Detective Ferruchi, I’m Obélix e Milú e o edificio das persoas extraordinarias son as obras gañadoras dos Premios Xerais 2024, aos que nesta edición se presentaron un total de 103 orixinais, un dos datos de participación máis altos dos últimos anos. As autoras premiadas resultaron ser a xornalista e escritora Marta Villar, a escritora e hosteleira Raquel Fernández e o escritor Abel Tomé.
Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios o sábado 26 de outubro no Museo do Mar de Vigo, cando os libros estean xa nas librarías. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
Detective Ferruchi, de Marta Villar, introduce diversos temas que "levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual"
A novela Detective Ferruchi, de Marta Villar, foi a escollida para o XLI Premio Xerais de Novela. Unha decisión adoptada por unanimidade polo xurado, que valorou que "a utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz". A xornalista de Malpica de Bergantiños publicou a súa primeira novela, Non temerás os coches amarelos, en Xerais en 2023 e recentemente estreouse no eido da literatura infantil con Os peidos máxicos de Sultán, publicada tamén por Xerais hai só unhas semanas.
Detective Ferruchi conta a historia arredor da investigación dun crime. Tras moitos anos fóra, Sol Cortés regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais. A investigación deste asasinato conforma o núcleo dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade.
"Os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual", argumenta o xurado, formado por Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (ex futbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Nesta edición presentáronse 35 obras ao Premio Xerais de Novela. Ademais da obra gañadora, o xurado recomendou a publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga.
I'm Obélix, de Raquel Fernández, conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que, en principio, semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade do alumnado e de certo sector do profesorado.
O xurado do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil estaba composto por Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado salienta que Raquel Fernández crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista; e introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto
Na súa xuntanza, o xurado valorou o ritmo que a autora consegue manter ao longo de toda a novela. "Raquel Fernández Fernández crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista, pero que tamén nos permite coñecer, e mesmo chegar a comprender, os responsables da súa situación. O xogo con varias voces dálle, ademais, unha inmensa riqueza á narración, e introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto. A forza do argumento, a axilidade, o manexo da lingua e as continuas referencias a cómics e videoxogos fan de I'm Obélix unha novela completa e absolutamente atractiva para a rapazada", conclúen no seu fallo.
A gañadora, Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972), exerce no sector da restauración como propietaria dun restaurante no Val Miñor. Escribe dende nena e é lectora voraz dende que acorda. Acadou varios premios literarios, a partir dos cales publicou en varias antoloxías. A súa primeira novela publicada é Contas de buxo (2024).
"O optimismo e a fantasía inherentes á infancia convértense nun antídoto contra a intolerancia e o odio", destaca o xurado sobre Milú e o edificio das persoas extraordinarias
O xurado do XXIX Premio Merlín de Literatura Infantil decidiu por unanimidade premiar a obra Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé. Estivo formado por Alba Blanco Boga (libreira da Librería Seijas), Miguel García-Fernández (historiador e bookstagramer en @lectureo), Andrea García Martínez (escritora e ilustradora), Laura Romero (ilustradora e música. Actual presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Victoria García (mestra e escritora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. Na mesma cidade hai tamén un grupo de persoas que cre que o país onde viven só lles pertencea elas e que os veciños de Les Marginaux non forman parte del polo simple feito de naceren noutros lugares do mundo. Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares.
"O optimismo e a fantasía inherentes á infancia convértense nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo", valorou o xurado tras analizar as 34 obras presentadas. Ademais, recomendou a publicación da obra finalista presentada baixo o lema Lenda e Noite.
Coa súa primeira novela, A Noite do Corvo (2018), Abel Tomé (Outes, 1984) resultou finalista no premio Illa Nova de Narrativa de Galaxia, galardón que conseguiu o ano seguinte con A Noite do Lobo (2019). Hai só uns meses resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros pola terceira parte desta triloxía, A noite do Oso. Liliam Strawberry e o paxaro da morte (Xerais, 2023), foi a súa primeira incursión na literatura infantil, unha obra coa que xa quedara finalista do Premio Merlín en 2022.