Milleiros de persoas reclaman que o galego se poida empregar "en todo e para todo"

Mobilización de Queremos Galego na Praza do Obradoiro CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Milleiros de persoas, arredor de 2.000, concentráronse este luns na Praza do Obradoiro de Compostela para reclamar, unha vez máis, o "dereito a vivir en galego" no país e demandar unha mudanza na política lingüística da Xunta para deter a perda de falantes. 

Arredor de 2.000 persoas reclamaron o "dereito a vivir en galego" e demandaron un cambio na política lingüística da Xunta

Logo de non se celebrar o ano pasado pola COVID este xa tradicional acto reivindicativo, a plataforma Queremos Galego recuperou a mobilización na que se reclamou "que se recoñeza plenamente o mesmo dereito que ten calquera outro cidadán en calquera outro lugar do mundo nunha lingua oficial".

Marcos Maceira le o manifesto de Queremos Galego na Praza do Obradoiro CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Foi o que pediu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma, Marcos Maceira, que lamentou que logo de 40 anos de autonomía, o galego sexa "aínda hoxe unha lingua só aparentemente oficial, pero que non se pode empregar en todo e para todo".

"O galego é aínda hoxe unha lingua só aparentemente oficial, pero que non se pode empregar en todo e para todo", di Marcos Maceira

"Non é unha lingua plenamente oficial aquela que está excluída da xestión sanitaria en plena pandemia, excluída de practicamente todos os contidos audiovisuais, e cun emprego arbitrario, en función do que diga o funcionariado, na Administración pública", lembrou nun acto no que as persoas inscritias para participaren distribuíronse por toda a praza respectando as distancias de seguridade.

Entre os asistentes, os líderes de BNG e PSdeG, así como outros membros dos partidos e representantes municipais e sindicais. Así, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, reclamou "un cambio de rumbo nas políticas lingüicidas" postas en marcha polo PP desde o Goberno galego e "abrir unha nova etapa para o galego e desconfinalo" porque "o futuro do galego é tamén o futuro dunha Galicia máis forte".

Pontón lembrou que o galego "é a única lingua que perde falantes no Estado" e sinalou un informe da Real Academia Galega (RAG) que "certifica que o decreto da vergoña impide a miles de novos ter competencia lingüistica en galego". 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, dixo que o galego é "unha lingua viva que necesita apoio e discriminación positiva desde as políticas da Xunta", así como para o propio sector cultural que precisa "apoio e estímulo" para recuperar os niveis de antes da crise.

Isabel Risco diríxese aos manifestantes na concentración de Queremos Galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Caballero destacou o "retroceso" no uso do galego por parte da mocidade do que advirten as institucións europeas e considerou que para o futuro deste idioma é "fundamental que nenos e nenas sentan amor pola lingua" polo que insistiu nunha discriminación positiva para que poidan "ver tele, cine, ler, ter videoxogos en galego e pór en valor esta lingua".

A concentración terminou coa lectura dun manifesto por parte de Marcos Maceira, quen asegurou que era necesario "volver á rúa" con esta convocatoria para clamar por ter un "dereito real e exercible a vivir en galego" e citou a Xela Arias, a autora homenaxeada este ano.

"Quere iso dicir que un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura. Quere iso dicir que a un pobo ao que alonxan do seu idioma alónxano dá súa cultura", advertiu usando as palabras da poeta, antes de reclamar que o galego poida ser unha lingua dispoñible "en todo e para todo". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.