Vanessa Rodríguez, Samuel Baltar e Breixo Parcero uníronse para formar a editora Nêspera no verán de 2020, despois do confinamento, buscando propostas que non atopaban en galego. Así descubriron a novela dunha autora novel, 'Avelaíñas eléctricas', de Sica Romero
Non é valentía nin militancia, en todo caso é resistencia. Xorde en Ames unha nova editora, Nêspera, que inicia a súa andaina da man dunha autora que tamén é nova e que se estrea na literatura cunha novela cun gusto a poesía. Vanessa Rodríguez, Samuel Baltar e Breixo Parcero están detrás desta aventura editorial que pretende traer os libros que non atopaban nas librarías nin nas bibliotecas, tanto desa literatura que chamamos ′para adultos′ como de literatura infantil e xuvenil.
Non era precisamente unha novela o que buscaban en Nêspera para comezar o camiño de facerse un oco no sistema literario galego, mais ben procuraban unha desas rarezas que todo editor quere publicar. Froito desas casualidades que nunca o son tanto, chegaron ata esta Avelaíñas eléctricas, de Sica Romero, e recoñeceron nela iso que tanto buscaban para xustificar os esforzos de crear unha nova editora.
″En Catalunya e en Euskadi hai editoras que están vendendo libros en galego a Galicia. A miña experiencia persoal e profesional [traballou máis dunha década nunha libraría] foi que para atopar libros de lectura fácil en galego tiñamos que pedilos a unha editora catalá, que moi ben porque eran os únicos que traducían ao galego este tipo de libros. Pero temos que ir fóra a buscar o noso. Entón, nós pensamos que podiamos intentar xerar iso desde aquí e, se tal, exportalo para que sexa o resto da xente a que veña a consumir a cultura que facemos dende aquí″, conta Vanessa Rodríguez.
“Non pensaba publicar, pero pareceume que merecía a pena ensinar esta historia”, di Sica Romero
Nêspera comezou a tomar forma –tras moitos anos de conversas– despois do confinamento, no verán de 2020, e chega ata nós nun momento que aínda é complexo pola crise de prezos e os problemas de subministros como o do papel, que tanto está a afectar ao eido editorial. Había uns plans marcados, pero ″cando apareceu esta novela soubemos que a queriamos acompañar″, sinala Rodríguez, que avanza que seguen debullando unha colección de libros xuvenís ilustrados e unha serie ″de divulgación sobre cousas nosas″ con ″moito contexto″ e para todos os públicos. ″A fotografía é algo que nos interesa moito, tamén, e xa temos dous proxectos relacionados con ela″, engade.
Unha historia guiada por Rosalía
Para Sica Romero estas Avelaíñas eléctricas tampouco eran unha novela nun principio. ″Fixen primeiro un relato, despois outro e outro... ata que me din conta de que aí había algo que estaba conectado. Así, foi xurdindo algo que tardou tempo en parecerse a unha novela. Pero nin pensaba publicar porque xa escribira cousas antes que non lle ensinara a ninguén máis que á miña mellor amiga e así. Non pensaba que estaba vez puidera ser distinto pero, co tempo, pareceume que merecía a pena ensinar esta historia″, lembra.
“Calquera persoa pode atopar algo de si mesma mentres a lea porque fala de cousas que suceden″, sinala Sica Romero
Nesta novela, Sica Romero ten presentes os versos de Rosalía de Castro como guía para principiar cada capítulo. ″Foi a poeta que máis me marcou xa no instituto. Calara moito en min, de feito, saíanme versos dela escribindo esta historia. Dinme conta de que de verdade o que ela conta é universal e de que moito do que defendía é o que seguimos a defender hoxe. Esa conexión fíxome pensar en que era moi especial introducila no libro″, explica.
Pero non só está presente Rosalía, na cuberta do libro dise que Sica Romero descubriu con nove anos o libro de Agustín Fernández Paz No corazón do bosque (Xerais, 2001) ″e nunca máis deixou de habitar a literatura″. Máis recentemente, ler Panza de Burro (Barret, 2020), de Andrea Abreu, deulle a confianza para reproducir a oralidade da fala da Costa da Morte na maneira de expresarse dunha das personaxes da súa novela. ″É a fala de Louro e Muros, da zona dos meus avós. Parecíame moi bonito que se puidese meter en algo culto –como é un libro– esa forma de falar e expresarse tan real, porque non hai ninguén que fale normativo de forma natural″, apunta.
Avelaíñas eléctricas é unha novela de non-ficción. Definida pola súa autora como ″realista″ ao considerar que ″calquera persoa pode atopar algo de si mesma mentres a lea porque fala de cousas que suceden e están aí, presentes, na vida de calquera de nós″. O libro (obxecto) xoga coas tipografías e as imaxes para completar esteticamente as mensaxes que quere transmitir. ″Por exemplo, os textos que aparecen a máquina de escribir representan a unha persoa que non está máis que a través desas liñas″, desvela Romero.
″Para min era moi importante poder sentirme libre, sendo o primeiro libro creo que vas con máis medo a meter a pata. Nesta novela hai moitos recursos que non son os máis comúns, tanto o do dialectalismo como o de xogar coas tipografías, non é o que ves en calquera libro que atopas nunha libraría. Ao ser o meu primeiro libro dábame medo, pero cando dende a editora te dan ese apoio e o ven como algo que enriquece a historia tiras cara a adiante. E estou moi contenta de telo feito, a verdade″, asegura a autora.
O libro está a ter moi boa acollida, así o celebran desde a editora, pois explican que son as propias librarías as que lles están a demandar a novela. De momento, están encargándose eles tamén da distribución. Hai que ir subindo chanzos, pero tendo claro que comezaron este proxecto para ″publicar pola calidade, non pola cantidade″. ″Queremos obras coidadas e que digan algo, que creen reflexións –como a novela de Sica– e espazos para o debate, que fagan referencias universais ou a cousas ancestrais, pero que remexan un pouco. E ademais queremos participar de coloquios, encontros e obradoiros″, salienta a editora Vanessa Rodríguez.