“As aulas ensinan a facer teatro, a entender o teatro e a amar o teatro a partir desa comprensión. Saíron profesionais da escena (e do audiovisual), pero sobre todo saíron grandes espectadoras e espectadores. O teatro de base”. Con palabras coma estas resume o director da Aula de Teatro de Ourense, Fernando Dacosta, a función das que este ano serán as homenaxeadas co Premio de Honra dos María Casares: as aulas de teatro universitarias.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) decidiu concederlles ex aequo este galardón á Aula de Teatro Universitaria de Ourense e á Aula de Teatro da Universidade de Santiago para recoñecer o seu labor como “auténticas canteiras para a nosa escena profesional dende as súas respectivas fundacións a comezos dos anos noventa do pasado século” e o “seu gran traballo á hora de crear afeccionados, público e un tecido de interesantes iniciativas formativas ou de exhibición como son os diferentes festivais que se repiten cada ano”
“Oxalá sigamos aquí dentro doutros 30 anos, vós e nós, e poidamos seguir a aprender, a gozar e a crear co teatro universitario”.
“O teatro universitario” -explica Fernando Dacosta- “é unha terceira vía. Está a carón do teatro profesional -ao que nutre e do que se nutre- e do amador. Ten circuítos propios de exhibición, ten a posibilidade de afrontar montaxes con elencos moi numerosos, a necesidade da investigación, e está no marco dunha institución académica como é a universitaria. Coas súas mostras trae grupos dos máis diversos lugares do mundo e con linguaxes pouco habituais na escena e na cultura á que temos acceso na nosa sociedade”.
Mais, alén deste recoñecemento da AAAG, non todo é celebración nestes espazos de formación de futuros profesionais e de creación de públicos. Pouco despois de coñecerse a noticia do premio, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense enviaba aos medios unha nota na que, de xeito escueto, indicaba que “é un pracer compartilo coa Aula de Santiago e gustaríanos facelo extensible a todo o teatro universitario, ás aulas de Lugo e Vigo, que continúan co seu labor, e ás da Coruña, Pontevedra e Ferrol que agardamos que retomen a súa actividade”, ademais de advertir que “moitas son as cousas a mellorar, moitas as loitas que cada ano hai que ter para se manter” e desexar que “oxalá sigamos aquí dentro doutros 30 anos, vós e nós, e poidamos seguir a aprender, a gozar e a crear co teatro universitario”.
“No ano 1997” -lembra Dacosta- “houbo sete aulas de teatro dos sete campus das sete cidades galegas. Nunca máis houbo tal”
A preguntas de Praza, Fernando Dacosta aclara o sentido destas palabras. “No ano 1997” -lembra- “houbo sete aulas de teatro dos sete campus das sete cidades galegas. Nunca máis houbo tal. Ferrol tivo actividade discontinua e desapareceu no 2014, Pontevedra no 2010 -cunha mostra exitosa nese momento- e Coruña leva dous anos sen actividade. Falamos das aulas e das mostras que organizaban. Galicia, referente no teatro universitario da península, corre o risco de perder esta xoia se non se coida desde as administracións”. Cada ano -engade- “se non facemos un esforzo enorme e constante, deixariamos de existir. Esa é a loita: tratar de facer algo necesario para a cidadanía e tratar de facer comprender as administracións que iso é necesario, para ser dignos de chamarnos humanos, para ser”.
“Se non facemos un esforzo enorme e constante, deixariamos de existir”
Ese esforzo comezou, tanto no caso da aula de Ourense como na de Santiago, nos anos 90. “No ano 91” -conta Dacosta- “a Universidade de Vigo encargou a dirección das aulas de teatro a compañías con experiencia no eido teatral e docente: Kalandraka en Pontevedra, Vagalume en Vigo e Sarabela en Ourense foron as que iniciaron esas aulas. Mediaron proxectos, informes, reunións, orzamentos …”. Aínda procedendo dun mesmo contexto e respondendo ás mesmas finalidades, as aulas de teatro son diversas. “Hai moitos modelos de aula de teatro no conxunto da universidade” -salienta o director da de Santiago, Roberto Salgueiro-. “No noso caso, o obxectivo sempre estivo claro: constituírse como un espazo de formación que dea cabida ás persoas que se interesan por vez primeira na arte teatral e tamén ás que queren especializarse. Funcionar como lugar de encontro para estimular o interese e a curiosidade e animar a que os nosos alumnos abran os ollos a diversas opcións estéticas co fin de que atopen o seu propio camiño”.
O proxecto respondía, así, en Santiago, ao “convencemento dunha necesidade básica: a existencia dun espazo de formación teatral no seo da nosa universidade. O contexto agora é moi diferente, pero o obxectivo segue sendo o mesmo”. De xeito semellante, cando Fernando Dacosta colle a relevo de Ánxeles Cuña na dirección da aula ourensá, faino coa idea de “formar as persoas nas diversas disciplinas teatrais e facer unha montaxe teatral na que aprendan o funcionamento dunha compañía de teatro.
Ánxeles comezou así e organizou a primeira mostra de teatro universitario galego en Ourense. Cando entrei no curso 94/95 procurei continuar co labor iniciado. Cos anos creáronse os 3 niveis de ensino da Aula de Ourense, a Aula infantil, a MITEU e a MOTI. Cada curso estamos preto das 60 persoas matriculadas e o labor é seguido pola cidadanía”.
O proxecto respondía, así, en Santiago, ao “convencemento dunha necesidade básica: a existencia dun espazo de formación teatral no seo da nosa universidade”
As mostras de teatro universitario poden ser, para o público de fóra da propia comunidade universitaria, o lado máis visible do labor destas aulas. Mais non é, nin moito menos, o único. “No noso programa de actuación” -sinala Roberto Salgueiro- “existe un programa de apoio ás compañías que xorden ao abeiro da nosa escola, da propia compañía e no seo da comunidade universitaria. A universidade realiza unha convocatoria de axudas á produción escénica á que calquera compañía teatral da USC, dada de alta no noso rexistro, pode presentar os seus proxectos. Ao tempo, poñemos a disposición das compañías unha sala de ensaios (Sala Luísa Cuesta) así como o acceso aos nosos fondos de préstamo e tamén asesoramento técnico e artístico. A finais de curso académico convocamos unha Mostra de Teatro Universitario de Galicia, onde programamos todas as nosas compañías e á que convidamos ás compañías das outras universidades galegas, unha cita que este ano chega á súa XX edición”.
“A cultura afecta ao noso ser, non sei se ten que impactar pero si debe transformar mediante a emoción, a beleza e o coñecemento”
En Ourense, dende Sarabela e a Aula de Teatro organízanse a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) e a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI), dúas moi importantes citas teatrais da cidade. “Coa MOTI” -subliña Fernando Dacosta- “procuramos os primeiros achegamentos das persoas ao teatro. É alfa e omega: alfa por ser ese inicio teatral con obras que poden ir dirixidas á primeira infancia ou a nenas e nenos maiores; omega por ser nos últimos días do ano. O público novo, mozo, ten na MITEU un espazo de reflexión, de coñecemento, de encontro. Cos anos a Mostra foise abrindo a todo tipo de público (público que foi medrando neste cuarto de século en idade e en cantidade). A cultura afecta ao noso ser, non sei se ten que impactar pero si debe transformar mediante a emoción, a beleza e o coñecemento”.
Aínda que o labor principal das aulas é, claro está, a formación do alumnado universitario. Pola aula de Santiago pasaron un total de 1.686 alumnos e alumnas polos programas de formación e a escola de teatro. No perfil do alumnado, asegura Roberto Salgueiro, “hai unha evolución clara. A demanda é crecente no tempo e o perfil cada vez máis especializado. A xente que se presenta ás probas para entrar na escola de teatro ou na compañía coñece o nivel de esixencia requirido, o que peneira xa previamente o acceso. Non é precisa experiencia previa no ámbito escénico, pero si é condición indispensable o rigor no traballo”.
“A demanda é crecente no tempo e o perfil cada vez máis especializado”
“A comezos de curso académico” -engade Salgueiro- “convocamos unha reunión aberta a todas as persoas interesadas en coñecer o funcionamento da Aula de Teatro. Despois realizamos unhas probas de acceso tanto para a escola de teatro como para a compañía, iniciando na segunda quincena do mes de setembro o traballo na compañía. Existen dous períodos de traballo na compañía: ensaios (cunha duración de dous meses e medio aproximadamente, onde se ensaia unha media de catro/cinco horas diarias -de luns a xoves-), estreándose o traballo antes das vacacións de nadal, e o período de xira, que comprende do mes de febreiro a maio, no que o traballo se presenta en diversas localidades galegas e españolas, así como en diversos festivais no estranxeiro”.
No caso de Ourense -sostén Dacosta- hai unha importante variedade no alumnado. Desde ”persoas que queren adicarse ao teatro (menos) e persoas que queren facer teatro (as máis)”. Mais tamén hai dificultades -admite-. Xa que “cada vez están máis estresadas: un mal dos nosos tempos, e é complicado poder ensaiar moitas horas seguidas, moitos días ou mesmo organizar xiras. O plan Bolonia obriga á asistencia a clases e depende do profesorado valorar ou non que alguén vaia representando á súa Universidade a Granada, a Pamplona ou a Marrocos e que non lle poña falta ou obrigue a ir a un exame final. Tamén hai persoas que traballan e deben compaxinar as xiras e ensaios cos seus labores profesionais. Debemos ser dinámicos e porosos e satisfacer as demandas de cada persoa para poder conformar un grupo e contar unha historia”.
“Debemos ser dinámicos e porosos e satisfacer as demandas de cada persoa para poder conformar un grupo e contar unha historia”
Ademais dos cursos de teatro, de materias específicas, a aula de Ourense organiza o ensino teatral en tres niveis e unha sección infantil. “O nivel 1 (Rosaura) é o xogo, a conciencia do espazo e do corpo. Remata cun espectáculo de rúa. O nivel 2 (Cordelia) é o aprofundamento de conceptos, a voz, a precisión, a acción. Remata cunha mostra de traballo por escenas no teatro. O nivel 3 (Maricastaña) é a posta en escena, o funcionamento como grupo, a aplicación e enriquecemento do aprendido, coa estrea dun espectáculo e a xira e confrontación con públicos diversos. A Aula infantl (Geppetto) é o traballo enfocado ás cativas e cativos e remata cunha representación na MOTI”, resume Dacosta.
Con estes vimbios tecéronse, en Ourense, montaxes -31 desde 1992- coma o ‘Hamlet’ de Shakespeare no 1997, ‘Vodas de sangue’ de Lorca no 2001, ‘Frankenstein’ de M.W. Shelley no 2005, ‘Hide’ de Stevenson no 2009 ou ‘Un novo mundo feliz’ Huxley no 2012. Máis que destacar espectáculos, Dacosta prefire falar de “bloques”, que serían: “o monstro (o finxido, o creado, o que está dentro): con ‘Totem’, ‘Frankenstein’ e ‘Hide’; a distopía, con ‘O país das últimas cousas’, ‘Fahrenheit’ e ‘Un novo mundo feliz’; as historias de sempre, con ‘Hamlet’, ‘Conto de inverno’ ou ‘Vodas de sangue’ e a conformación do ser humano contemporáneo, con ‘Rampante’, ‘Demediado’, ‘Suicidio colectivo’, ‘A última cornixa’, ‘As ondas das pedras’... “. O texto -asegura- “adoita partir de novelas aínda que hai creación propia desde a dirección. A elección depende dos tempos que nos toca vivir, do que se sente en cada momento, do que se cre que cómpre contar. Pártese dunha estrutura inicial, despois veñen as improvisacións dos actores e actrices a partir de certos obxectivos. Estas improvisacións veñen de volta para darlle forma cunha dramaturxia do espectáculo que se concreta nun texto”.
“A elección depende dos tempos que nos toca vivir, do que se sente en cada momento, do que se cre que cómpre contar”
A produción comezou no caso da aula de Santiago con ‘A esperar a Godot’, de Beckett. Despois viñeron montaxes coma ‘Trufaldino, servidor de dous amos’ (Goldoni, 2006), ‘O Burgués xentil home’ (Moliérè, 2000), ‘La cabeza del dragón’ (Valle-Inclán, 1999) ou ‘Cando chega decembro’ (Manuel Lourenzo, 1993). En confluencia con Dacosta, Roberto Salgueiro afirma que “o criterio para escoller textos -ou escribilos- depende da evolución do grupo de traballo. Nunca se pretende “montar un texto”. Ao contrario, a partir do grupo establecido é que se decide que traballo afrontar. O normal é que as persoas que entran na compañía continúen nela ao longo da súa vida académica na USC, de tal maneira que a escolla do traballo a realizar está determinada, basicamente, polas súas necesidades pedagóxicas”.
Salgueiro admite que lle resulta “imposible” destacar montaxes. Prefire subliñar “a evolución artística das persoas que traballaron na compañía”. E, falando diso, cómpre salientar nomes de alumnos e alumnas que se converteron en recoñecidos profesionais. No caso de Santiago, a AAAG lembra na súa nota de prensa a intérpretes coma César Goldi, Anabell Gago, Diego Rey, Toni Salgado, Machi Salgado, Xúlio Abonjo, Mónica Camaño, X.C. Mejuto, María Ordóñez, Marcos Correa, María Lado ou Xosé Manuel Esperante; dramaturgos coma Vanesa Sotelo, Fran Godón ou Rubén Ruibal e xestores culturais coma Paulo Rodríguez, Roberto Pascual, Diego Meizoso ou Cecilia Carballido.
“O que levo con máis agrado” -di Roberto Salgueiro- “é ver a sensación de pertenza a unha familia que teñen todas as persoas que pasaron pola compañía. En ocasións, cando presento a alguén que estivo na Aula de Teatro hai vinte anos a alguén que está agora, xorde inmediatamente entre eles unha complicidade fermosa, saben o que están compartindo. Si, é certo que moitas persoas que hoxe forman parte do tecido profesional deste país pasaron pola aula. Non sei en que parte medraron con nós, prefiro pensar máis en calidade humana. Se insisto en algo sempre é na necesidade de implementar no traballo escénico valores que, para algúns, son alleos á creación: a xenerosidade en escena é básica, como a escoita e a solidariedade. E desde logo o respecto: para co teu traballo e para cos espectadores”.
“O que levo con máis agrado” -di Roberto Salgueiro- “é ver a sensación de pertenza a unha familia que teñen todas as persoas que pasaron pola compañía”
Salgueiro quixo tamén expresar a súa “lembranza agradecida a todas a persoas que botaron unha man “suplementaria” para que este proxecto fose adiante e chegase a converterse nun espazo respectado. Estou pensando nas persoas da limpeza que teñen a sala Vidal Bolaño (o noso espazo principal de traballo) sempre a punto, nos conserxes do auditorio da universidade e do Burgo das Nacións (onde está situada a sala Luísa Cuesta), na patrulla de vixilancia, os diferentes técnicos que asistiron e asisten á Aula de Teatro... Sen a súa complicidade sería máis difícil todo. E, claro, a todas as vicerreitoras e vicerreitores que tiveron responsabilidade no noso programa, porque sempre contamos coa súa implicación”. Ao respecto e, preguntado polas limitacións que atopa hoxe o traballo da aula, comenta que neste momento dispoñen “dunhas infraestruturas propias que nos permiten abordar un programa con moita autonomía”. Con todo -engade- “sería fantástico poder recuperar, dunha vez, o vello auditorio da universidade para termos un espazo de exhibición propio”.
“Gustaríanos ser a infancia na que se forma o que será a persoa adulta, o amor familiar que sempre está aí, o espertar dos sentidos, a primavera teatral”
Na aula de Ourense formáronse intérpretes coma Eva Fernández, Sergio Zearreta, Nate Borrajo, Afonso Míguez, Aitor Rey, Teté García, Tito Asorey, Marta Doviro, Paloma Lugilde, membros de Trécola Teatro e A Run Run, ou técnicos coma Celso Ferreiro. Preguntado por en que sentido a aula puido poñer as bases do que despois foron e son estes profesionais da escena, Fernando Dacosta responde que “poderán contestalo elas e eles”, mais lembra que “hai actrices -podes ter en conta ademais a Eva Fernández, Mónica Sueiro, Uxía Morán, Ledicia Piñeiro, actores como os que mencionas, técnicos, figurinistas ... Gustaríanos ser a infancia na que se forma o que será a persoa adulta, o amor familiar que sempre está aí, o espertar dos sentidos, a primavera teatral”.