Os e as gañadoras dos XXIII Premios de Teatro María Casares coñeceranse o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Un mes antes, veñen de anunciarse os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das 14 categorías destes galardóns.
Os e as gañadoras coñeceranse o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña
Commedia, de Contraproducións (12 finalistas). Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego (7), e A leituga, de Emedous (5), son os que acaparan un maior número de candidaturas. Estas tres obras competirán polo premio ao mellor espectáculo. Mentres, Contos do recreo, de Redrum, PATAPATÚM, de Elefante Elegante, e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, competirán polo galardón de mellor obra infantil.
Cándido Pazó (Commedia), Marián Bañobre (Invisibles) e Xesús Ron (Divinas Palabras Revolution) son os finalistas na categoría de Mellor Dirección. E Esther F. Carrodeguas (#camiños), María Lado e Iria Pinheiro (Anatomía dunha serea) e Santiago Cortegoso (Casa O'Rei) optan ao premio ao mellor texto orixinal. Polo galardón á mellor adaptación/tradución son finalistas Cándido Pazó (Commedia), Manuel Cortés (Divinas Palabras Revolution) e Marián Bañobre e Santiago Cortegoso (Invisibles).
Nas categorías de mellor intérprete protagonista están nomeados Antonio Durán "Morris" (A Leituga), Miguel Borines (Casa O'Rei) e Víctor Mosqueira (Commedia) no apartado masculino e Iria Pinheiro (Anatomía dunha serea), María Vázquez (A Leituga), Mela Casal (Invisibles), Nuria Sanz (Commedia) e Patricia de Lorenzo (Divinas Palabras Revolution) no feminino.
Commedia, de Contraproducións (12 finalistas). Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego (7), e A leituga, de Emedous (5), son os que suman máis candidaturas
Curiosamente, na categoría de mellor actor secundario os tres candidatos son de Commedia: Avelino González, César Goldi e Marcos Orsi. Na de mellor actriz secundaria as finalistas son Marián Bañobre (Casa O'Rei), Marta Lado (O servidor de dous amos) e Mónica García (Divinas Palabras Revolution).
Neste ano 2019, a AAAG encargoulle ao ilustrador David Rubín a creación do cartel dos Premios María Casares. Ademais, os galardóns abren unha nova andaina nesta vixésimo terceira edición ao substituír as tradicionais xerras de Sargadelos por un novo trofeo deseñado por Paula Pereira. A AAAG tomou a determinación deste cambio tras as decisións empresarias e as declaracións sobre a acción sindical da dirección do grupo.