Pedro Feijóo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo gañan os Premios Xerais 2023

Pedro Feijóo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo, Premios Xerais 2023 © Xerais / Remitidas

Unha historia de corrupción, o periplo vital dunha adolescente que atopa o seu camiño a través do boxeo e a imaxinación desbordante dun neno que crea relatos protagonizados por lentellas. Son os piares nos que se asentan as obras gañadoras dos Premios Xerais 2023, divulgados este 17 de xuño, que recaeron en Pedro Feijóo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo.

O Premio Xerais de Novela foi desta volta para Ninguen contará a verdade. É o libro presentado por Pedro Feijóo baixo o lema "O candidato da fin do mundo". O traballo, que competiu con outros 35, é para o xurado un texto "de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias" no que se "evidencia un gran traballo de investigación" por parte do autor.

Xurados dos Premios Xerais 2023 © Manuel G. Vicente

"Uns diálogos sen figuras, un ritmo áxil, a meticulosa descrición dos espazos" ou "a reflexionada estrutura e atmosfera que paira sobre a narración" son, destaca o xurado, claves nunha novela protagonizada por Marosa Vega, unha xornalista en paro "despedida debido á súa obstinación por ir sempre coa verdade por diante". Na novela terase que encargar de desentrañar un caso que "afecta directamente ao presidente da Xunta e que está a deixar un regueiro de vítimas".

Unha historia de corrupción, o periplo vital dunha adolescente que atopa o seu camiño a través do boxeo e a imaxinación desbordante dun neno que crea relatos protagonizados por lentellas protagonizan as obras gañadoras

O premio Jules Verne 2023 de Literatura Xuvenil foi por unanimidade para Furia, de María Reimóndez. Presentada baixo o lema "Ring", a obra presenta a historia de Cecilia, unha moza de 16 anos que "muda de cidade para vivir coa súa tía avoa" e que canaliza a rabia "a través do boxeo, un deporte estigmatizado que se converterá na súa táboa de salvación". A través do deporte coñece a M., unha muller moito maior coa que comparte os seus conflitos familiares.

"Pero Furia non é só a historia dunha adolescente buscando o seu lugar no mundo", advirte o xurado. "Tamén é un relato coral de tres mulleres de diferentes idades e condicións sociais" que "van tecendo unhas realidades que fan que a trama principal da novela sexa tan importante como as que concorren nun segundo plano". Para o xurado, o libro "abre unha porta de optimismo e positividade ante situacións que sofren" as persoas adolescentes.

O xurado do Premio Xerais de Novela 2023 comunica a Pedro Feijóo que foi o gañador © Manuel G. Vicente

Pola súa banda, o Premio Merlín, que chega a súa vixésimo oitava edición, recaeu n'A botella de lentellas, asinado por Leticia Barbadillo Vázquez. O protagonista desta obra infantil é Manuel, "un neno que pasa moito tempo só na casa" porque o pai traballa "demasiadas horas" e a avoa tivo que ser ingresada nunha residenica.

Nun martes de Entroido, Manuel bota en falta as orellas que lle preparaba a súa avoa e "decide facer unhas poucas". Ao "empregar a súa botella chea de lentellas para estiralas" acábaas estrando polo chan e, como a súa avoa tampouco está para lle contar contos, acaba imaxinando "sorprendentes historias protagonizadas todas elas por lentellas".

Unha vez coñecidos os premios, as obras gañadoras comezan agora o seu proceso de edición. Cando xa estean nas librarías, o vindeiro outubro, Xerais entregará os premios nunha gala no Parador de Baiona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.