A Deputación de Lugo teme danos nun mapa de Fontán polas obras da Xunta nun instituto

Persoal do Museo e representantes do Concello, da Deputación e do BNG local reciben explicacións sobre o Mapa de Fontán por parte do director do IES Lucus Augusti © Deputación de Lugo

O IES Lucus Augusti custodia unha copia da primeira edición da Carta Xeométrica cedida pola institución provincial. Persoal de restauración do Museo Provincial examínaa e detecta unha capa de po

O lucense IES Lucus Augusti, o máis antigo de Galicia, estivo dende finais do século XIX e ata os anos 50 do século XX no Pazo de San Marcos, sede da Deputación. Cando foi trasladado ao edificio que aínda ocupa a día de hoxe parte dos materiais pedagóxicos da institución educativa ficaron desatendidos. Un deles, un exemplar da primeira edición da Carta Xeométrica de Domingo Fontán.

Décadas despois foi localizado "de xeito casual" o exemplar do histórico mapa, cuxa primeira edición estivo composta por apenas medio milleiro de copias. Foi restaurado no Museo Provincial e a Vicepresidencia da institución provincial promoveu a súa cesión ao instituto a través dun convenio que en 2024 quedou renovado por dez anos. Agora o goberno provincial teme que sufrise danos por mor das obras que a Xunta está a acometer no Lucus Augusti.

Profesorado do IES Lucus Augusti protestando por que as obras non rematasen antes do inicio do curso, o pasado 12 de setembro © Concello de Lugo

Este pasado mércores, informa a Deputación, "persoal do departamento de restauración do Museo Provincial" achegouse ao instituto "para examinar o estado do exemplar da primeira edición do Mapa de Fontán que conserva o centro educativo". Concretamente, para "avaliar o impacto das obras que a Xunta está realizando no centro" sobre a copia da Carta Xeométrica, lembran, "a primeira destas características elaborada no Estado con métodos científicos".

Profesorado do centro mobilizouse hai poucos días para denunciar que as obras volvesen obstaculizar o inicio do curso: "Están mentindo, non concluíron"

Como resalta o xornal El Progreso, as primeiras comprobacións in situ puideron certificar que  existencia dunha capa de po sobre o mapa, exposto no instituto dentro dunha gran vitrina protectora. Iria Castro, deputada de Cultura da Deputación, lamenta que "nas obras, que están alterando o inicio do curso, a Xunta tampouco tivese en conta a existencia no centro de elementos de gran valor patrimonial como o mapa de Fontán". Da avaliación final dos danos dependerá se a cesión continúa ou non nas mesmas condicións.

Esta alerta polo estado do mapa de Fontán prodúcese apenas unha semana despois de que profesorado do Lucus Augusti se mobilizase para protestar por que a Xunta non rematase antes do comezo do curso unhas obras de remodelación e rehabilitación do edificio que, destacan, levan "anos" en marcha. "Están mentindo, as obras non concluíron", resumen mentres os traballos contratados pola Consellería de Educación continúan atrancando o desenvolvemento normal tanto das clases como dos labores administrativos. O Goberno galego, pola súa banda, mantén que agarda finalizar coas reformas en apenas un mes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.