Marcos Calveiro vén de gañar o IX Premio Repsol de Narrativa Breve con Fontán, novela biográfica de corte histórico que percorre a vida de Domingo Fontán, autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. O xurado -conformado por Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra, Santiago Lopo e Carlos Lema- escolleu o orixinal de Calveiro por se tratar dunha obra que relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega pouco coñecidos. Ademais, o xurado considera que a obra contribúe a divulgar a través da literatura o traballo de científicos e intelectuais liberais que no século XIX crearon unha idea de Galicia que influíu nas posteriores xeracións. A novela sairá publicada este outono na Editorial Galaxia.
Marcos Calveiro une este galardón a súa nómina de recoñecementos. Con anterioridade recibiu, entre outros moitos, distincións como Premio da Crítica Galega por Festina Lente, o Premio do Barco de Vapor por O carteiro de Bagdad, o Premio Lazarillo por O pintor do sombreiro de malvas ou o Premio Merlín por Ollos de auga.
Vén de ser galardoado por unha novela na que percorre a vida de Domingo Fontán, un personaxe do que confesa sentirse obsesionado dende fai anos. De onde nace o seu interese?
O interese vén da primeira vez que atopo o seu nome e sei da historia da carta xeográfica do mapa. Debín ler con 16 ou 17 anos Arredor de si, de Otero Pedrayo. Nese libro hai unha escena mítica na que Adrián Solovio queda marabillado diante do mapa de Fontán. Pouco despois vin un artigo de Cunqueiro dedicado ao mapa de Fontán e practicamente vén dende aquela. Levo toda a vida lendo todo o que atopo sobre Fontán. Paréceme un tipo extraordinario, un tipo que sobe a un burro e que durante 17 anos viaxa só e, con moi poucos medios técnicos, traza unha marabilla científica de Galicia. Un adiantado do seu tempo. De aí vén a obsesión. É un deses galegos practicamente descoñecidos que conseguiron grandes logros e que hoxe están aí esquecidos por todo mundo. Como el, hai moitos.
"Paréceme un tipo extraordinario, un tipo que sobe a un burro e que durante 17 anos viaxa só e, con moi poucos medios técnicos, traza unha marabilla científica de Galicia. Un adiantado do seu tempo"
Sobre todo no ámbito científico, non?
A verdade é que hai unha xeración de científicos galegos do século XIX que ou ben estaban en Galicia ou ben andaban por Europa adiante e que tiñan contacto coa mellor ciencia da época. Sobre todo, da francesa. O que foi mestre de Fontán, Xosé Rodríguez, paseou polas mellores universidades europeas. Temos científicos galegos membros da Royal Society inglesa ou do Observatorio Astronómico de París, que se carteaban cos mellores científicos, que participaron na medición do meridiano ou noutros grandes procesos. Pero son persoeiros que quedaron un pouco esquecidos. Pasa hoxe tamén cos científicos galegos. Ou están aquí de bolseiros malvivindo ou teñen que marchar fóra para que os recoñezan. Cando lles conceden un premio fóra, ás veces regresan polo traballo dilixente da Xunta e do resto de institucións. A ciencia ten ese problema.
Estamos ante unha novela histórica, mais tamén de formación. A infancia, polo tanto, xoga un papel importante no libro.
Interesábame, sobre todo, o rapaz. Como alguén dunha aldeíña do concello de Portas, Porta do Conde, acaba tendo un papel tan importante? Como esperta a vocación científica nun rapaz de aldea? De onde vén esa pulsión para medir o mundo? O seu mundo, evidentemente, era Galicia. A novela conta a súa vida dende que nace até que morre, pero hai moitos episodios da infancia. É dicir, temos un libro dividido en sete partes e cada unha desas partes principia cun episodio da súa infancia. Unha infancia que, imaxino, o marcou para a súa posterior carreira científica. Despois, estamos nun século, o XIX, moi convulso en Galicia. Falamos da Guerra contra os franceses, a represión dos liberais, a represión na Universidade por ser liberal... Hai un feixe de cuestións políticas e ideolóxicas. Fontán foi deputado en Madrid moitos anos, defendendo a causa de Galicia. É un século moi convulso, no que pasaron moitas cousas e el estivo inmerso directa e persoalmente en moitas desas cuestións.
"Temos científicos galegos membros da Royal Society inglesa ou do Observatorio Astronómico de París, que se carteaban cos mellores científicos. Pero son persoeiros que quedaron un pouco esquecidos"
En que aspectos era un adiantado no seu tempo?
Se o pensas, malia ser un señor decimonónico, liberal e catolicón, non deixa de ser un protonacionalista. Sempre tivo Galicia por diante de calquera interese persoal. El consideraba fundamental que Galicia tivese unhas boas comunicacións co resto do España, loitou moito con iso. O primeiro percorrido do ferrocarril en Galicia, entre Santiago e Carril, faise sobre o seu mapa. En Madrid tivo moitos conflitos sendo deputado porque el sempre considerou que para que Galicia tivese o papel que tiña que ter, as decisións non se podían tomar en Madrid. Tiñan que ser sobre o terreo e dende Galicia. Niso, no seu pensamento, é case un protonacionalista. E despois, fixo unha tarefa titánica de facer unha carta xeométrica, un mapa científico, que foi moi usado e que non foi superado até moitísimos anos despois. Tamén tivo unha fábrica de papel en Lousame, foi empresario. O tipo deulles a todos os paus. E sempre tendo a Galicia por diante, por riba dos intereses persoais, económicos e tamén dos familiares. É un home que tivo moitísimos fillos e que debeu telos, supoño, abandonados. Porque imaxínate 17 anos en burro por Galicia. Non sei canto tempo pasaría na casa, supoño que moi pouco. Participou, ademais, na creación das Deputacións galegas. Estivo en practicamente todo os saraos.
"Interesábame, sobre todo, o rapaz. Como alguén dunha aldeíña do concello de Portas, Porta do Conde, acaba tendo un papel tan importante? Como esperta a vocación científica nun rapaz de aldea?"
Ademais da infancia, entendo que todos eses aspectos da súa vida se recollen na novela. Que fragmentos da súa vida están retratados máis polo miúdo?
A ver, a súa estadía na Universidade de Santiago é fundamental, o seu coñecemento como alumno de Xosé Rodríguez, o matemático de Bermés, do que hai moi pouca información, e despois momentos máis persoas da súa vida. Non sei, pois por exemplo as dificultades que tivo para imprimir a súa propia carta, que tivo que pagar da súa conta e todo o relacionado coa súa familia. Despois, el aprendera linguas cun francés que fuxira da Revolución Francesa e que quedara como acollido na casa do seu tío en Noia. E despois hai unha pequena introdución científica, por definila dalgún xeito, na que trato de narrar a obsesión que había no século XIX por medir a terra e saber o tamaño exacto da Terra. El participa neses procesos. Máis directamente Xosé Rodríguez, pero tamén falo de todos eses astrónomos e xeógrafos ingleses e franceses que trataron de medir o meridiano da Terra. Todo un traballo que Fontán aproveita para a súa carta xeométrica. Mesmo pola novela chega a deambular Xulio Verne. Porque ten relación con Galicia. Non digo xa as 20.000 leguas de viaxe submarina ou o capitán Nemo. Ten unha relación anterior e moito menos coñecida polo gran público. Practicamente ignorada por todo o mundo.
"Pola novela chega a deambular Xulio Verne. Porque ten relación con Galicia. Non digo xa as 20.000 leguas de viaxe submarina. Ten unha relación anterior e moito menos coñecida polo gran público"
E que se pode adiantar desa relación?
Ai, non! Para iso hai que ler a novela, porque ademais levou moitísimo tempo descubrir esa relación. O matemático de Bermés aparece nunha novela de Verne co apelido cambiado. E Xulio Verne frecuentou moito os faladoiros dos científicos franceses cando era noviño. Cando non era un escritor coñecido, tivo relación con moitos dos personaxes científicos que aparecen na novela. E hai unha relación directa con Galicia máis alá do Capitán Nemo.
Leva dende moi novo furando na historia de Fontán. Cando decidiu poñerse a escribila finalmente? Como foi o proceso de documentación?
Levo anos cunha carpeta no ordenador que se chama Domingo onde fun vertendo toda a información que atopei sobre el. Aí teño que destacar o traballo fundamental dunha fundación, da fundación da súa familia, que se chama Fundación Domingo Fontán e que ten moitos dos seus documentos persoais dixitalizados e á disposición a través da rede. Penso que é unha documentación bibliográfica impresionante, que debería estar nunha institución pública galega e a disposición de todo o mundo.
"Estes anos eu viaxei moito visitando centros de ensino. Cada vez que ía algún lugar e cadraba preto algún dos lugares de referencia para Fontán, achegábame"
Realmente, o proceso de escrita durou todos estes anos. Estes anos eu viaxei moito visitando centros de ensino. Cada vez que ía algún lugar e cadraba preto algún dos lugares de referencia para Fontán, achegábame. Subín moitas curotas de montes que el visitou para trazar o mapa, visitei a súa casa en Porta do Conde que aínda existe, agora ocupada por outra familia... É dicir, visitei moitos lugares nos que el estivo. Tamén a primeira recta que mediu, en Santiago, pola zona de Boisaca; a recta que logo mide no Corgo para a triangulación do mapa... Foi un traballo de moitos anos. A novela leva escrita un par de anos e neste tempo, como non escribín ningunha cousa nova, pois funa reescribindo, adaptándoa e mudándoa até esta versión definitiva que foi premiada co Repsol.
Despois deste premio, a súa seca literaria ten pinta de rematar? Refírome ao que contaba hai uns meses en Biosbardia nunha entrevista na que recoñecía que levaba dous anos escribindo e que xa non lle parecía imprescindible escribir para vivir.
Non, a seca non rematou. Esta novela estaba metida nun caixón. É que agora estou de taberneiro aquí no Café Badía, en Vigo, e non teño moito tempo para poñerme a escribir. Aínda teño un par de novelas no caixón, vou sacar unha infantil agora, saquei unha xuvenil fai un meses... Aínda teño fondo de armario, que se di. Tampouco teño a pulsión, esa obsesión, que tiven con Fontán ou con outras novelas, de escribir e escribir, Supoño que teño que atopar unha historia ou un personaxe que entre no meu corpo coma unha gripe e que teña que botalo fóra.
"Eu pensaba que non podía vivir sen escribir, pero estes dous anos serviron para me decatar que podo vivir sen escribir e que hai cousas máis importantes na vida"
Por cuestións persoais e familiares da miña vida, ultimamente estiven moito máis ocupado con outras cousas que na escrita. Eu pensaba que non podía vivir sen escribir, pero estes dous anos serviron para me decatar que podo vivir sen escribir e que hai cousas máis importantes na vida.
O premio pode servir de incentivo, de mecha para que prenda outra vez algo...
Si, claro. Evidentemente é un acicate. Ademais, este é un libro que eu tiña ganas de publicar si ou si, aínda que fose sen premio. Porque penso que é un personaxe que merece un recoñecemento. Porque quitando que el está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, non hai moito máis. Pero vaia, todo o mundo se lembra de Rosalía e dos escritores, pero ninguén se lembra de que Fontán tamén está aí. Parece que o Panteón é só Rosalía. A Fontán non lle fan ofrendas. E non estaría mal algunha homenaxe. O mapa é extraordinario: colocounos no mundo. A carta xeográfica española faise trinta anos despois da del, coa participación dunha compañía de enxeñeiros do exército, con cen tipos e tardan non sei cantos anos en facela. Fontán fixo todo ese traballo el só, foi un empeño persoal. Ademais, ti imaxina un tipo subido nun burro durante 17 anos percorrendo a Galicia... Eu é que alucino. Aí hai unha serie, un documental, unha película. Hai toda unha epopea épica para contar.
"Parece que o Panteón é só Rosalía. A Fontán non lle fan ofrendas. E non estaría mal algunha homenaxe. O mapa é extraordinario: colocounos no mundo"
Volve unha vez máis a novela histórica. Xa llo preguntei en máis dunha ocasión, pero ese interese pola novela histórica...
Mira, é que eu fun un friki na adolescencia. Lin a Enciclopedia Galega enteira. E apareceron unha serie de persoeiros galegos que fixeron cousas realmente extraordinarias e están esquecidos. Realmente coñecemos moi mal a nosa propia historia. E a historiografía españolista decimonónica ocupouse ben de borrar calquera rastro do Reino de Galicia e de moitas das cousas que fixeron os nosos antepasados. E a min estas cousas préndenme na cabeza. E teño en carteira mínimo media ducia máis de galegos extraordinarios que fixeron cousas impresionantes e dos que practicamente ninguén sabe nada. De aí vén o meu gusto pola historia e a historia de Galicia, que sempre foi moi mal contada e deturpada.
E se pregunto por algún deses persoeiros, contaríame algo sobre eles?
Non vou falar moito deles, porque se cadra fago unha novela sobre algún deles. Teño un par deles que son extraordinarios. Un deles está relacionado con grandes descubrimentos e grandes navegacións. O outro está relacionado coa Revolución Rusa. Son persoeiros dos que ninguén fala. Mesmo un deles ten unha biografía en inglés que aínda non conseguín. Ando detrás dela. Non a dou cazado! Pero hai un montón de xente esquecida da nosa historia. E ademais, moitos deles, como Fontán, eran protonacionalistas. Evidentemente, no tempo que viviron e nas circunstancias relixiosas, culturais e sociais que lles tocou vivir. Son xente que levaban Galicia por bandeira e resulta unha mágoa que estean perdidos. Sacalos á luz pódenos servir de exemplo para que no futuro fagamos mellor as cousas como país... A ver.
"Teño en carteira mínimo media ducia máis de galegos extraordinarios dos que practicamente ninguén sabe nada. De aí vén o meu gusto pola historia e a historia de Galicia, que sempre foi moi mal contada e deturpada"
Como vai o Café Badía?
Aquí imos servindo cafés. Non temos queixa. En principio, o bar vai ben. Imos tirando. Non é para facernos millonarios. Moito choio, botas moitas horas aquí... A xente respondeu ben, malia ser un local diferente ao que se estila aquí, en Teis. A vantaxe que temos é que temos un xardín e unha horta fantásticos, parece que estás nun reduto. Un remanso de paz no medio do caos deste barrio.
E tamén aproveitan para facer presentacións e actividades...
Pois mira, fixemos xa algún concerto. E a semana pasada presentamos o último libro de An Alfaya, proximamente presentaremos o meu novo libro. Tamén estamos pensando en facer algún vermú literario... Pero non só escritores, tamén científicos ou músicos, que veñan aquí, inicien unha conversa e que a xente poida participar. Así tamén damos certa animación cultural no barrio. Porque aquí, quitando o Centro, fanse poucas actividades. En principio, a xente parece que respondeu. O outro día había cen persoas na presentación do libro de An Alfaya. E non eran só amigos, coñecidos, xente da editorial... Non, era moita xente do barrio. A xente responde cando fas cousas.
Volvendo a esa entrevista de Biosbardia. Até que grao se fixo imprescindible escribir para vostede?
Dende que publiquei a miña primeira novela en 2006 até fai un par de anos... Pois foi unha obsesión. Empataba unha novela con outra. Pasaba o día escribindo e viaxando por aí... E a verdade, foi algo obsesivo, quizais un chisco enfermizo. Case acaba comigo, coa miña familia, con todo o que tiña ao redor. Todo era escribir, escribir, escribir... Creo que escribín moito en pouco tempo. Agora estou de relax, recuperando... Coma se estivese nun balneario literario. Ao barbeito e agardando un pouco.
"Empataba unha novela con outra. Pasaba o día escribindo e viaxando por aí... E a verdade, foi algo obsesivo, quizais un chisco enfermizo. Case acaba comigo, coa miña familia, con todo o que tiña ao redor"
Resulta angustiosa a seca?
Teño novelas no caixón, sigo publicando e agora Ollos de auga vai saír ao castelán con Anaya a primavera que vén. Libros sigo tendo e sigo publicando. Ao principio si que me preocupou moito. Porque eu pensaba seguir na mesma dinámica, pero logo as circunstancias persoais e familiares, pois leváronme por outros camiños. E a literatura quedou en segundo plano. Agora, evidentemente, non o preciso para vivir. Non teño esa pulsión de ter que estar escribindo. E non o boto en falta tampouco.
"Non teño a capacidade doutra xente de tomar notas, de escribir un guión e deixalo aparcado durante uns meses. Son incapaz. A min sáeme todo de golpe da cabeza. Eu escribo a impulsos"
Mira, eu cheguei a escribir dúas ou tres novelas ao ano. Era obsesivo. Cheguei a escribir dúas novelas á vez. Un día escribía unha e ao día seguinte, dáballe a outra. Alternaba. Tiña as ideas na cabeza e pensaba que se agardaba a rematar unha, a outra non sairía. Ademais, eu escribo sen facer un guión previo, sen tomar notas nin nada. O que me sae nun momento da cabeza, teño que metelo directamente no ordenador porque me esquezo. Non teño a capacidade doutra xente de tomar notas, de escribir un guión e deixalo aparcado durante uns meses. Son incapaz. A min sáeme todo de golpe da cabeza. Eu escribo a impulsos. Unha vez quixen ser un escritor de oficio e con método, escribín un guión, estrutura, os personaxes... A novela aí quedou: abandonada. Fun incapaz.