Unha ducia de curiosidades ao redor da 'Carta Xeométrica' de Fontán
O 24 de outubro de 1866, hai 157 anos, finou en Cuntis o xeógrafo e matemático Domingo Fontán, autor da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa realizado no Estado español coa precisión que permitían os instrumentos matemáticos e que Fontán tardou 17 anos en completar, percorrendo o país a pé ou a cabalo para realizar persoalmente milleiros de medicións. O resultado foi un mapa tan exacto que foi empregado nas décadas seguintes para trazar estradas e vías do ferrocarril e que permitiu coñecer o rostro de Galicia. Porque un país é, en boa medida, a súa xeografía, e non se podía coñecer Galicia sen, primeiro, medila e debuxala.
-
01
Xeógrafo, matemático.. e político
As singularidades da Carta Xeométrica comezan co seu autor. O ilustrado Domingo Fontán, nacido en Portas en 1788 foi matemático, xeógrafo e tamén político. Discípulo de José Rodríguez González, "o matemático de Bermés", en 1811 comezou a impartir clases na Universidade de Santiago e en 1817 iniciou os traballos do mapa que lle daría fama universal.
En 1837 foi elixido deputado polo Partido Liberal na provincia de Pontevedra, posto que ocupou durante sete anos, un tempo no que avogou pola desaparición dos foros e do caciquismo e, en xeral, traballou pola modernización dun país que coñecía tan ben: “Se queren, direilles un por un todos os pobos de Galicia e os consumos que ten cada un”, asegurou no Congreso en 1838, gabándose de ter percorrido "máis de dez mil pobos, escoitando as queixas das súas xentes".
-
02
Todo comezou nun pombal de Cambre
Pódese dicir que a Carta Xeométrica de Fontán comezou a tomar forma nun pombal situado no termo municipal de Cambre, en concreto no Pazo de Sobrecarreira, en Sigrás. Alí, subido a un pombal que había no xardín Fontán levou a cabo en 1816 distinas probas, que documentou e que serviron como experiencia para a posterior realización do mapa.
O pazo era propiedade do seu amigo Antonio Loriga, un liberal que entre 1820 e 1823 exerceu como xefe político da Deputación Provincial de Galicia (da que Fontán era secretario), órgano que suprimiu a contrarrevolución absolutista que deu lugar á Década Ominosa. Anos máis tarde empregou outro pazo de Loriga, situado en Zas, como base para unha das súas campañas de recollida de datos para o mapa.
-
03
A primeira observación, dende a Berenguela
Feitas as probas previas, os traballos da Carta Xeométrica comezaron na Torre da Berenguela da Catedral de Santiago, cuxa latitude e lonxitude achou con precisión grazas a múltiples observacións das estrelas.
Fontán converteu despois a Berenguela nunha estación xeodésica e vértice das súas primeiras triangulacións, con lados que chegaban ás elevacións próximas ao centro de Compostela: Pedroso, Viso, San Marcos... Despois mediu a distancia exacta ata estes puntos, achando as dimensións dos triángulos que formaban entre eles.
-
04
Formarís e O Corgo, as dúas bases
Para os seus traballos, Fontán dividiu Galicia en dúas partes: unha occidental, con base en Formarís, preto de Compostela, e outra oriental, con base na localidade lucense do Corgo. En cada unha destas bases levou a cabo medicións precisas (en 1820 e 1828) que serviron para coñecer o tamaño exacto dunha serie de triángulos creados a partir doutras estacións.
-
05
"3600 curatos e cinco catedrais"
No Congreso dos Deputados Domingo Fontán tamén presumiu de ter visitado "3600 curatos e cinco catedrais". E, en efecto, nos 17 anos nos que viaxou -a pé ou a cabalo- dunha punta de Galicia á outra, as torres das igrexas, dende as grandes catedrais ata as pequenas espadanas de parroquias rurais, foron as súas principais aliadas á hora de realizar medicións e observacións e moitas delas figuran entre as 467 estacións xeodésicas que estableceu en Galicia.
-
06
Alén de Galicia
En Galicia foron 467 as estacións, pero Fontán tamén fixo cálculos nas comarcas que ficaban fóra dos límites administrativos das catro provincias galegas e, de feito, estableceu 43 estacións en Asturias, León e Zamora e 3 en Portugal, ampliado o mapa coa mesma precisión a estas zonas.
En realidade, na súa cabeza estaba a realización dunha Carta Xeométrica que abranguese o conxunto do Estado español, e así llo propuxo en varias ocasións ás autoridades. Porén, esta parte da empresa nunca puido levarse a cabo.
-
07
Os instrumentos: teodolito, metro, telescopio...
Para o seu traballo, Fontán valeuse dun gran coñecemento matemático e de varios instrumentos imprescindibles para darlle precisión aos seus cálculos e medicións. Entre eles, o teodolito (un instrumento para medir ángulos con gran precisión), adquirido en 1818 en Francia, que formou parte da exposición Galicia 100 e que hoxe se conserva na Facultade de Xeografía e Historia da USC.
Empregou tamén telescopios, círculos de Lenoir, un transportador de minutos, barómetros, un péndulo astronómico, sextantes, unha escala metálica e un compás de vara.
-
08
Unha foto-fixa do país nas primeiras décadas do século XIX
Entre as curiosidades do mapa están a localización de elementos que hoxe xa non existen, comezando pola Lagoa de Antela (e algunhas das igrexas ou lugares que aparecen reflectidos) ou a recreación precisa de espazos que, co tempo, foron transformados coa creación de encoros ou a construción de pontes. O mapa amosa igualmente ben a rede de camiños existentes nas primeiras décadas do século XIX, unha información valiosísima para moitas investigacións.
-
09
A liña de costa, tamén
Fontán non dedicou ao trazado da liña de costa tanto esforzo coma o que puxo no resto do territorio, en parte porque estes espazos estaban mellor documentados en moitos mapas e cartas náuticas, especialmente as realizadas por Vicente Tofiño entre 1783 e 1789. Con todo, Fontán si que traballou delimitando xeografía do litoral e, de feito, creou 82 estacións de medición preto da costa, catro delas nas Illas Atlánticas.
-
10
A "Patria do autor"
Unha das maiores curiosidades que aparece rexistrado no propio mapa é a incorporación dunha nota ("Patria do autor") no lugar de nacemento de Domingo Fontán, Porta do Conde, no concello de Portas. Este ovo de Pascua foi a única concesión persoal que se permitiu no proxecto
-
11
A impresión
Se complexa foi a realización do mapa (Fontán tardou 17 anos nos que pasou por dificultades para o financiamento do proxecto -ata 1830 non recibiu apoio oficial- e outras ligadas ao contexto político), o proceso de impresión e distribución da Carta non o foi menos.
En 1834 rematou os traballos e a rexente María Cristina de Borbón (Fernando VII morrera un ano antes) finalmente concede en 1835 unha partida de 160.000 reais para os traballos de impresión. Porén, a impresión non se realiza ata dez anos máis tarde, en París a cargo do impresor Bouffard e baixo a dirección do propio Fontán. O mapa completo, a escala 1/100.000, ocupa 2,16 por 2,32 metros e foi dividido en doce follas de 58 x 72 centímetros.
En 1847 chegan a España 500 exemplares da Carta e dous anos máis tarde encargouse unha segunda tirada de 550 exemplares, que sufriu un importante atraso despois de que Fontán fose acusado polo Goberno de ter incumprido o contrato por non difundir os detalle dos seus traballos de triangulación.
-
12
Recoñecido pero non coñecido?
Hai uns anos Miguel Anxo Murado escribiu que Fontán "é un home moi recoñecido pero pouco coñecido". De feito, levan o seu nome rúas en Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Poio e Madrid e os seus restos están dende 1988 soterrados no Panteón de Galegos Ilustres, a carón dos de Castelao, Rosalía, Brañas, Asorey ou Cabanillas.
Porén, coñécense os detalles do seu inxente traballo? A importancia que tivo no seu momento a creación dun mapa tan preciso coma o que realizou? O legado que deixou para as décadas seguintes, nas que a súa Carta foi empregada como vía para moitos traballos de creación de infraestruturas, coma a chegada do tren a Galicia? Nos últimos anos a actividade da Fundación Domingo Fontán, obras coma Outra idea de Galicia de Murado, a novela Fontán, de Marcos Calveiro (publicada por Galaxia en 2015) ou a organización do Día da Ciencia en Galicia en 2018 ampliaron o que a sociedade coñece sobre a súa figura
-
13
O legado
Do importante legado que deixou Fontán e a relevancia que nas xeracións seguintes adquiriu a Carta Xeométrica dan conta as mencións que obras e persoeiros fixeron ao seu mapa. Por exemplo, no Arredor de si de Otero Pedrayo (que posuía un exemplar orixinal na súa casa de Trasalba), novela na que a Carta -convertida en símbolo de Galicia- adquire un gran protagonismo cando o tío de Adrián Solovio pide que lle leve o Mapa de Fontán ao seu leito de morte.
Na actualidade, o Consello da Cultura Galega, o Parlamento de Galicia, a Real Academia Galega, a Fundación Penzol, a USC ou os museos provinciais de Pontevedra e Ourense acollen exemplares orixinais da Carta Xeométrica.