O galego é cada vez menos unha lingua de berce e, cada vez máis, unha lingua de elección que torna a poboación neofalante en clave para o seu futuro. Os datos sociolingüísticos máis recentes publicados ao respecto -do Instituto Galego de Estatística en 2018- acreditan unha creba na transmisión interxeracional e é nese punto onde colectivos e institucións poñen o foco neste 21 de febreiro para conmemorar, un ano máis, o Día da Lingua Materna.
A RAG recupera o relato co que o pai de Xela Arias, o mestre e tradutor Valentín Arias, contaba a finais dos anos 60 do século pasado a experiencia de criar en galego á súa filla
Neste contexto, a Real Academia Galega vén de recuperar un texto que afonda na importancia desa transmisión. É o relato Xeliña fala galego, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968. Nel, conta a experiencia de criar en galego á súa filla que daquela tiña sete anos, Xela Arias, a autora homenaxeada neste 2021 co Día das Letras Galegas. "Os pais de Xeliña son galegos. O mesmo que a súa familia toda. E consideraron moi natural alar coa súa nena na lingua galega que eles adoitan acotío" principiaba o texto.
Para a Academia, esta é unha boa mostra da importancia da transmisión do galego entre xeracións, "unha riqueza que debemos celebrar", di o presidente da institución, Víctor F. Freixanes. Subliña Freixanes que, neste 2021, a UNESCO ten este ano "un obxectivo moi concreto" por este día, "fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade" e tamén nesa liña "o texto de Valentín Arias é moi significativo ao respecto".
Así, o pai de Xela Arias detallaba como criar a nena en galego supuña apostar por non "renunciar ás raíces", senón "profundar nelas" para "construír unha sociedade sen complexos". "Partindo da 'lingua nai dos galegos', o conto augura" que a nena "se mergullará pronto noutros idiomas con máis facilidade que os rapaces monolingües, porque 'é ben sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se coñezan'". "O narrador non se equivocou no seu prognóstico", toda vez que Xela Arias "converteríase, tempo despois, nunha destacada tradutora, ademais de poeta e editora".
Freixanes: "Na recuperación e uso social do galego, son moi importantes os neofalantes"
Nesta nun artigo titulado Lingua da memoria e publicado pola propia RAG co gallo do Día da Lingua Materna, Freixanes chama a "potenciar" a "riqueza" que supón a transmisión interxeracional do galego, a cal "non é incompatible con outras experiencias". "A fala primeira sempre está aí, no corazón, na memoria das cousas, nos primeiros aloumiños, nas primeiras experiencias mesmo inconscientes: a fala primeira que nos axuda a recoñecernos e, ao mesmo tempo, nos abre ao mundo, tamén a outras linguas".
Non obstante, o presidente da RAG coida que esta xornada de celebración tamén debe poñer o foco nas persoas que "malia non se criaren en galego, dan o paso para se instalar na lingua galega". "Na recuperación e uso social do galego, son moi importantes os neofalantes", resalta.
Entre as actividades organizadas para celebrar o Día da Lingua Materna, tamén marcadas polas restricións da pandemia, destacan as actividades organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para a infancia, que é posible seguir ao vivo a través de internet. Conducidas por Esther Estévez, presentadora do espazo #DígochoEu da CRTVG, trátase dunha montaxe de Baobab Teatro "que inclúe cantos, contos e xogos, para pasar unha hora de divertimento e aprendizaxe", este domingo de 11 a 12 da mañá.