Modesto e os oito mil microtopónimos de Dumbría: unha vida dedicada a recoller os nomes do territorio

Modesto García Quintáns amosa na súa exposición a listaxe telefónica de Dumbría que completou cos nomes das casas do concello © RAG

Ao se xubilar en 2008, Modesto García Quintáns comezou a percorrer metro a metro todas as aldeas de Dumbría de maneira sistemática para completar o seu mapa topográfico, recollendo milleiros de nomes de leiras ou regos, mais tamén de muíños, hórreos ou túmulos prehistóricos

O Petón da Lagoa, O Petón das Cruces, A Pedra vixía, Pedra Abrigueira, O Prado da Misa, O Fial da Grúa, A Portela da Loba, As Gatiñeiras, Os Vaos Anchos e A Cova da Meda... E así ata oito mil nomes. Modesto García Quintáns (Dumbría, 1942) recompilou durante anos milleiros de microtopónimos no seu concello, xeorreferenciados, que agora vén de entregar en doazón a Real Academia Galega para a súa incorporación ao gran banco de datos toponímicos de Galicia, a plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

Enxeñeiro en topografía, cando se xubilou dedicou moitas horas a percorrer metro a metro os 125 quilómetros cadrados do termo municipal de Dumbría para así completar o mapa topográfico do seu concello.

Este mércores a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, responsables de Galicia Nomeada, agradecéronlle a doazón nunha homenaxe celebrada no Centro Social de Dumbría. No acto, Modesto García Quintáns estivo ademais arroupado pola veciñanza e o alumnado e o profesorado do CEIP Plurilingüe Santa Eulalia que asistiron como público.

Detalle do mapa topográfico de Dumbría realizado polo enxeñeiro © RAG

O topógrafo cedeu á Real Academia Galega os oito mil microtopónimos recollidos e xeorrerenciados para a súa incorporación ao gran banco de datos toponímicos de Galicia, a plataforma colaborativa Galicia Nomeada. Este mércores foi homenaxeado en Dumbría

No acto, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixéronlle entrega dun diploma de recoñecemento “polo agasallo que fai á cultura de Galicia”. A acreditación cualifica o labor deste dumbriés ilustre como “unha fermosa mostra do amor que sente pola súa terra, que o levou a percorrer durante moitos anos o territorio de cada unha das aldeas de Dumbría e para o que contou como informantes coas persoas maiores e máis sabias de cada lugar”. 

Tras a entrega dos microtopónimos, os filólogos do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega revisaranos e validaranos para poder incorporalos a Galicia Nomeada.

O Petón da Lagoa, O Petón das Cruces, A Pedra vixía, Pedra Abrigueira, O Prado da Misa, O Fial da Grúa, A Portela da Loba, As Gatiñeiras, Os Vaos Anchos e A Cova da Meda... E así ata oito mil nomes

Modesto conta que sempre lle gustou camiñar polo monte e que cando de mozo estudaba no antigo instituto laboral de Cee percorría a pé cada mañá os 9 quilómetros de distancia entre a súa casa, na parroquia dumbriesa de Buxantes, e o centro de ensino. “Saía cando aínda era noite do lugar de Vilar, e non era raro que me atopase o lobo”, di. “Coñezo todo o territorio como se fose a miña casa. Recorrín todos os regatos, rexistrei as leiras, os muíños, as fontes... e tamén mámoas e outros restos arqueolóxicos”, conta.

Modesto García Quintáns no Centro Social de Dumbría © RAG

A base de datos que o topógrafo e divulgador lle cede á RAG contén ademais os oicónimos de Dumbría, os nomes das casas do municipio polos que eran coñecidos sos seus habitantes

A base de datos que o topógrafo e divulgador lle cede á RAG contén ademais os oicónimos de Dumbría, os nomes das casas do municipio polos que eran coñecidos sos seus habitantes. “Este traballo fíxeno nos anos 60. Cando se instalou o teléfono en todas as aldeas do concello, Telefónica publicou unha listaxe cos nomes e apelidos dos veciños, pero a xente coñecíase entre si sobre todo polos nomes das casas. Daquela eu completei esa lista cos alcumes familiares e rexistrei nun plano as coordenadas de cada casa”, detalla. 

A súa, por exemplo, é a Casa dos Modestos. “Chámase así polo meu avó. Emigrara ao Brasil e regresou con certa posición económica. Daquela pedíanlle moito que apadriñase cativos, que sempre se chamaban Modesto, coma min. Se cadras con algún Modesto en Dumbría, algunha relación coa miña familia ha ter”, explica..

Unha vida dedicada á topografía e a percorrer o territorio

Funcionario do Instituto Xeográfico Nacional, traballou dende os anos 70 do pasado século na instalación nos montes dos puntos xeodésicos que permiten logo trazar a cartografía,

Funcionario do Instituto Xeográfico Nacional, logo de exercer en Valladolid, a finais dos anos 70 Modesto García Quintáns incorporouse á nova delegación galega da entidade. O seu traballo consistía fundamentalmente en percorrer Galicia para actualizar a información contando cos últimos avances do momento na especialidade. “Traballei moito na rede xeodésica, na instalación dos puntos nos montes que permiten logo trazar a cartografía, e tamén na actualización do mapa topográfico de Galicia”, conta.

Pero, ademais, Modesto comezou a recoller e xeorreferenciar os microtopónimos do seu concello natal, contando coa veciñanza como informante, pois vía que nos rexistros para o Catastro e a concentración parcelaria existía un gran número de equivocacións cos nomes das agras e leiras. “Doíame moito ver como no proceso da concentración parcelaria se puñan os nomes na cartografía sen ton nin son, con formas mal recollidas e tamén fóra da súa situación real" di.

Modesto García Quintáns no Centro Social de Dumbría © RAG

Ao se xubilar en 2008, comezou a percorrer metro a metro todas as aldeas de Dumbría de maneira sistemática para completar o seu mapa topográfico, recollendo milleiros de nomes de leiras ou regos, mais tamén de muíños, hórreos ou túmulos prehistóricos

Isto explica, por exemplo "que se lle estea a chamar Chan das Lagoas ao alto no que se instalou o radar de seguimento marítimo do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra", a 530 metros sobre o nivel do mar, nun lugar “que nin é nin foi chan, nin ten lagoas”.

Ao se xubilar en 2008, comezou a percorrer metro a metro todas as aldeas de Dumbría de maneira sistemática para completar o seu mapa topográfico, recollendo milleiros de nomes de leiras ou regos, mais tamén de muíños, hórreos ou túmulos prehistóricos. En ocasións estas saídas realizounas coa compaña do historiador Fernando Alonso Romero, interesado no patrimonio arqueolóxico, e completou a información recollida oralmente con abondosa documentación consulta en bibliotecas e arquivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.