“Por primeira vez na historia dos María Casares, os premios non son retransmitidos pola TVG. Levamos anos pedindo mellores condicións para a emisión, desta vez nin sequera se dignaron a recibirnos”. Mabel Rivera, vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), criticou con dureza durante a gala a CRTVG, logo das diverxencias que levaron a que a organización decidise que o acto non fose emitido pola televisión pública, á que acusan de non dar resposta ás súas peticións para mellorar a retransmisión e situala “nun horario razoable”. Durante o seu discurso, a actriz ferrolá sinalou tamén a canle por, segundo dixo, “estar cada vez menos á altura da contribución non só do teatro galego, senón de todo o panorama cultural de Galicia”. Falamos con ela horas despois.
Por que finalmente non se emitiu a gala?
Esta foi unha decisión que tomamos desde a AAAG, non só como xunta directiva, senón recollendo o sentir da asemblea. Levabamos varios anos valorando esa posibilidade. Porque, en que nos pode repercutir a nós que nolo emitan ás tantas da madrugada? Hai que ter en conta, ademais, que é unha gala de premios e se o fas en diferido xa non ten moito xeito porque todo o mundo sabe, xa cando o vexa, quen recibiu os galardóns. Isto desde o punto de vista do valor informativo...
"A desconsideración e o desinterese da TVG cara ao teatro é absoluto, o seu interese parece reducido aos seus propios produtos"
E desde que outro punto de vista...
En termos do que é a atención, o coidado e a comunicación do teatro. A desconsideración é absoluta, hai un desinterese polo teatro, por unha actividade que é de primeira categoría a nivel cultural neste país. Exercemos esta profesión, ademais, sempre como dereito a expresarnos na nosa lingua. Que non se considere unha parte esencial do audiovisual deste país é dunha total falta de visión, ademais de incorrer nun incumprimento flagrante da obriga de transmisión de cultura na canle pública. Insistimos moito niso, porque falamos de medios públicos. O interese da canle pública parece reducido aos seus propios produtos, pero nós tamén o somos. Divulgamos cultura, temos un papel variado, incorporamos persoas, diversidade de propostas, pero logo na televisión iso non se recolle en absoluto.
Cales eran as súas reivindicacións para a emisión pola TVG?
A nosa reivindicación non é caprichosa. É tan ridículo se nos paramos a pensar que tan só reclamamos unha emisión en horario razoable, nin tan sequera esiximos un directo absoluto, pero si polo menos que se fixera nun diferido razoable. Falamos dunha gala que é nunha noite das 365 de todo o ano, que dura 110 minutos, e é imperdoable que non se atenda isto. E ademais non tivemos ocasión de que ninguén da CRTVG se dignase a recibirnos para poder falar destas cuestións. Esta foi a pinga que fixo rebordar o vaso e que nos fixo tomar unha decisión que, en realidade, viña practicamente de que non estaba xa desbotando.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, sempre fai referencia ás audiencias e se cadra a da gala non foi moi alta outros anos, claro...
Debemos partir da base de que a consideración de que o teatro é tamén audiovisual á CRTVG parécelle pintoresca. Para eles, calquera cousa deste tipo cae estrepitosamente en audiencia, pero é que as audiencias indúcense, créanse e hai que traballalas... Tes que ter claro que ese produto forma parte dunha comunicación cultural de obrigado cumprimento. Se a nós nos emiten ás tantas, quen o vai ver? A baixa audiencia queda xustificada polo tratamento que lle dan, pero é que a televisión pública, ademais, non se debe preocupar por eses índices de audiencia. Isto non é Tele 5. Se é baixa en determinado momento, xa subirá. É difícil crear unha expectación moi grande cando non se emite nunca nada, cando non hai publicidade do tema, cando non hai entrevistas con xente vinculada ao ámbito, cando non hai seguimento da actividade teatral e cultural... Isto non é a festa do polbo. Iso si que ten audiencia, pero é un bombardeo constante e repetitivo. Debería haber un equilibrio no trato.
"As audiencias indúcense, créanse e hai que traballalas... E ter claro que o teatro é un produto que forma parte da comunicación cultural de obrigado cumprimento. Isto non é a festa do polbo"
Sánchez Izquierdo tamén adoita aludir a que programas como Zig Zag ou Diario Cultural xa tratan temas culturais.
A min, como parte da audiencia dun programa que era unha referencia, como Diario Cultural, xa me desconectaron, conseguiron que me desconectase ao despezalo. Ese é o concepto que teñen da cultura: pedazos aquí e alá. O que precisa a cultura son espazos de referencia. Xa nos manifestamos e protestamos polo que fixeron con ese programa, que é unha maneira de finiquitalo, conseguiron que non esteamos informadas a través da radio pública.
Pero desde a CRTVG lémbrase que, ao incluír pequenos espazos en programas informativos, gáñase audiencia.
Si que é certo que esa cuantificación é válida, pero independentemente de que gañase auduiencia, iso non xustifica a desaparición dun espazo específico que pasou a ser como un apéndice doutros espazos e non con interese propio, porque o ten de seu. Por exemplo, esta foi a primeira vez que non houbo cuñas e entrevistas sobre os María Casares no Diario Cultural. E moléstame non só como oínte, senón como usuaria e profesional que non puido acceder a eses contidos.
"Houbo certa presión da TVG para non recoller imaxes directamente e facer a peza informativa a través do Youtube, mesmo pedindo que se lles pasasen audios completos"
É certo que a CRTVG propúxolle á AAAG facer a peza informativa sobre a gala a partir das imaxes de Youtube da retransmisión e que así llelo solicitaron?
Si, é certo. Estivémoslles avisando e alertando de que non se acreditaran e que o prazo vencía. Deixouse vencer e houbo unha certa presión para non entrar directamente a recoller imaxes, senón facelo a través do Youtube, mesmo pedindo que se lles pasasen audios completos. Algo así como “non estou pero como se estivese”. Dende a institución digo isto, desde a miña posición persoal digo que teñen moito morro. O caso é que, finalmente, si se acreditaron profesionais da TVG e cubriron o acto. Nós estámoslles moi agradecidos aos traballadores dos medios públicos.
Denuncia o maltrato que sofre o teatro e mesmo o mundo da cultura na CRTVG. A que cre que se debe?
Isto é algo que nos preguntamos moitas veces. Non hai unha empatía co teatro desde esta CRTVG, hai unha desconsideración e pensan que eles deben emitir contidos audiovisuais e ao teatro non o consideran incluído aí. Paréceme unha falta de cultura. Non se considera que formemos parte do audiovisual e o teatro é audiovisual porque se mira e se escoita, é algo básico. É de entendemento do carácter cultural. E non se ten en conta que a nosa actividade, ademais, ten un valor engadido que é o directo co público. Paréceme dunha incultura total. O fundamental para min é que é unha cuestión de censura previa.
"A CRTVG non considera que o teatro forme parte do audiovisual, é dunha incultura total"
Censura previa?
A gala dos premios María Casares é un espectáculo teatral, unha función de teatro dentro da cal se entregan premios. Non é outra historia. Normalmente danse elementos críticos co momento social, cultural... Hai un compromiso claro e manifestado en toda a súa extensión respecto de determinados acontecementos, como foi o caso dalgunhas guerras ou da catástrofe do Prestige. Hai determinadas cuestións que non interesan ás persoas ás que se serve a través da canle pública, ás políticas de cada momento. É un intento de acalar as voces críticas. Outra razón non lle atopo. Ou incultura ou censura descarada e calquera das dúas son graves. Lembremos, porque hai que lembralo, que estamos falando da televisión pública.
Refírese a que hai discursos que non gustan a autoridades políticas...
As persoas que reciben o premio de honra fan unha análise de situacións, de como chegaron ata aí, da profesión e fano diante de conselleiros ou responsables de diversas áreas. As persoas ás que se lles encarga o manifesto do Día Mundial de Teatro tamén van dar conta de determinadas realidades como a loita das mulleres pola igualdade, das actrices pola igualdade total, da liberdade de expresión... Todo aquilo que ten que ver coa nosa profesión. Dicir isto igual non é prato de bo gusto para algúns, pero para iso están. Teñen que poñer escoita, prestar atención ao que se lles pide desde as profesións comprometidas e que levamos moitos anos exercendo desde o compromiso coa cultura dun país.
"A desconsideración da TVG co teatro ou é incultura ou é censura descarada, e calquera das dúas son graves"
Dixo antes que a TVG non era Telecinco. Refírese a que hai contidos propias de canles privadas que non deberían emitirse nunha canle pública?
Hai algúns que non deberían ter cabida. Logo está o concepto do humor: confundir humor con choqueiradas paréceme grave e é unha contradición nos seus propios termos. Hai unha especie de permisividade con cousas que a min si que me ofenden, que ofenden a miña sensibilidade, humor machista, burdo e perralleiro. Que se asuma que a imaxe que se debe dar do país teña que coincidir con estes contidos paréceme absolutamente escandaloso. Son cousas que nos apartan. E non é que sexan cuestións a eliminar, pero non se poden confundir con outras, con outros conceptos de humor intelixente, que eleva o nivel mental das persoas e nos volve cidadáns críticos e con coñecementos. E que nos pon na tesitura de coñecer as cuestións e opinar sobre elas. Que convivan diferentes tipos de humor, si, pero que se insista só nun tipo non me parece normal.