A Real Academia Galega presentou este martes a edición 2021 do seu proxecto Primavera das Letras, que todos os anos achega ao alumnado de Infantil e Primaria unha serie de contidos didácticos e divulgativos sobre a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas. Nesta ocasión o CEIP Sárdoma-Moledo de Vigo acolleu a presentación da iniciativa, pois neste colexio estudou Xela Arias cando era nena.
"[Xela Arias e Valentín Arias] fixeron unha firme defensa da escola pública, da igualdade, do respecto polo medio ambiente e do noso idioma", subliñou a directora do colexio
No acto, no que participou a familia da homenaxeada canda á comunidade educativa do centro, descubriuse tamén unha placa de homenaxe do centro educativo á autora. “No CEIP Sárdoma-Moledo estamos moi orgullosos de que Xela Arias sexa a persoa homenaxeada das Letras Galegas 2021. O seu pai, Valentín Arias, tamén foi mestre da nosa escola durante moitos anos polo que estamos dobremente contentos”, expresou a directora do colexio, Pilar Vila Nieto. “Ambos os dous fixeron unha firme defensa da escola pública, da igualdade, do respecto polo medio ambiente e do noso idioma. Estamos seguros de que os nenos e nenas que hoxe temos nas nosas aulas tamén serán persoas que loiten, cada unha á súa maneira, por facer un mundo mellor”, concluíu.
A celebración contou ademais coa participación de Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu tamén en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns.
“Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só non se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes”, destaca Darío Gil Arias, fillo da autora homenaxeada
Coincidindo coa presentación de Primavera das Letras, a Real Academia Galega publicou un vídeo no que participan o fillo e o irmán de Xela Arias, canda a alumnado e profesorado do CEIP Sárdoma-Moledo e ao presidente da RAG Victor Freixanes e á académica Fina Casalderrei. Darío Gil Arias, fillo da autora, destaca especialmente o labor da súa nai como profesora e tradutora, dous perfís menos coñecidos que a súa faceta como poeta, pero tamén moi importantes para o futuro do idioma, destaca. “Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só non se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes”, reflexiona.
Na web Primavera das Letras pódense atopar contidos didácticos, lúdicos e divulgativos sobre a vida e a obra de Xela Arias
Na web Primavera das Letras, que conta co apoio da Deputación da Coruña, pódense atopar os recursos desenvolvidos pola Academia sobre a vida e a obra de Xela Arias. Alí, por exemplo, pódese descargar a ficha didáctica Xela Arias, o mundo escríbese con X (.pdf), que realiza un percorrido pola biografía da escritora e tradutora, "unha autora que fixo camiñar as nosas letras por espazos novos, que demostrou que se pode escribir o mundo cun X maiúsculo".
Así mesmo, un espazo interactivo anima ao alumnado dos centros de ensino (e a calquera outra persoa) a aprender máis sobre a figura de Xela Arias e sobre a cidade de Vigo, na que pasou a meirande parte da súa vida. Tamén é posible descargar chapas, marcapáxinas e outros recursos coa imaxe ilustrada de Xela Arias. E, igualmente, pódese consultar a ficha didácticas realizadas pola Academia sobre a propia celebración do Día das Letras.
A estes recursos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas, que se engaden aos contidos sobre Xela Arias xa publicados na web da RAG
A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria.
A presentación de Primavera das letras tivo lugar na semana na que se celebra o aniversario do aniversario de Xela Arias, que naceu o 4 de marzo de 1962 en Sarria e que polo tanto faría estes días 59 anos. Despois de vivir en Sarria e despois na cidade de Lugo, aos sete anos de idade Arias estableceuse coa súa familia en Vigo, onde viviu ata o seu pasamento en 2003.
Esta semana Xela Arias faría 59 anos
Na web a Academia pódense xa atopar outros contidos dedicados a Xela Arias, comezando por unha biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní; varias entrevistas, destacando a realizada a Amparo Castaño, nai da autora, e continuando polas feitas a Xavier Senín ou Chus Nogueira; e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil. Esta sección acollerá proximamente varias propostas audiovisuais sobre a poeta e tradutora.
A RAG incluirá proximamente varias propostas audiovisuais sobre a poeta e tradutora
Na sección recóllense tamén outras novas e actividades realizadas pola RAG nas últimas semanas en relación coa figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Por exemplo, coincidindo co Día de Rosalía, o pasado mércores, a Academia publicou un poema de Xela Arias dedicado á poeta, “A de quen comprende", incluído no libro-cedé Daquelas que cantan (1997), editado pola Fundación Rosalía de Castro co gallo dos cincuenta anos do padroado da entidade.
Así mesmo, coincidindo co Día da Lingua Materna, a Academia compartiu o texto “Xeliña fala galego", escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968, no que se conta a experiencia como nena criada en galego da súa filla Xela Arias. "Os pais de Xeliña son galegos. O mesmo que a súa familia toda. E consideraron moi natural falar coa súa nena na lingua galega que eles adoitan acotío", principiaba o texto.