Galicia celebra a Xela Arias, a voz dunha xeración que trouxo a modernidade á cultura do país

Xela Arias © Xulio Gil

Este luns 17 Xela Arias é a protagonista de ducias de actos en toda Galicia que celebran o Día das Letras Galegas. Desta volta, o centro das programacións foi Vigo, a cidade na que Xela viviu durante a maior parte da súa vida, despois do traslado dende Sarria, onde pasara os seus primeiros anos. A RAG celebrou na cidade olívica o pleno das Letras Galegas dedicado á autora.

O pleno extraordinario da institución, que se celebrou no Auditorio Mar de Vigo, contoucoas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas

O pleno extraordinario da institución contoucoas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas, que achegaron distintas olladas á autora, voz singular dunha xeración que trouxo a modernidade á cultura galega. Ademais, o acto contou coa actuación musical de Mónica de Nut, Pablo Carrera e Fernando Abreu, que ofreceron o espectáculo poético musical “Vencerse é cousa de se tratar”, que Xela Arias e Fernando Abreu comezaran a preparar pouco antes do pasamento da autora, combinando a música cos poemas de Intempériome, que acababa de publicar. O espectáculo foi estreado o mes pasado no MARCO de Vigo. 

A AELG anima a publicar nas redes sociais dúas fotografías, unha dun libro de ou sobre Xela Arias que tape a cara do usuario ou usuaria e outra co rostro ao descuberto e cun cartel no que se poida ler a expresión "Queremos tanto a Xela"

A Academia publicou nos últimos meses un gran número de vídeos ao redor da figura de Xela Arias. Entre eles destaca, sobre todo, a serie documental 'A palabra esgazada', que en seis capítulos debulla a vida e a obra da homenaxeada. Hai uns días publicouse a sexto e derradeira peza desta obra, realizada pola produtora Miramemira e con guión de María Yáñez.

Ao acto institucional da RAG uníronse un gran número de actividades impulsadas por institucións públicas e por entidades culturais. Algunhas delas teñen como escenario as redes sociais. A AELG (Asociación de Escritoras en Lingua Galega) anima a todas as persoas interesadas a publicar nas redes sociais dúas fotografías, unha dun libro de ou sobre Xela Arias que tape a cara do usuario ou usuaria e outra co rostro ao descuberto e cun cartel no que se poida ler a expresión "Queremos tanto a Xela". A AELG propón etiquetar as fotografías con #QueremostantoaXela.

A Deputación da Coruña conmemora a Xela Arias e todas as mulleres que ata agora foron homenaxeadas do Día das Letras, un total de cinco

Concellos, Deputacións e Universidades impulsaron tamén un gran número de actos relacionados con Xela Arias. A Deputación da Coruña conmemora a Xela Arias e todas as mulleres que ata agora foron homenaxeadas do Día das Letras, un total de cinco. Vídeos pola rede, obradoiros, espectáculos musicais e intervencións poéticas nos pasos de peóns de dez concellos son algunhas das iniciativas que forman parte do programa. Neste senso, promove en colaboración coa AELG os obradoiros "Xela Arias. A poesía como acción", con dúas propostas, unha delas titulada "Xela Arias e a revista literaria" de Dúas gamberras e un micro para ESO e Bacharelato e trinta obradoiros "Cada día a familia" de Andrea Barreira para Centros de Educación Primaria. Así mesmo, 'Por Xela!' será o título do espectáculo multiartístico que terá lugar no IES Puga Ramón o 19 de maio coa participación musical da Banda da Loba e a intervención poética das escritoras Celia Parra, Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil e Helena Salgueiro.

A Deputación de Pontevedra tamén programou o espectáculo 'Por Xela', que contará coa coordinación de Tamara Andrés e a participación de dez poetas. A parte musical correrá tamén a cargo de A Banda da Loba e o espectáculo completarase coas fotografías de Xulio Gil. 

O espectáculo 'Por Xela!' une os poemas da autora, lidos por un gran número de creadoras, coa música de A banda da loba e as fotografías de Xulio Gil

En Lugo a Vicepresidencia da Deputación distribúe libros arredor de Xela Arias a 140 centros educativos da provincia. Os colexios de Primaria recibirán exemplares de 'Non te amola', unha recompilación de relatos escritos pola escritora sarriá recollendo vivencias da infancia que permaneceron inéditos ata a súa publicación este ano pola Editorial Galaxia, con ilustracións de Luz Beloso. De igual xeito, os institutos recibirán 'Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias', un volume que recolle a obra poética da autora nese período vital, con edición e notas de María Xesús Nogueira.

En Ourense, a Deputación conmemora o Día das Letras Galegas con sete espectáculos de música, teatro, danza e poesía que se celebrarán noutras tantas localidades da provincia. Ademais, a Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celebra o vindeiro 17 de maio, no 13º aniversario deste parque temático da cultura galega, unha xornada de jazz e poesía, a cargo da banda 4 Mal Quartet Jazz e os poetas Rochi Novoa e Quico, quen lembrarán a Xela Arias.

En Pontevedra o Concello organizou o Certame `X Xela’, un concurso musical no que 15 bandas da localidade competiron musicando poemas da autora

Teo, Sada, Foz, San Sadurniño, Ames, Cangas, Ribadeo... Son moitos os concellos que estes días acollen actividades ao redor de Xela Arias, que están presentes nas sete cidades pero tamén en vilas e localidades máis pequenas. Destaca en Pontevedra o Certame `X Xela’, un concurso musical organizado polo Concello no que 15 bandas da localidade competiron musicando poemas da autora. O 17 de maio ás 19h na praza da Ferraría terá lugar o evento poético-musical no que se anunciará a banda gañadora. As tres bandas finalistas, Tíbet 1990, Nacho Mora e Río Verdugo, intercalarán as súas actuacións cun recital a cargo das poetas Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Regina Touceda e Elvira Ribeiro.

E falando de música, unha das formacións que máis traballou nos últimos meses ao redor da figura e dos poemas de Xela Arias foi A Banda da Loba, que xa en anos anteriores musicou poemas dalgunha das autoras homenaxeadas no Día das Letras. O grupo publicou un disco completo, 'Hasme oír', dedicado en exclusiva a adaptar musicalmente textos de Xela Arias. En 'Hasme Oír' podemos escoitar tamén as versións que a banda fai de 'Denuncia do equilibrio' ou 'Tigres como cabalos'.

A Banda da Loba publicou o disco 'Hasme oír', dedicado en exclusiva a adaptar musicalmente textos de Xela Arias

Hai uns meses xa deu a coñecer o vídeo de 'Intempériome' e este domingo publicou o vídeo de 'Darío a diario'. Como destaca a banda, "trátase dunha mensaxe de amor de Xela a seu fillo Darío, mais tamén dun legado para todas as mulleres sobre a maternidade entendida como un lugar onde cohabitan o amor e o racional. Un lugar onde é natural sentir medos e inseguridades sen ter, por iso, que vivilo con culpabilidade". Como di o poema (e a canción): "Dis ma-ma-má e énchesme de forza contra o pánico".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.