A Televisión de Galicia non retransmitirá este ano a gala dos Premios de Teatro María Casares. A decisión chega por parte dos organizadores, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que explica nunha nota os "diferentes motivos" que a levaron a descartar a emisión do evento pola canle pública.
A AAAG desbota a emisión da gala ao non recibir resposta da CRTVG ás súas peticións de mellorar a retransmisión e situala "nun horario razoable"
Segundo explican, a AAAG decidiu, tras o debate interno en varias asembleas da asociación, a necesidade de "mellorar as condicións de emmisión por parte da TVG" da súa gala anual ou, en caso de non conseguilas, "buscar outras alternativas". Foi así como, tras este "mandato asembleario", solicitouse ao longo dos últimos meses reunións cos responsables de Programas da televisión pública para "propoñerlles cambios e melloras na retransmisión". Pero esa xuntanza, en palabras da entidade, "nunca tivo lugar".
Así, a AAAG optou por enviar por escrito á CRTVG a petición para "mellorar diferentes aspectos da retransmisión", solicitándolle que fora poola primeira canle da TVG "e nun horario razoable". O ano pasado emitiuse pola G2 ás 22.45 horas.
"As peticións foron ignoradas e ofrecéronse dende a TVG as mesmas condicións dos últimos anos nos que a gala dos María Casares ficaba reducida ao streaming na web e á emisión pola segunda canle en horarios poucos favorables para a audiencia", explica a AAAG, que considera que a CRTVG "falla neste senso e noutros moitos na súa obriga de difundir a cultura propia en xeral e a teatral en particular".
Contactada por este diario a CRTVG, declinou facer valoracións públicas ou responder ás críticas da AAAG.
"A TVG ofreceu as mesmas condicións dos últimos anos: unha gala reducida ao 'streaming' na web e á emisión pola segunda canle en horarios poucos favorables para a audiencia"
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, ademais, cre que "nin os María Casares nin o sector escénico encaixan nas coordenadas marcadas polo lema de #Cultura365, impulsado pola CRTVG dende o momento en que se desvirtuou a marca histórica do Diario Cultural con gran protesta dentro do sector cultural". E lembra que a decisión de que non se emita a gala chega "nunha época de forte cuestionamento do labor público xeral do ente, tal e como evidencia a iniciativa dos Venres Negros, impulsada por parte do persoal da CRTVG, ou a convocatoria de folgas o pasado mes de decembro".
Ademais, recordan que ofrecerán a posibilidade de ver a gala a través da empresa ourensá Aleuto Medios Dixitais, que se encargará da retransmisión a través de streaming, que se poderá seguir por Youtube a partir das 21 horas do xoves 21 de marzo.