“Compañeiros e compañeiras, temos o futuro nas nosas mans”. Con estas palabras rematou a súa intervención a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Mabel Rivera, na gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares. Fíxoo despois de lembrar o que queda por facer no sector. Conseguir unha igualdade real -e acabar coa violencia machista-. Ou que se respecten o dereitos laborais e a liberdade de expresión, sen represalias a quen a exerza, entre outras cuestións. Lanzou, tamén, unha mensaxe clara á TVG, que centrou parte dos discursos dunha noite, polo demais, dun ton moito máis celebrativo -e esperanzado- que reivindicativo. “Nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual deste país. Moito antes de existir a canle autonómica, moitas de nós xa estabamos traballando nisto”, dixo.
Tras lembrar que a canle autonómica non retransmitiu este ano, por primeira vez en toda a historia dos María Casares, a gala, tras revelarse imposible un acordo que non puido chegar pois, segundo contou “este ano nin nos recibiron”, asegurou que “a resposta por parte da canle pública non estivo nunca á altura desta contribución, e non só no tocante ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia na súa diversidade, na súa calidade, na súa creatividade, na súa profesionalidade, nas diferentes manifestacións que enriquecen a vida cultural, a intelixencia e o espírito crítico da xente do País, e que a canle pública ten a obriga de ofrecer en toda a súa amplitude”.
O discurso de Mabel Rivera marcou o inicio da gala tras a presentación dun espectáculo que este ano levou ao público do Teatro Rosalía, na Coruña, ao tempo do Imperio Romano
O discurso de Mabel Rivera marcou o inicio da gala tras a presentación dun espectáculo que este ano levou ao público do Teatro Rosalía, na Coruña, ao tempo do Imperio Romano. Cun César non moi proactivo, unha emperatriz da que ben deitaba para, polo menos, non quedar durmido demasiado tempo, unha fiel comitiva e unha serie de plebeos que foron aparecendo para entreter o pobo -o público- e o emperador con números de corda lisa e teas aéreas -de notable beleza e ben resoltos tecnicamente-, clown, teatro xestual ou parodia cómica -máis ou menos lograda- cun elenco formado por Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo Fiti.
Nun dos mellores momentos, o ‘Claudillo’ (Josito Porto), procónsul romano con certo aire franquista, deu paso ao “inimigo do imperio” que se atrevera a usar as festas saturnais -o Entroido- para o que son. Tras pedir o castigo do culpable -Comicus Maximus-, ao que xa deixaran sen lingua, tivo que saír o dramaturgo e director Carlos Santiago para facerlle de avogado. “Non se entrega” -lembrou- “unha vida ao teatro porque si. Hai un compromiso esencial que mantén viva a nosa paixón. E ese compromiso é precisamente o de ter a coraxe obscena de expresar o que a sociedade moitas veces non quere, ou non pode, ver nin escoitar. Sexamos pois coherentes con tal compromiso e como nos pedía o propio Shakespeare enfrontemos a nosa época tal e como ela se nos presenta. Viva o teatro e vivan os homes e as mulleres libres que o fan posíbel”.
Non houbo, polo demais, grandes sorpresas nunha gala na que estiveron os premios, desta volta, bastante repartidos
Non houbo, polo demais, grandes sorpresas nunha gala na que estiveron os premios, desta volta, bastante repartidos, xa que ‘Commedia’, de Contraproducións, levou tres galardóns: espectáculo, actor secundario (Marcos Orsi) e vestiario (Suso Montero) e ‘Invisibles’, de Redrum Teatro, gañou outros tres: dirección (Marián Bañobre), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Santiago Cortegoso e Marián Bañobre).
‘O servidor de dous amos’, de Talía Teatro, acadou, pola súa banda, outros dous premios: maquillaxe (Martina Cambeiro) e actriz secundaria (Marta Lado); Casa O Rei, de Ibuprofeno, tamén dous: actor protagonista (Miguel Borines) e música orixinal (Caxade) e ‘Anatomía dunha serea’, de Iria Pinheiro, fíxose con outros tantos: actriz protagonista (Iria Pinheiro) e mellor texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado). Por último, ‘Divinas palabras Revolution’, do Centro Dramático Galego, leva un premio María Casares: escenografía (Suso Montero) e ‘Patapatúm’, de Elefante Elegante, tamén un, mellor espectáculo infantil.
Ademais dos esperables agradecementos a compañeiros de compañía teatral, familiares e amizades, houbo algunha mensaxe, nas recollas de premios, especialmente salientable. Foi o caso de Iria Pinheiro, quen asegurou que o contido da súa obra ‘Anatomía dunha serea’ -crítica da violencia obstétrica- está a ser utilizado como argumento, na busca de probas absolutorias, pola súa contraparte no proceso xudicial que ten aberto tras denunciar acoso. Ou de Laura Iturralde -que non puido estar na gala, mais mandou recado por teléfono móbil-, quen celebrou que por fin se lle dese o premio na categoría de iluminación a unha muller: “por Deus, que estamos en 2019”, dixo.
Marián Bañobre lembrou as auténticas heroínas -sete mulleres sobreviventes de violencia de xénero- cuxo testemuño deu lugar a ‘Invisibles’, o libro de Montse Fajardo do que a homónima montaxe teatral é adaptación
Marián Bañobre lembrou as auténticas heroínas -sete mulleres sobreviventes de violencia de xénero- cuxo testemuño deu lugar a ‘Invisibles’, o libro de Montse Fajardo do que a homónima montaxe teatral é adaptación e Miguel Borines subliñou, pola súa banda, que era a primeira vez que un titiriteiro gañaba o María Casares a mellor actor protagonista.
Ao recoller o premio de Honra deste ano -outorgado ás aulas de Teatro Universitarias de Ourense e Santiago-, Fernando Dacosta desexou que as aulas de teatro da Coruña, Ferrol e Pontevedra recuperen a súa actividade e que o conxunto das que se manteñen vivas continúen, “polo menos”, e brindou pola “democracia verdadeira”, a República, mentres que Roberto Salgueiro sinalou a importancia do teatro -e a, ao seu ver, conveniencia de que estea no ensino obrigatorio- para facernos “mellores persoas”. En confluencia con el, María Torres, de Elefante Elegante, sinalou a dificultade de facer teatro -e de facelo ben- e sinalou que hai países europeos nos que o Estado paga entradas para que o estudantado vaia polo menos unha vez por trimestre ao teatro.
A gala tivo tamén, como cada ano, un espazo de memoria para os que xa non están que lembrou a Xosé Lois, Xan Cejudo, Mario Roldán, Manu Lago, Gustavo Pernas e Ernesto Chao. E aos que xa nos deixaron -xunto cos e coas que levan toda a vida adicados ao teatro, e cos e coas que aínda non fixeron o cuarto século sobre as táboas, mais que o farán- faloulles tamén Cándido Pazó ao recoller o María Casares ao Mellor Espectáculo por ‘Commedia’. Un espectáculo que -lembrou- naceu hai 25 anos como un xogo e que decidiron retomar 25 anos despois para celebrar toda unha vida xogando a ese mesmo xogo. “Sei” -dixo- “que hai que queixarse”, pero -asegurou tamén- a recompensa da comunicación co público é tan grande que case “dá vergoña queixarse”, pois dá os folgos que se precisan para seguir.