración do discurso, orientado cara á innovación polos camiños da distorsión sintáctica e o neoloxismo, onde radica a principal distancia a respecto dos poetas dos 80”
Tampouco se aprecian na súa poesía tematizacións decadentistas do paso do tempo, barroquismos formais, nin o preciosismo verbal co que tantas veces se asociou coa poesía dos oitenta. É precisamente na elaboración do discurso, orientado cara á innovación polos camiños da distorsión sintáctica e o neoloxismo, onde radica ao meu ver a principal distancia a respecto dos poetas da xeración na que debera integrarse de maneira natural.
Tamén foi recoñecida, comentas, como precursora das "escrituras de xénero" dos 90. Citas a Helena González, que relaciona a Xelia Arias con Olga Novo, Lupe Gómez ou Yolanda Castaño... Se pensamos, en concreto, nas autoras feministas actuais, como podemos relacionalas coa obra de Xelia Arias?
Creo que as reescrituras do corpo, o tratamento pouco convencional do tema da maternidade e o poderoso e suxeito feminino, indómito e ousado, construído en Intempériome son tres legados importantes para as autoras feministas actuais.
Nunha entrevista con Ana Romaní, Xela Arias di que a poesía debe indagar e cuestionar "a orde das cousas". En que sentido estas palabras son definitorias de como entendía ela o labor poético?
“A poesía non debe procurar o acomodo senón a problematización, o incomodo”
No sentido de que a poesía non debe ser condescendente nin reflectir (e cóllolle palabras emprestadas á autora) falsos equilibrios nin visións edulcoradas da realidade. O labor poético debe ter como obxectivo a indagación, tanto nas contradicións do ser humano como na orde social, e tamén na propia linguaxe. A poesía non debe, conforme isto, procurar o acomodo senón a problematización, o incomodo.
De "Denuncia do equilibrio" subliñas, entre outras cuestións, a "desintegración" do suxeito e a súa particular relación co "outro". Que importancia -e que funcións, en relación coa dimensión social da poesía da autora- tivo este trazo da súa poesía?
Este suxeito escindido, desintegrado e inestábel, que estabelece unha relación tensa co “outro”, é un trazo claro de modernidade. Por unha banda, afasta o discurso poético da autora da confesionalidade e do biografismo, ao tempo que lle permite reflectir de maneira eficaz o conflito do ser humano contemporáneo.
“A desorientación que causan estes suxeitos escindidos e proxectados nun espazo maioritariamente urbano cuestiona a estabilidade, o aparente “equilibrio”, a orde social”
A escisión, apoiada nunha serie de recursos lingüísticos, causa tamén unha estrañeza no discurso que o distancia de inercias herdadas. A desorientación que causan estes suxeitos escindidos e proxectados nun espazo maioritariamente urbano cuestiona ademais a estabilidade, o aparente “equilibrio”, a orde social.
Comentas, tamén, que algúns trazos da súa poesía como a renuncia a certas convencións e certos usos gramaticais réstanlle centralidade no contexto dunha década na que se canonizara, "en ocasións como emblemas da renovación poética", outras escollas. Podes explicar isto con algo máis de detalle?
Cando afirmo isto estou a pensar na importancia que se lle deu, na poesía máis canonizada dos oitenta, á perfección formal, tanto no que atinxe á sintaxe (condicionada por veces por unha volta á métrica clásica) como ao léxico.
Algúns usos transgresores que Xela Arias incorporou desde ben cedo á súa escritura, como pode comprobarse na sección “Poesía dispersa”, posibelmente contribuísen a situala nunha periferia con respecto a esas posicións centrais. Estou a pensar na ruptura da sintaxe convencional, nas colocacións pronominais que causan estrañeza -intempériome- e noutros usos innovadores que dan como resultado un discurso poético inconfundíbel.
Á propia Xela amolouna a recepción que tivo o seu libro Tigres coma cabalos, ao ser considerado case -ou sen case- un libro erótico, debido á presenza de fotografías de corpos nus. Por que pensas que aconteceu isto?
“A poesía galega non estaba preparada para recibir un libro como Tigres coma cabalos nin para interpretalo baixo outra clave que non fose o modelo da poesía erótica”
A poesía galega non estaba preparada para recibir un libro como Tigres coma cabalos nin para interpretalo baixo outra clave que non fose o modelo da poesía erótica. Houbo que agardar algúns anos para entender este libro dentro das poéticas do corpo, moi influenciadas polos feminismos.
Tamén sinalas a "innegábel dimensión social" deste libro, no que están presentes a "tensión" ou a "violencia". Ocorre, seguramente, que esta presenza da dimensión social se afastaba tanto da dominante nos 70 como, seguramente, nos 80. En que sentido ese aspecto, precisamente, pode conectar a obra de Xela coa escrita feita por mulleres nos 90?
Nese aspecto, a poesía de Xela Arias conecta claramente coa de moitas mulleres, e algúns homes, dos noventa, que foron quen de escribir desde a intimidade, desde o corpo (hetero)normativo, desde a infancia e tamén desde o conflito, cunha dimensión colectiva. A temática social, escasamente presente, fóra dalgunhas excepcións, na poesía que dominou os anos oitenta, coñeceu novas formulacións na que se leva escrito desde os anos noventa en diante e moi especialmente a partir do novo milenio.
En 'Darío a diario' ves unha "desidealización da maternidade" para retratala desde a vida cotiá. Supoño que neste aspecto Xela Arias tamén puido adiantarse ao que está a acontecer agora: á relectura da maternidade desde ópticas feministas, que hoxe é moito máis divulgada. Deberíase reivindicar 'Darío a diario' nese sentido? (Penso en Marga Tojo, Inma López Silva…)
Penso que si. Darío a diario, libro singular no momento da súa publicación, é un claro precedente da desidealización da maternidade que se dá nas autoras que mencionas e nalgunhas outras. O distanciamento a respecto da visión tradicional vén dada no caso de Xela Arias pola reescritura da maternidade desde a cotidianeidade, lugar desde onde é quen de derrubar tópicos asentados na bioloxía, o patriarcado e as convencións sociais.
“O poemario Intempériome, escrito de xeito explícito desde as coordenadas do xénero, leva tamén ao estremo a vontade de intervención social”
Paréceme importante a reivindicación de Darío a diario polo esquecemento do que moitas veces é obxecto. As expectativas que o libro deliberadamente incumpría posibelmente o relegasen a un segundo plano na poesía da autora asociado (de xeito moi erróneo) á poesía infantil.
O exercicio de 'Innovación lingüística' é un dos aspectos que subliñas de 'Intempériome'. En que sentido é este libro punto de chegada doutros trazos da poesía de Xela que comezaran nos seus anteriores libros?
Desde o propio título, Intempériome leva ao extremo a ruptura da linguaxe convencional que a escritora viña practicando desde os primeiros textos. Os versos “A / Garímate. / A / Brázate” constitúen un bo exemplo do punto de chegada neste exercicio de experimentación consistente en tensar a linguaxe até a ruptura.
“Oxalá esta Poesía reunida contribúa ao recoñecemento e, sobre todo, á difusión da súa obra con independencia de que un día sexa a figura homenaxeada das nosas Letras”
No libro, no que a voz se ispe a miúdo de densidade retórica, conflúen tamén outros camiños iniciados pola escritora, dos que cómpre destacar o cuestionamento da orde estabelecida e o tema da violencia, latente en moitos textos anteriores. O poemario, escrito de xeito explícito desde as coordenadas do xénero, leva tamén ao estremo a vontade de intervención social.
Xa se propuxo a Xela Arias para o Día das Letras. Debería ter esta autora un Día das Letras? Por que?
A proposta, feita en máis dunha ocasión, paréceme xusta tanto polos incuestionábeis méritos da autora, que van moito máis alá da creación poética, como pola contribución que tal decisión faría ao equilibrio entre o xénero das persoas homenaxeadas. As simpatías e apoios que a proposta leva recibido por parte de voces e colectivos diversos avalan o meu parecer.
Dito isto, gustaríame puntualizar que Xela Arias non precisa dunhas Letras Galegas para ser recoñecida como unha das voces máis singulares da poesía das últimas décadas. Oxalá esta Poesía reunida contribúa ao recoñecemento e, sobre todo, á difusión da súa obra con independencia de que un día sexa a figura homenaxeada das nosas Letras.