O metro chegounos de París da man do matemático Xosé Rodríguez, non por casualidade, e recibiuno Domingo Fontán

Metro enviado por Rodríguez en 1818 (fotografía de Xosé A. Fraga, 23 de maio de 2013) ©

En 1818 atracou no porto da Coruña un barco procedente de Bayona (Francia) cun cargamento especial. Eran seis grandes caixóns que gardaban uns cincuenta instrumentos e obxectos científicos con destino á Universidade de Santiago. Nun deses caixóns chegaba un exemplar dun metro

A principios de maio de 1818 atracou no porto da Coruña un barco procedente de Bayona (Francia) cun cargamento especial dirixido ao consignatario Manuel Díez Tavanera. Eran seis grandes caixóns que gardaban uns cincuenta instrumentos e obxectos científicos con destino á Universidade de Santiago de Compostela, enviados polo matemático Rodríguez desde París despois dun laborioso proceso. Nun deses caixóns chegaba un exemplar dun metro. Unha peza de enorme valor histórico que naqueles anos estaba a dar os primeiros pasos que a levarían a converterse na unidade de lonxitude de referencia no mundo. Tamén era algo máis, unha potente mensaxe dos tempos novos que anunciara a Revolución francesa.

 

Unha carencia relevante

O claustro de profesores da universidade compostelá do 18 de abril de 1816 acordara que os responsables de Matemáticas e Física experimental elaboraran un informe co número, calidade e custo dos instrumentos necesarios para as súas actividades prácticas. A decisión, que podería interpretarse como unha adquisición común de material docente, tiña unha notable transcendencia. Porque os obxectos demandados viñan a cubrir unha deficiencia histórica que impedía un ensino científico actualizado. 

O claustro de profesores da universidade compostelá do 18 de abril de 1816 acordara que os responsables de Matemáticas e Física experimental elaboraran un informe co número, calidade e custo dos instrumentos necesarios para as súas actividades prácticas

Cómpre lembrar que no sistema universitario español de finais do século XVIII e principios do XIX as ciencias tiñan moi escasa presenza. Para corrixir esa anomalía os ilustrados incorporaron algunhas materias científicas ao currículo, porén –como aconteceu con moitas das súas reformas– o seu impacto resultou moi limitado, entre outras cousas porque houbo diversas resistencias ao cambio, entre elas as derivadas do corporativismo da universidade. Ademais, ata comezos do século XIX, a docencia da Física estivo en mans de profesores alleos ás novidades, que explicaban a materia en clave aristotélica. O feito era que os docentes carecían de obxectos e instrumentos que permitiran unha formación científica práctica e actualizada do alumnado. 

Por iso, tras case cinco décadas despois da inclusión desas materias nos estudos universitarios, a decisión do claustro era importante. O 9 de xullo escolleu unha comisión encargada de redactar o informe preciso, formada por Domingo Fontán, Luis Pose e Manuel García Lugín. Nos meses seguintes houbo algunha adquisición pero o tema non avanzou ata abril de 1817, momento no que entrou en xogo Xosé Rodríguez González, ben próximo a Fontán e Pose. 

Busco do matemático Rodríguez en Bermés © Xosé A. Fraga

Aproveitar a “feliz coyuntura”

O receptor do envío foi Manuel Díez Tavanera (ás veces aparece escrito como Tabanera), salientable comerciante e armador residente na Coruña, que nese momento era prior do Consulado Marítimo. Lembremos que sería o armador do barco María Pita que levou a importante expedición da vacina da varíola polo mundo (1801)

Rodríguez, catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago, seguía coas súas viaxes por Europa. Deixara Gotinga a finais de marzo e chegara a París a mediados de abril. O 27 dese mes os membros da comisión compostelá remitiron un escrito ao Reitor e claustro no que aludían a esa circunstancia, indicando que poderían “aprovechar esta feliz coyuntura” para a adquisición dos instrumentos. 

Fontán coñecía os movementos do matemático de Bermés, o seu mestre, correlixionario e amigo; probablemente acordou con este agardar a que estivera na capital francesa para realizar a xestión. O certo é que Rodríguez se ocupou de adquirir e, nalgúns casos, encargar a fabricación de instrumentos aos principais especialistas, como era o caso de Jean-Nicolas Fortin ou de Henri Gambey. Tras meses atento ao tema, “un encargo que me ha molido hasta el último extremo” diría nunha carta a Julián Suárez Freire o 2 de decembro de 1817, o primeiro envío saíu de París para Bayona a fins de novembro dese ano. O material foi embarcado en febreiro de 1818 pero o traxecto ata o porto coruñés non estivo exento de incidentes, complicacións e demoras. Así, por exemplo, Rodríguez –sempre ben relacionado coas autoridades– tivo que botar man das súas relacións na secretaría de Facenda do Goberno español para impedir un rexistro que podería deteriorar os instrumentos. 

O receptor do envío foi Manuel Díez Tavanera (ás veces aparece escrito como Tabanera), salientable comerciante e armador residente na Coruña, que nese momento era prior do Consulado Marítimo. Lembremos que sería o armador do barco María Pita que levou a importante expedición da vacina da varíola polo mundo (1801). Da cidade herculina partiron os valiosos caixóns cara Santiago e o 27 de maio Fontán comunicou ao Reitor "ter baixo a súa chave na sala nº 15 os instrumentos coas correspondentes facturas orixinais dos seus autores”. Despois, en abril de 1819, tería lugar un segundo envío. Rodríguez seguiría enviando materiais, mesmo cando xa abandonara a cátedra de Compostela e era profesor de Astronomía no Museo de Ciencias Naturales de Madrid. O 26 de xuño de 1819 remitiu ao seu amigo Suárez Freire, por medio dun integrante da súa familia protectora (os Taboada), “una cajita que contiene algunas cosas pertenecientes al Gabinete de Física de la Universidad y que por la misma usted se servira entregar al señor y amigo Fontán”. 

O interese do matemático de Bermés polos instrumentos científicos era permanente. Anos despois, sendo deputado, propoñería nas Cortes (decembro de 1821) que, mentres non existira fabricación propia en España, fosen “libres de derechos de entrada todos los instrumentos y máquinas destinadas al estudio y fomento de las ciencias”. Coidaba que eran necesarios para “la enseñanza pública, así como las diversas colecciones clasificadas de minerales y demás productos naturales correspondientes á las ciencias respectivas”, pois entendía –acertadamente– que “al mismo paso que sirven para el estudio de las ciencias naturales, servirán igualmente de modelos para instruir y formar nuestros artistas [construtores]”. Por outra banda, antes da partida de Ramón de la Sagra para Cuba, maio de 1823, Rodríguez prestoulle axuda en Compostela cos instrumentos que levou o científico herculino para as súas medicións. 

Contido dos caixóns, alí estaba o metro

A fins do século XVIII a situación das unidades de medición no mundo, tanto de lonxitude como de peso e volume, estaba dominada pola heteroxeneidade. A Revolución francesa pretendeu resolver ese confuso panorama establecendo un sistema de medidas de valor universal

A Gaceta de Madrid (antecedente do BOE) no seu número 67, páxinas 553-54, recolleu a relación de obxectos que figuraban nos seis caixóns chegados en maio de 1818. Previamente incluíu unha nota, datada o 13 de maio, cunha explicación do proceso: “La universidad (...) zelosa (sic) en no perdonar medio de promover la instrucción de sus alumnos en las ciencias naturales y exactas de tanto interés e importancia para el reino de Galicia (...) acaba de recibir la primera remesa de instrumentos matemáticos y físicos encargados en Paris a D. Josef Rodriguez, dignísimo catedrático de la misma (...) se anuncian al público los artículos comprendidos en ella, y que según relación dada por el Dr. D. Domingo Fontán, catedrático de matematicas elementales, y director de la academia de matemáticas fisica y química, son los siguientes”. 

A relación incluía 50 obxectos de laboratorio e instrumentos de medición, unha valiosa e –como comentamos– pioneira colección para a docencia científica galega. No cuarto lugar da lista aparece o protagonista material deste episodio: “un metro en cobre subdividido en milímetros por Fortín”. Por outra banda, no inventario que realizaría Fontán en 1821 figuraba "un metro legal en cobre subdividido en mm en su caja". 

Domingo Fontán Dominio Público Praza Pública

O metro, tema central da ciencia do momento

En 1791 a Academia de Ciencias de París definiu o metro como a dezmillonésima parte da metade da distancia desde o Ecuador ata o Polo Norte ou Sur. Iso esixía medir con gran precisión o meridiano e, despois, convencer á comunidade científica e aos diferentes gobernos para aplicar o metro como unidade universal

A fins do século XVIII a situación das unidades de medición no mundo, tanto de lonxitude como de peso e volume, estaba dominada pola heteroxeneidade. A Revolución francesa pretendeu resolver ese confuso panorama establecendo un sistema de medidas de valor universal que, ademais, estivera baseado na natureza, na realidade material. A súa aplicación facilitaría o saber con exactitude as características dos territorios co fin de coñecelos e de actuar para realizar comunicacións, utilizar os recursos e comerciar. Asemade, xunto eses obxectivos prácticos, a decisión dos revolucionarios franceses gardaba estreita relación con un dos seus postulados, o referente á igualdade. Medidas iguais nun mundo de persoas con iguais dereitos, cidadáns. 

Rodríguez explicaría certeiramente esa conxuntura no artigo que publicou en 1812 na revista Philosophical Transactions da Royal Society de Londres: “Ao comezo da Revolución Francesa, os sabios aproveitaron o impulso xeral dado ao coñecemento por todo o que eran novidades e cambios, e solicitaron unha nova medición do Meridiano de Francia, coa fin de poder establecer sobre el un novo sistema de pesos e medidas invariables, e tomado da propia natureza”

Nese contexto, en 1791 a Academia de Ciencias de París definiu o metro como a dezmillonésima parte da metade da distancia desde o Ecuador ata o Polo Norte ou Sur. Iso esixía medir con gran precisión o meridiano e, despois, convencer á comunidade científica e aos diferentes gobernos para aplicar o metro como unidade universal. Falamos dunha realización científica de enorme relevancia, importante para a definición do sistema métrico decimal mais tamén para o coñecemento da forma da Terra (Xeodesia).

Os científicos franceses dispuñan datos previos pero optaron, para darlle mellor soporte ao tema, por realizar unha moi coidadosa medición da distancia entre un campanario en Dunkerque e o castelo de Montjuic en Barcelona, que serviría de base para determinar a lonxitude do arco meridiano que vai do Ecuador ao Polo Norte. A expedición encargada de levar a cabo ese labor (1792-1799) estivo dirixida por Jean Baptiste Joseph Delambre e Pierre Méchain. 

Rodríguez era un experto na determinación e difusión do metro

A participación do matemático galego na adquisición do material destinado á universidade compostelá tivo que ver coa relación persoal que mantiña co seu discípulo Fontán pero tamén co seu coñecemento dos instrumentos de medición e en especial os relacionados coa súa actividade científica, como era o caso do metro

A participación do matemático galego na adquisición do material destinado á universidade compostelá tivo que ver coa relación persoal que mantiña co seu discípulo Fontán pero tamén co seu coñecemento dos instrumentos de medición e en especial os relacionados coa súa actividade científica, como era o caso do metro. Ademais –e non era unha razón menor– porque coñecía ben aos especialistas franceses que usaban eses materiais e tiña acceso aos máis importantes construtores. Polo tanto Rodríguez era o contacto idóneo situado no lugar oportuno. 

Lembremos que de 1803 a 1808 acudira a formarse ao Bureau des Longitudes (París), institución fundada en 1795 para atender á navegación marítima, os sistemas horarios, a xeodesia e a observación astronómica, actuando como o organismo de referencia para a sincronización de reloxos do mundo. Alí coñeceu e tratou a destacados especialistas e as relacións que estableceu o de Bermés con Jean Baptiste Biot, François Arago e Alexis Bouvard serían importantes para o seu futuro. 

En 1802 encargarase a Méchain unha nova expedición, continuando a medición do meridiano ata as illas Baleares, porén este científico morreu en 1804 sen rematar o labor. Foi retomado despois da man de Jean-Baptiste Biot e François Arago. Como afectaba ao territorio español, o Bureau des Longitudes, institución encargada de desenvolver o proxecto, solicitou ao Goberno que adscribira a dous especialistas locais para traballar cos franceses, José Chaix Isnail e José Rodríguez. Dese xeito, ao noso matemático abríuselle un novo mundo de coñecemento, relacións e posibilidades, sendo nomeado polas autoridades españolas Comisario das operacións para a medición do Meridiano de Dunkerque a Barcelona. Polo tanto, Rodríguez foi protagonista do proceso de determinación do metro, presentando en 1808 unha memoria co labor realizado. 

Entre 1809 e 1812 estivo en Inglaterra, asistiu ao Servicio cartográfico e seguiu interesado polo tema. Coas actividades que realizara xa era un experto na materia e por iso se atreveu discutir as diversas iniciativas levadas a cabo. Así, como as medicións de William Mudge na Gran Bretaña cuestionaban os traballos e datos previos das expedicións francesas, incluíndo a forma da Terra e as súas dimensións, Rodríguez analizou eses resultados e outros anteriores para resolver a disparidade. Sinalou erros nas medidas de Mudge e ofreceu outras medicións que  reforzaban tanto a tese de Newton sobre a forma da Terra como as medicións ofrecidas por outras expedicións entre elas as francesas. Ademais, defendeu que a medida do metro obtida por esas iniciativas era moi boa, moi precisa.

Sobre o tema que tratamos cómpre facer referencia a un importante documento que elaborara Rodríguez en 1808, cando –en plena invasión francesa– a Junta Superior lle encargou a redacción dunha memoria que servira de orientación para levar a cabo os traballos co fin de elaborar o “mapa exacto” de España, ou sexa, o que sería o primeiro feito con criterios científicos actualizados, triangulación xeodésica, para o territorio hispano. Na memoria noso matemático comezou explicando a necesidade dese mapa: “Toda nación civilizada que desea la prosperidad de su país, debe indispensablemente tener a la vista un diseño exacto de éste, y la descripción geométrica de las operaciones y métodos que han servido para formarlo”. A continuación deu instrucións de como elaboralo. 

Metro enviado por Rodríguez en 1818 (fotografía de Xosé A. Fraga, 23 de maio de 2013) © Xosé A. Fraga

Era o ano 1808. O noso matemático adiantouse, pois, na súa incorporación en España. Lembremos que en 1799 Francia adoptara oficialmente o sistema métrico decimal, abandonado en 1812 e retomado en 1837. En España o proceso foi máis lento e atopou numerosos atrancos. Adoptouse o 19 de xuño de 1849 pero practicamente ata 1895 non se aplicou de xeito pleno

No documento comentado Rodríguez demostrou unha elevada capacidade para entender e expresar o significado da construción do mapa no contexto dunha estratexia xeral de coñecemento do territorio, da catalogación da súa riqueza natural. Afirmou: “En el estado actual de las ciencias, y considerando el poco conocimiento que se tiene entre nosotros de las producciones de la Península me parece que  a la Comisión empleada en las operaciones geodésicas para la formación de los planos de las provincias, debe agregársele otra compuesta de sujetos hábiles en Botánica Minerología, Geología, Química, Física y demás ramas de Historia Natural”, que “deberá recorrer y examinar menudamente el de cada provincia; colectar y describir con exactitud las diferentes producciones naturales que se encuentran en cada una”, tamén a “estructura de los montes, la posición de los Bancos de los Fósiles, la naturaleza y elevación a que éstos se encuentran, la calidad de las tierras, Análisis de aguas termales y minerales, enfermedades endémicas a ciertos países…”. Estaba enunciando un amplo programa de traballo que os ilustrados formularan nalgún momento pero que non se aplicara ou só en moi pequena medida. Unha proposta que, para que entendamos o seu valor, só comezaría a poñerse en práctica –xa na man dos científicos liberais– a mediados do século XIX. 

Volvendo ao tema que nos ocupa, Rodríguez defendeu na memoria a utilización do metro: “La unidad fundamental en un sistema invariable debe tomarse en las que presenta la naturaleza y entre está merece la preferencia, la diezmillonésima parte del cuadrante de meridiano terrestre; bien conocido hoy en día cómo por las últimas medidas hechas en Francia y en España. Todos los pueblos civilizados adoptarán probablemente esta medida física, como tipo de las que se emplean en los usos comunes, no habiendo en ella nada arbitrario ni que presente motivo alguno a las prevenciones nacionales. Por otra parte esta diezmillonésima a que se dio el nombre de Metro no es demasiado larga ni corta, y se presenta con facilidad a todos los usos del tráfico”.

Era o ano 1808. O noso matemático adiantouse, pois, na súa incorporación en España. Lembremos que en 1799 Francia adoptara oficialmente o sistema métrico decimal, abandonado en 1812 e retomado en 1837. En España o proceso foi máis lento e atopou numerosos atrancos. Adoptouse o 19 de xuño de 1849 pero practicamente ata 1895 non se aplicou de xeito pleno.

A decisiva influencia de Rodríguez no labor de Fontán

A pregunta é que dimensión tivo a intervención do mestre na concepción e posta en marcha da Carta Geométrica de Galicia? Coido que a axuda e orientación do matemático de Bermés ao seu discípulo puido ser máis que unha inspiración e axuda, probablemente resultou decisiva

A lista dos instrumentos que en 1818 enviou Rodríguez para a universidade compostelá e recepcionados por Fontán contén un dato que bota luz sobre a relación científica entre ambos. O propio Fontán recoñecía nos seus apuntes autobiográficos, publicados en 1946, que Rodríguez o inspirara no “pensamiento de emprender la triangulación de Galicia y el levantamiento de su Carta Geométrica”, primeiro mapa de perfil científico do país (xunto co xeolóxico de Guillermo Schulz), e lle axudara cos instrumentos. A pregunta é que dimensión tivo a intervención do mestre na concepción e posta en marcha da Carta Geométrica de Galicia? Coido que a axuda e orientación do matemático de Bermés ao seu discípulo puido ser máis que unha inspiración e axuda, probablemente resultou decisiva. 

Na lista de instrumentos indicada figuraba nun primeiro lugar un “círculo repetidor de Borda de 17 1/2 pulgadas de diámetro construido por Gambey, con toda la perfección que exigen sus usos bien conocidos”. Unha peza moi importante para a realización de estudos xeodésicos, para trazar os triángulos nun territorio de cara a elaborar un mapa topográfico rigoroso. O propio Rodríguez falaba na comentada Memoria do “mapa exacto” (1808): “En los triángulos principales será siempre muy ventajoso medir separadamente; y necesario si los lados de estos pasasen de 10 a 15 y 20 leguas; en cuyo caso el exceso de los tres ángulos sobre los dos rectos puede ser de 15 a 20 segundos y aún más. El único instrumento que debe servir hoy día para esta medida es el círculo repetidor de Borda, tanto por su transporte y manejo fácil, cómo por su aplicación general a las observaciones geodésicas y astronómicas, y por su exactitud de los resultados de todas éstas”. Así fixera o noso matemático na expedición de 1806-08 e nos traballos posteriores. 

O que desexo salientar é que ese instrumento, e algún outro da lista, non correspondía ao uso docente para alumnos de Física experimental, curso inicial de Medicina, que teoricamente era o obxectivo da adquisición de material. Deduzo que Rodríguez e Fontán acordaran o seu envío no conxunto remitido para que o segundo o puidera utilizar nas súas medicións: a Carta Xeométrica de Galicia xa estaba na cabeza dos dous. 

O metro na entrada da Facultade de Físicas co profesor Félix Sarmiento (fotografía de Xosé A. Fraga, 23 de maio de 2013) © Xosé A. Fraga

Rodríguez xogou un papel decisivo na elaboración do mapa de Galicia de Fontán, sobre todo na concepción e posta en marcha mais a temperá morte limitou a súa influencia. Lamentablemente, non dispoñemos da correspondencia intercambiada entre mestre e discípulo, un elemento que sería fundamental para avaliar o grao da colaboración

Despois da súa experiencia na medición do meridiano, 1806-08, e os cálculos realizados en Inglaterra, Rodríguez veuse obrigado a volver a Santiago, pois senón perdía a cátedra. Como indicamos era un salientable experto na operación básica para a elaboración de mapas, a construción de triángulos xeodésicos, e un protagonista na determinación do metro. Nese período, dous cursos, Fontán era xa colega seu, profesor da mesma universidade e con relación moi estreita. Dificilmente podería contar cunha persoa cos coñecementos de Rodríguez e tan próxima para asesorarse sobre a elaboración dun mapa. O feito é que tras a marcha do de Bermés, de novo, ao estranxeiro (1814) o seu discípulo comezaría as observacións preliminares para a Carta en 1816 no pazo de Antonio Loriga (Sigrás) e xa, de forma definitiva, en 1817, cando obtivo, por observación astronómica, a lonxitude, latitude e acimut da torre do Reloxo da catedral de Santiago, ben preto da súa residencia. Ese mesmo ano acordou con Rodríguez o envío do círculo de Borda e en maio de 1818 recibiu os caixóns que o mestre remitira a fins de novembro co material que comentamos e, noutros momentos, obras dos astrónomos e matemáticos franceses e ingleses. 

O seguinte paso na elaboración da Carta tivo lugar en 1820, momento no que Fontán mediu unha base na estrada de Santiago a Coruña, en Formarís, utilizando o metro como unidade; tiña a man o enviado por Rodríguez en 1818. Remataría a Carta Xeométrica en 1834 e tivo que superar diversos atrancos para a súa publicación. No proceso axudáronlle algunhas vellas amizade de Rodríguez (morto en 1824), ben situadas na Administración, como Luis López Ballesteros e Jacobo Parga e Puga.

Ademais, no proceso de elaboración da Carta Fontán contaba, el mesmo o recoñeceu en público, con dous importantes manuscritos de Rodríguez, a memoria da proposta de “Mapa exacto” e a do labor realizado coa expedición francesa, unhas estupendas guías de traballo para elaborar un mapa. 

Por todo o indicado, coidamos Rodríguez xogou un papel decisivo na elaboración do mapa de Galicia de Fontán, sobre todo na concepción e posta en marcha mais a temperá morte limitou a súa influencia. Lamentablemente, non dispoñemos da correspondencia intercambiada entre mestre e discípulo, un elemento que sería fundamental para avaliar o grao da colaboración. No caso de Rodríguez, as especiais circunstancias dos derradeiros anos da súa vida fixeron que estea perdida case toda a súa documentación. Fontán non sufriu esa situación pero na Fundación que leva o seu nome non figuran as cartas de Rodríguez nin a memoria deste sobre o traballo que realizou na expedición de 1806-08.

 

 

Visita ao metro de Rodríguez

O 23 de maio de 2013 tiven a oportunidade grazas á amabilidade do profesor Félix Sarmiento Escalona con quen fun á Facultade de Físicas da universidade compostelá. Subimos ao primeiro andar e alí estaba –na súa caixa– o metro construído por Fortin

O metro que enviou o matemático de Bermés é un importante obxecto da nosa historia científica, polo tanto da nosa cultura. A peza de cobre que veu de París cóntanos, se lle facemos as preguntas pertinentes, historias relevantes do período contemporáneo. 

Había tempo que me interesaba a figura de Rodríguez e coñecía a imaxe do seu metro reproducida nalgunha publicación, mais quería velo en directo. O 23 de maio de 2013 tiven a oportunidade grazas á amabilidade do profesor Félix Sarmiento Escalona con quen fun á Facultade de Físicas da universidade compostelá. Subimos ao primeiro andar e alí estaba –na súa caixa– o metro construído por Fortin, nunha vitrina horizontal situada no vestíbulo, xunto con outros obxectos (obviamente, merecería unha propia). Sacámolo ao exterior para poder obter unha fotografía axeitada, mellorada despois por Xosé Díaz. Observeino con veneración e imaxinei a Xosé Rodríguez, o noso “paseante da luz”, portándoo coas súas mans; traéndonos coñecemento e igualdade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.