"Toda Galicia vai nela": Chantada homenaxea a Carta Xeométrica de Fontán cunha exposición

Pazo de Sabadelle, en Chantada © Pazo de Sabadelle

Este sábado 7 inaugúrase a mostra no Pazo de Sabadelle, cun amplo programa no que participan Marisa Álvarez Landesa ou Xurxo Souto

"Toda Galicia vai nela". Así se referiu Ramon Otero Pedrayo á Carta Xeométrica de Domingos Fontán nunha conferencia que ofreceu no Centro Galego de Bos Aires en 1947, con Castelao entre os asistentes. Levara unha copia do pioneiro e exacto mapa creado polo xeógrafo de Portas, que xa tivera un papel protagonista en Arredor de si, novela na que a Carta adquire un gran protagonismo cando o tío de Adrián Solovio pide que lle leve o Mapa de Fontán ao seu leito de morte. 

Para Otero Pedrayo, que posuía un exemplar orixinal na súa casa de Trasalba, o mapa de Fontán falaba por si mesmo, era todo un símbolo do país. [Unha ducia de curiosidades ao redor da 'Carta Xeométrica' de Fontán].

Agora esa mesma frase vai dar nome a unha exposición ao redor da Carta Xeométrica de Fontán que se vai poder ver dende este venres no Pazo de Sabadelle, en Chantada. A mostra, que conta coa colaboración do Concello de Chantada, chega no 180 aniversario da súa impresión en París e vai ser inaugurada este sábado cun amplo programa de poesía, música, pintura e diferentes presentacións no que participan persoas chegadas de distintos lugares de Galicia.

Cartel da inauguración da exposición © Pazo de Sabadelle

A exposición, que se poderá visitar de forma libre nos vindeiros meses, toma o seu título dunha frase de Otero Pedrayo sobre o mapa de Fontán, que elevou a símbolo do país

Así, estarán as pintoras Marita Carmona e Alba Fernández; as poetas Marisa Álvarez Landesa e Elba Grande e o poeta Correa Correadoira; a deseñadora de Chantada Dánae Mariño fará unha performance poética con varios deseños e modelos. Ademais, Xurxo Souto presentará o seu libro Somos un pobo de artistas e ofrecerá un show falando do pasado e presente da música en Galicia para rematar coa presentación de Xeografías, proposta intimista da artista, Sofía Espiñeira. 

Esta exposición, que inaugurará a enxeñeira de Camiños e Portos, Gemma Rojo, ten entrada libre e gratuíta para todas as persoas interesadas, e poderase visitar no Pazo nos vindeiros meses. "Interésanos dar a coñecer aquelas persoas e cousas que consideramos teñen relavancia na nosa historia e deben preservarse na nosa memoria”, explica Xosé Figueroa Lorenzana, do Pazo de Sabadelle.

Portada da Carta Xeométrica de Galicia, impresa en 1845 Dominio Público Praza Pública

“Estas actividades son recordatorios de partes importantes da historia de Galicia e axudan a divulgar e poñer en valor a nosa cultura e tradición. No Concello de Chantada apostamos desde o comezo por esta cita que mestura distintas artes e que está aberta a todas as persoas interesadas”, destaca pola súa banda o concelleiro de Cultura do Concello de Chantada, Manuel Diéguez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.