María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias son os gañadores dos Premios Xerais 2022
A culpa, Cicuta para dous e Unha nova dimensión resultaron gañadoras do XXXIX Premio Xerais de Novela, o XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVII Premio Merlín de Literatura Infantil que organiza a Editorial Xerais. As autoras premiadas son María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, respectivamente.
A escritora e xornalista María Solar (Santiago de Compostela, 1970) é coordinadora de Cultura da CRTVG e presentadora do programa Zigzag Fin de Semana da TVG. Recibe por primeira vez este Premio Xerais de Novela con A culpa, que é un xogo de espellos entre dúas amigas e socias indisolubles, unha relación que comeza cunha clara manifestación de apoderamento persoal e feminino para se ir convertendo nunha submisión tóxica agoniante cun final perturbador onde a culpa se converte nun personaxe omnipresente.
O xurado destaca que a novela de María Solar é unha "narración moi equilibrada e áxil"
O xurado para esta edición á que concorreron 40 obras, formado por Carolina Sertal (xornalista), Mónica Cores (profesora e bookstagramer en @libroscontos), Sara Carballa (coordinadora do club de lectura 'Daquelas que len'), Begoña Varela Bárcena (libreira), Pepe Pintado (científico do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (en representación de Xerais, con voz e sen voto) salienta que se trata dunha "novela de intriga que mantén até o último alento a necesidade de descubrir cada un dos elementos agochados nesa poza intermareal en que se mergullan as persoas lectoras para poder desentramar e comprender con lucidez a historia que se conta".
Unha escolla por unanimidade que se constrúe a través dunha "narración moi equilibrada e áxil". "Ao longo de toda a novela dosifícanse e infíltranse perfectamente as pasaxes intimistas e reflexivas que esixen unha lectura máis pausada co ritmo trepidante e os diálogos fluídos para os momentos de acción e suspense", traslada o xurado sobre a novela de María Solar.
A obra premiada de Rocío Leira está chea de intriga e humor, tinguida de pinceladas filosóficas
O Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil é para Rocío Leira (A Pereiriña, Cee, 1979), licenciada en Matemáticas que dirixe un centro de formación para estudantes universitarios en Compostela. Como escritora ten recibido diferentes premios, un dos máis recentes foi o Premio Ánxel Fole pola novela A Afogada (Xerais, 2021).
A través das páxinas de Cicuta para dous, Erundino Terrón Vidal, filósofo, e a súa secretaria Irma Redondo Camporrapado, levarannos a resolver o misterio. O xurado, que estivo formado por Gabri Fuentes (xornalista), Araceli Collado Díaz (bookstagramer @aradenaron), Adrián Gómez Ramos (escritor), Manuel Moledo (biólogo e escritor), María Asunción Carballo Rodríguez (profesora e coordinadora de biblioteca) e Ramón Domínguez Veiga (en representación de Xerais, con voz e sen voto) valorou "a forza do argumento, a orixinalidade, o manexo da lingua e, sobre todo, o carisma dos personaxes dunha novela que consideraron redonda".
Cicuta para dous é unha novela chea de intriga e humor, tinguida de pinceladas filosóficas que dan xogo para a reflexión. Todo comeza con este anuncio publicado nun xornal: "Búscase persoa curiosa para resolver crime que aínda non se cometeu". Un total de 23 obras concorreron ao Jules Verne e o xurado recomenda a publicación doutra delas, presentada baixo o título O xogo da Casandra.
O poemario de Anxo Iglesias foi considerado como un "festival de creatividade" polo xurado
Pola súa banda, o Premio Merlín de Literatura Infantil recaeu en Anxo Iglesias (Vigo, 1967), profesor de Educación Física no IES Auga da Laxe de Gondomar e parte do grupo de música infantil A Banda dos Cueiros, é membro fundador da Asociación Espazo Lectura, onde coordinou o club de lectura 'Lendo contigo' de 2008 a 2015.
Anxo Iglesias asina Unha nova dimensión, un orixinal compendio poético baseado na liberdade creativa e nos xogos coa linguaxe. Nas súas páxinas desprégase un amplo abano de composicións (romances, abecegramas, xitanxáforas, ladaíñas, haikus, pictopoemas, cancións…), así como recursos de todo tipo: semánticos, fonéticos, rítmicos ou visuais, cunha meditada escolla de tamaños e cores de letra, e unha coidada disposición das palabras no espazo para gañar en expresividade.
O xurado do Merlín, formado por Iván Davila (actor e narrador oral), Chus Gómez Dorrego (xornalista), Tamara Lema (mestra e autora de material educativo), María Montes (ilustradora), Elisa Nieves Barreiro (bookstagramer @delibrosalibres) e Anaír Rodríguez (en representación da editorial, con voz e sen voto) tivo que escoller entre 24 orixinais e resolveu por unanimidade premiar esta obra que consideran como un "festival de creatividade" e "un estímulo para a imaxinación".
Os libros gañadores dos tres Premios Xerais 2022 chegarán ás librarías no mes de novembro deste mesmo ano, unha data que coincidirá co acto de entrega dos galardóns.