A histórica Sargadelos anunciou o pasado venres o despedimento da metade do seu cadro de persoal na fábrica que ten en Cervo. O conselleiro delegado e accionista maioritario da empresa, Segismundo García, deu conta das súas intencións de prescindir de 49 traballadores nun insólito acto no que o anuncio chegou ao mesmo tempo aos medios de comunicacións e ás persoas afectadas. Varios deses despidos foron xa executados tras o envío de cartas a entre seis e oito operarias coa xustificación do seu "baixo rendemento". E todo malia que a dirección da compañía insiste desde hai algúns anos en que a situación económica non é para nada abafante xa e que a facturación vai en aumento tras superar unha fonda crise.
Segismundo García anunciou o despedimento de 49 traballadores nunha asemblea á que convidou os medios de comunicación
Así e todo, Segismundo García xustifica o drástico recorte de persoal nas "presións sindicais" e mesmo non descarta o peche da emblemática factoría mariñá. O conselleiro delegado sinala as reivindicacións dos representantes dos traballadores por mellorar as súas condicións ou lograr o cumprimento da lexislación laboral como causa da súa decisión, ante a sorpresa do cadro de persoal; e máis concretamente sinala a Rogelia Mariña, representante sindical por UGT na fábrica e que fora presidenta do comité de empresa. Despedida en 2016 tras criticar a xestión do máximo accionista, o seu cesamento foi declarado improcedente pola Xustiza, polo que Sargadelos tivo que readmitila e García indemnizala con 30.000 euros por danos morais.
Segismundo García xustifica os cesamentos pola "presión sindical", as reivindicacións laborais e a lexislación
Nesta "teima e animadversión" de García contra Rogelia Mariña sitúan fontes do persoal a cuestión do fondo dunha decisión de Sargadelos ante a que UGT xa anunciou que reclamará "de inmediato" a "tutela xudicial e mesmo penal" para "lograr que o conselleiro delegado cese na súa actitude". "Non podemos deixar que siga atacando así unha persoa e un sindicato", explica a Praza.gal Pedro Blanco, avogado do sindicato neste conflito.
A nota repartida por Segismundo García entre os medios e as súas declaracións na asemblea pública na que anunciou os despedimentos é "a única comunicación" que o cadro de persoal recibiu, á marxe da media ducia de mulleres ás que enviou unha carta anunciando o seu cesamento por baixo rendemento e, "xa que logo, por razóns disciplinarias", segundo aclara Blanco.
UGT sitúa a decisión na "teima" que García ten contra a ex-presidenta do comité á que tivo que indemnizar con 30.000 euros por "danos morais"
García carga contra os sindicatos por presionar a empresa e acúsaos de poñer en risco a súa viabilidade, pero xustifica a convocatoria da asemblea nunha suposta "ameaza" de Rogelia Mariño que, segundo o conselleiro delegado, "manifestou publicamente en varias conversas con empregados que en pasando as festas de agosto, a dirección da compañía vaise enterar". Os sindicatos denunciaron non hai moito a diferenza salarial dos novos contratados fronte ao persoal que continúa desde o ERE e o máximo accionista alude ás críticas que a propia Mariño tería levado a cabo sobre o incumprimento deses e doutros "dereitos dos traballadores". Na súa opinión, esas reclamacións e a posible esixencia legal de equiparar os salarios farían inviable a compañía. A súa solucion: despedir as persoas recentemente empregadas para que "ninguén se sinta explotado", tal e como dixo ironicamente.
"O propio Segismundo García está a xustificar os despedimentos nun rumor, nun comentario do que non ten constantación oficial. Non é certo o que di, pero se houbese algún incumprimento laboral en Sargadelos, UGT presentaría algún tipo de reclamación ante a empresa e intentaría negociar para chegar a un acordo... Pero todo isto débese fundamentalmente a unha teima persoal", explica Pedro Blanco, que lembra como no seu propio escrito García recoñece que a factoría incumpre varias normativas laborais e ataca a lexislación, a burocracia e os sindicatos para xustificar os despedimentos.
UGT acusa o conselleiro delegado de ofrecer paralizar os despedimentos se o persoal asina un escrito pedindo a dimisión da súa representante sindical
De feito, segundo informou UGT máis tarde nun comunicado, García ofreceu "deixar se efecto os despedimentos efectuados e non realizar ningún máis" a cambio de que o persoal "asine un escrito, por el elaborado, onde se esixe a dimisión de Rogelia Mariño". Para o sindicato, esta esixencia supón "unha clara chantaxe e coacción ás persoas traballadoras, ademais de algo ilegal". "Non o permitiremos", din. O conselleiro delegado nega calquera relación co devandito escrito repartido na empresa e que tería sido apoiado polas sinaturas dun 75% do cadro de persoal.
Ademais, UGT di "rexeitar e condenar" este "novo ataque" de García a Mariño, manifesta a súa "solidariedade" coa representante legal "elixida polos traballadores" e require á empresa para que "achegue á delegada de persoal toda a información sobre os despediementos efectuados e previstos".
García argumenta o despedimento de medio cadro das traballadoras na probabilidade de que a lei o obrigue a subir os seus salarios
"Teño detectado que esta empresa incumpre 262 normas ou preceptos, nada menos!", di García no seu escrito do venres, non que mesmo volve tirar de ironía e di "confiar" en que "os sindicatos e a xustiza laboral non deixen o seu empeño por pechar o Grupo Sargadelos". Ademais, o conselleiro delegado asegura que só neste presente ano a compañía "tivo que pagar máis de un millón de euros por demandas sindicais derivadas dun ERE do ano 2010, na miña opinión xusto e necesario para a pervivencia do cadro de persoal".
Referíase ao expediente aplicado en 2010 e que foi anulado posteriormente polos tribunais, obrigando a readmitir varios traballadores e pagar os salarios. Segundo García, a empresa tivo que abonar uns 800.000 euros ao pouco de saír do proceso concursal. Ademais, tamén fixo alusión aos 30.000 euros de indemnización a Rogelia Mariño ou á "situación de quebra pola que atravesou a compañía" e a "inxección de liquidez" a través de ampliacións de capital. "Un importe de dous millóns de euros que tivemos que asumir algúns dos socios, xa que outros partícipes e ningún dos empregados quixeron asistir", reiterou quen alude aos "equilibrios" que ten que facer a empresa fronte á "inxusta e corporativa legalidade que nos regula e nos ata".
A fábrica que Sargadelos ten en Sada, Cerámicas do Castro, quedaría exenta dun recorte dun total de persoal que ascende a unhas 220 persoas. Segundo o propio García aclaraba hai meses, a facturación do grupo chega aos 8 millóns, cun incremento do 20% nun ano e superando a fonda crise do pasado.