Marcos Pérez Pena

Unha ducia de libros para achegarse a Xela Arias

Esta fin de semana comeza o mes de maio, o mes das Letras, o mes de Xela Arias, que vive neste 2020 un ano de homenaxes e recoñecemento. Nos últimos meses son moitas as obras publicadas sobre a poeta, tradutora e editora. Libros e reedicións que se unen aos títulos publicados pola autora ata o seu pasamento no ano 2003. Velaquí algúns deles, que nos permiten coñecer máis a Xela Arias.

  1. 01

    XelArias. Palabra á intemperie

    XelArias. Palabra á intemperie (Baía Edicións). A través dunha conversa a tres bandas, con poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións, Emma Pedreira e Laura Romero presentan a Xela Arias, poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora

  2. 02

    Xela quixo ser ela

    Son varias as biografías publicadas nos últimos meses. Xela quixo ser ela (Xerais) está pensada sobre todo para a mocidade (de 11 anos en adiante). Yolanda Castaño amosa "como xa na infancia dunha nena escritora se albiscan os valores que guiarán o seu camiño: queimar vellos prexuízos, desoír expectativas, rebelarse contra as imposicións e non deixarse guiar por modelos de segunda man"

  3. 03

    Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias

    En Intempestiva (Editorial Galaxia), en cambio, Montse Pena Presas afonda máis na figura de Xela como autora, destacando a súa condición de "muller adiantada ao seu tempo".

  4. 04

    A poesía do retrato

    Poucas das figuras ás que se lles dedicou o Día das Letras Galegas contaron cunha serie tan ampla de retratos fotográficos como a que temos de Xela Arias, a maior parte realizados por Xulio Gil. A poesía do retrato (Engaiolarte Edicións) recolle 40 destas fotografías, realizadas en distintas épocas, nun libro que inclúe senllos estudos de Xosé Enrique Acuña e Marga do Val.

  5. 05

    Xela Arias. Os territorios da liberdade

    En Xela Arias. Os territorios da liberdade (Xerais) María Xesús Nogueira, unha das persoas que mellor coñece a produción da poeta, analiza a súa vida e obra

  6. 06

    Xela Arias, quedas en nós

    Xela Arias, quedas en nós (Xerais) publicouse no 2004, no primeiro cabodano da morte da autora. Na obra, coordinada polo seu pai, Valentín Arias, colaboran máis de cincuenta persoas e serviu como primeira homenaxe.

  7. 07

    Xela Arias. De certo, a vida ía en serio

    Xela Arias. De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora) reconstrúe a personalidade e a obra da escritora a partir de entrevistas, conferencias, autopoéticas e poemas, seleccionadas por María Xesús Nogueira. Xela Arias coas súas propias palabras.

  8. 08

    Non te amola!

    Xela Arias foi, sobre todo, poeta (ademais de tradutora e editora), pero tamén escribiu algúns contos e ensaios. Non te amola! (Galaxia) é un libro inédito, que constituíu a súa primeira achega á narrativa, unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días e que conta coas ilustracións de Luz Beloso.

  9. 09

    Xela Arias. Muller e literatura

    O traballo recollido en Muller e Literatura, volume publicado pola RAG, presentouno Xela Arias no Encontro de escritores galegos e portugueses: muller e literatura celebrado en Santiago en 1991. Nel “fai unha fonda reflexión sobre o papel da escritora na sociedade galega baseada en experiencias persoais", destaca Camiño Noia

  10. 10

    Xela Arias: Poesía Reunida

    Xela Arias publicou catro poemarios (Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome). Todos eles, xunto con outros textos, están recollidos neste volume, editado por Chus Nogueira.

  11. 11

    Tigres coma cabalos

    Engaiolarte reedita Tigres coma cabalos, publicado orixinalmente por Xerais en 1990, un poemario que foi recibido con polémica por algunhas persoas no seu momento, en boa medida polas imaxes de corpos nus que incluía. A poesía de Xela e a fotografía de Xulio Gil únense nesta obra transgresora. Inclúe dous traballos críticos de Xosé Enrique Acuña e María Xesús Nogueira.

  12. 12

    Darío a diario

    Xerais vén de reeditar Darío a diario, desta volta cun limiar a cargo de Berta Davila. A obra orixinal, publicada tamén por Xerais en 1996. "Foi, no seu principio, a necesidade imperiosa de explicarlle ó meu fillo o manifesto íntimo e interno de intencións maternas nas que el mesmo, polo feito de existir, me obrigaba a moverme", explicou Xela Arias no seu momento.

  13. 13

    Denuncia do equilibrio

    Denuncia do Equilibrio (1986) tamén vén de ser reeditado por Xerais, con limiar de Olga Novo. Nos vindeiros días sairá do prelo a reedición de Intempériome, publicado orixinalmente por Espiral Maior (2003). Cun limiar a cargo de Iolanda Zúñiga, será unha edición especial, nun estoxo que contén o volume, un caderno de notas e un CD coa gravación dos poemas na voz de Xela Arias acompañada dos músicos Pablo Carrera, Macarena Montesinos e Elena Vázquez, baixo a dirección de Fernando Abreu.

  14. 14

    Contos ó teléfono

    Xela Arias foi tamén tradutora, cun gran número de obras que se leron en galego a partir do seu traballo. Dende o Dublineses de James Joyce ao Drácula de Bram Stoker ou Amor de perdición de Camilo Castelo Branco,  pasando por unha manchea de obras para o público infantil, como o Contos ó teléfono de Gianni Rodari, As bruxas de Roald Dahl ou O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor de Jorge Amado