Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentos na vida de Xela Arias

Este luns celébrase o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias, unha poeta, editora e tradutora que morreu demasiado nova, pero que nunca foi esquecida. Ana Romaní redactou a biografía da autora publicada pola Real Academia, un texto no que a define como unha poeta "inconforme", consciente "do lugar, do idioma, do xénero, da nación" mais "sen colectivos que a aperten, sen abrigos que a sometan"

  1. 01

    Unha nena en Sarria

    Xela Arias naceu en Lugo o 4 de marzo de 1962 e criouse en Ortoá (Sarria) na contorna da Granxa de Barreiros, de onde procede a imaxe. Filla de Amparo Castaño e Valentín Arias, a actividade laboral do seu pai estaba vencellada a este proxecto pedagóxico creado por Antonio Fernández López do que tamén xermolaría o Colexio Fingoi de Lugo, onde Xela estudou entre os catro e os sete anos.

  2. 02

    De Sarria a Vigo

    En 1969 a súa familia trasladouse a Vigo, a cidade na que Xela viviu o resto da súa vida e que a marcou como unha “nena de barrio e vida proletaria", como ela mesma escribiu. O seu pai comezou a dar clases no actual CEIP Sárdoma-Moledo, onde tamén estudou Xela. En 1976 matricúlase no Instituto Castelao do barrio do Calvario.

  3. 03

    Primeiros poemas

    Contra o ano 1973 Xela está escribindo xa os seus primeiros contos en galego e, de feito, gaña o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho. Un pouco máis adiante (en 1982) publica os seus primeiros poemas no número 3 da revista Dorna, participa en recitais e con frecuencia asiste ao Festival da Poesía no Condado. Finalmente, no ano 1986 publica Denuncia do equilibrio en Xerais.

  4. 04

    Os anos en Xerais

    Máis ou menos nese momento Xela Arias adopta unha decisión importante: en 1980 decide non presentarse aos exames de COU, desbotando polo tanto seguir estudos universitarios. Incorpórase a Edicións Xerais, que viña de nacer en Vigo da man de Xulián Maure Rivas. En Xerais traballará ata o ano 1996, primeiro primeiro como oficinista, despois en creación e investigación e dende 1990 como correctora de estilo e editora.

  5. 05

    Tradutora profesional

    Xela Arias foi poeta, editora, mestra e tamén -e de forma moi importante -tradutora. Leva a cabo esta actividade de forma sistemática, non como unha actividade ocasional, achegándose á figura de tradutora profesional, que non era habitual na Galicia dos anos oitenta. Participou na Asociación de Tradutores Galegos e traduciu obras de Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Roald Dahl, José Viale Moutinho, Bram Stoker, Charles Baudelaire ou Jean Rhys.

  6. 06

    Tigres coma Cabalos

    En 1990 publica en Xerais o seu segundo poemario, Tigres coma Cabalos: 48 poemas e 48 fotos en branco e negro realizadas por Xulio Gil. As imaxes de corpos espidos espertaron a polémica nun sistema cultural galego que como di Chus Nogueira, non estaba preparado: "A poesía galega non estaba preparada para recibir un libro como Tigres coma cabalos nin para interpretalo baixo outra clave que non fose o modelo da poesía erótica. Houbo que agardar algúns anos para entender este libro dentro das poéticas do corpo, moi influenciadas polos feminismos"

  7. 07

    Muller, miope e galega

    Xela Arias non escribiu moitos textos de ensaio, pero deixou algúns traballos nos que concretou o seu pensamento e a súa visión sobre a literatura, a política ou a sociedade. Un deles foi o artigo sobre mulleres e literatura que presentou no “Encontro de escritores galegos e portugueses”, celebrado en Santiago de Compostela en setembro de 1991. No texto, recuperado pola CCG hai un par de meses, Xela Arias sinala que a escrita era un acto de liberdade que exercía sen pensar en que era unha muller, como tampouco pensaba ao sentar diante dun papel que era miope e galega. “Pero tamén sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega”, destacaba.

  8. 08

    Tamén escribiu prosa

    Tamén escribiu prosa, nomeadamente contos. Entre as obras publicadas destaca Non te amola!, unha obra que "representa moi ben á Xela Arias que sempre levou en si a nena de Ortoá e que nunca deixou de confiar na capacidade transformadora da literatura e da palabra”, en palabras de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. Podes descargala nesta ligazón.

  9. 10

    Docencia

    En 1991 Xela Arias dá un novo xiro á súa vida empezou a estudar Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, ingresando posteriormente en Filoloxía Galego-Portuguesa. A partir de 1999 comeza a dar clase de Lingua e Literatura castelá en Secundaria, pasando por nove centros e só catro anos: en Santa Comba, Cangas, Pontevedra, Moaña, Santiago, Vigo, Redondela, A Guarda e Vigo.

  10. 11

    Compromiso político

    Xela Arias incrementou o seu compromiso político explícito nos últimos anos da súa vida. Colabora por exemplo coa ONG Implicadas no Desenvolvemento e participa activamente nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq ou no movemento Nunca Máis, especialmente nas actividades do colectivo Burla Negra. Neste senso, coordina con Xosé Mª Álvarez Cáccamo un recital poético celebrado no “Café De Catro a Catro” en Vigo no marco dos 'concertos expansivos' organizados a comezos do ano 2003.

  11. 12

    Intempériome

    En xuño de 2003, poucos meses antes de falecer, publica o seu deradeiro poemario, Intempériome (Espiral Maior), "un rotundo e lúcido libro negro que condensa as liñas máis persoais da súa escrita", destaca Ana Romaní. "A vida real é aquela na que un se atopa á intemperie, se fai consciente de que quere estar na intemperie precisamente para tomar as súas decisións", explicaría Xela Arias neste momento nunha entrevista radiofónica.

  12. 13

    A despedida

    O 1 de novembro dese ano 2003, Xela Arias morre dun ataque ao corazón en Vigo. Neses últimos meses estaba a preparaba co músico Fernando Abreu un proxecto poético-musical ao redor de Intempériome, baixo o título de “Vencerse é cousa de se tratar”. O pasado 17 de abril estreouse finalmente no MARCO de Vigo, coa participación Fernando Abreu, Mónica de Nut, e Pablo Carrera en escena e de Roi Fernández (Sr. Pause) no cinema en directo.