Dende que no ano 1997 comezaron a outorgarse os Premios María Casares, convocados anualmente pola Asociación de actores e actrices de Galicia (AAAG), os gañadores e gañadoras de cada categoría veñen recibindo unha xerra coa efixie de María Casares, reaizada por Sargadelos. Iso non sucederá na XXIII edición dos galardóns, que se entregarán o vindeiro 21 de marzo na Coruña.
A AAAG reproba a "actitude completamente hostil" de Segismundo García
A Xunta Directiva da AAAG decidiu prescindir este ano das súas tradicionais xerra como forma de protesta ante a "actitude completamente hostil" por parte do administrador único do grupo Sargadelos cara á acción sindical do seu cadro de persoal. "A AAAG, como entidade sindical, só pode reprobar tal actitude e iniciar unha nova etapa dentro dos seus premios sen as xerras fabricadas por Sargadelos", destacan.
O pasado mes de agosto anunciábase o despedimento de 49 traballadores, a metade do cadro de persoal da fábrica de Sargadelos en Cervo. O conselleiro delegado e accionista maioritario da empresa, Segismundo García, xustificou a decisión pola "presión sindical" e as reivindicacións laborais dos traballadores. García sinalou especialmente a Rogelia Mariña, representante sindical por UGT na fábrica, que fóra despedida de forma improcedente no ano 2016 tras criticar á Dirección da empresa, que por orde xudicial tivo despois que readmitila e indemnizala.
Sargadelos despediu unha vintena de traballadores e ameazaba con botar outros tantos se o persoal non revogaba unha sindicalista crítica coa Dirección
Segismudo García afirmou que daría marcha atrás en varios dos despedimentos anunciados se o cadro de persoal acordaba revogar a Rogelia Mariña, algo que unha asemblea de traballadores acordou dúas semanas despois. Finalmente, os despedimentos foron máis de 20. A empresa superou nos últimos anos varios Expedientes de Regulación de Emprego e un concurso de acredores tras o conflito que rematou coa saída de Díaz Pardo. Algún dos ERE foi declarado ilegal pola xustiza.
A AAAG destaca "a gran implicación persoal" de Isaac Díaz Pardo na creación dos Premios María Casares en 1997.